José Andrés García Cardeso recuperou hoxe a alcaldía da Baña ao prosperar a moción de censura presentada polo Partido Popular e Compromiso por Galicia  contra o socialista José Antonio Pereira Gil. No Pleno celebrado esta mañá pola Corporación da Baña, Cardeso contou cos sete votos a favor de PP e CxG e os catro en contra do PSdeG. O vídeo íntegro da sesión pódese ver neste enlace (preme aquí)

A sesión de hoxe, como establece a Lei Electoral, estivo presidida pola mesa de idade, formada por José Manuel Landeira Liñares (PP), como concelleiro de maior idade, e Lorena Trillo López (CxG A Baña), a máis nova. A moción de censura fora presentada o pasado 26 de novembro polos dous grupos entón na oposición. Cardeso recupera así a alcaldía que ostentou durante 24 anos ata as eleccións celebradas en 2019.

Na súa intervención, Andrés García Cardeso asegurou que a moción de censura é “unha figura lexítima e democrática” contemplada na Lei Electoral Xeral. Tras repasar os motivos que levaron a Partido Popular e Compromiso por Galicia A Baña a presentar a moción, Cardeso dixo que “a política debe servir para unir e non para enfrontar. Por riba das ideoloxías, o importante son as persoas, os veciños e veciñas e o interese xeral”, afirmou o novo alcalde. Concluíu reiterando o compromiso “deste novo goberno plural para acadar o mellor para a Baña”.

20211214 Bana Votacion ALF2138 web

O ex alcalde, José Antonio Pereira, considerou un “acto inxusto” a moción e asegurou que o de hoxe era “un día triste” para o municipio. “Demostramos que un goberno progresista podía mellorar as cousas despois de 24 anos, a pesar da nula colaboración dos outros dous grupos políticos presentes na Corporación”. “Son o alcalde ao que non deixaron traballar polo benestar da Baña”, concluíu Pereira Gil, antes de agradecerlle aos traballadores e traballadoras municipais e á veciñanza o seu apoio.

Pola súa banda, César Ramos recordou que no ano 2019 Compromiso por Galicia lle dera o seu apoio ao grupo socialista, “que non foi quen de aproveitar unha oportunidade histórica e demostrou a súa inoperancia”. Para César Ramos “tan lexítimo é o goberno saínte como o entrante”. Rematou a súa intervención afirmando que dende CxG “obramos con valentía para sacar isto adiante. Dentro de 16 meses, a veciñanza fará a súa valoración nas eleccións”.

20211214 Pleno Bana web Cardeso