• Aprobada por unanimidade a declaración institucional propoñendo o catedrático para o premio na categoría de investigación científica e técnica

  • Todos os concelleiros votaron a favor do bono taxi, do impulso ao galego e da OPE extraordinaria para estabilizar o emprego no Concello

  • O cambio do regulamento do PAI saíu adiante cos sete votos a favor do equipo de goberno e a abstención da oposición

 

A Corporación da Baña aprobou hoxe por unanimidade no pleno ordinario do mes de maio unha declaración institucional de apoio á candidatura presentada pola Xunta de Galicia para que Ángel Carracedo sexa premio Princesa de Asturias 2022, na categoría de investigación científica e técnica. O Pleno adoptou esta opción pola “relevancia neste eido do catedrático” natural de Santa Comba “e o orgullo que supón para o conxunto dos e das bañenses e de toda a nosa comarca”.

Tamén por unanimidade aprobáronse as bases reguladoras para a concesión do bono taxi, a OPE para estabilizar o emprego temporal no Concello, a actualización de prezos do proxecto de mellora da estrada entre Vilar da Torre e Paramos, e a ordenanza de impulso ao galego. A modificación do regulamento do Punto de Atención á Infancia (PAI) aprobouse cos 7 votos do equipo de goberno e coa abstención dos catro concelleiros do PSdeG.

As bases reguladoras das convocatorias das subvencións para a concesión do bono taxi na Baña, que teñen por obxectivo facilitar a mobilidade de persoas maiores, con discapacidade, escasos recursos ou non ter coche, serán publicadas no BOP e sometidas a exposición pública durante un mes. No debate, José Antonio Pereira (PSdeG) criticoulle ao goberno que copiasen literalmente a ordenanza presentada polo ex goberno socialista hai un ano.

O alcalde, Andrés García Cardeso, contestoulle que non eran as mesmas bases, xa que as “estas recollen os acordos tomados polos tres grupos políticos nunha reunión mantida coa ex concelleira Mónica González xusto despois do pleno no que se rexeitaron”. Cardeso e César Ramos replicáronlle ao portavoz socialista que despois desa reunión e ata o mes de decembro (cando se celebrou a moción de censura) “non fixera nada para ter en conta eses acordos e modificar as bases”.

A Corporación ratificou por unanimidade a oferta pública de emprego extraordinaria para estabilizar o emprego temporal no Concello da Baña no ano 2022, e as bases xerais que rexerán esta convocatoria específica. Esta OPE vén motivada pola lei 20/2021 de 28 de decembro, que obriga a todas as administracións a aprobar, antes do 1 de xuño, unha convocatoria específica para converter en indefinidos ou fixos a moitos traballadores temporais das administración públicas. No caso da Baña son 28 as prazas temporais que se incluirán nesta convocatoria.

A modificación do regulamento de réxime interno do Punto de Atención á Infancia (PAI), para dar prioridade ás nenas e nenos da Baña de 0 a 3 anos para ter unha praza, saíu adiante cos votos a favor do equipo de goberno e coa abstención do PSdeG. García Cardeso explicou que o cambio ben motivado pola inspección feita en febreiro por Política Social, que detectou deficiencias, e tamén “para dar prioridade ás familias da Baña na solicitude de praza”, engadiu.

“Actualmente, das 20 prazas ocupadas que hai no PAI, só catro corresponden a nenos e nenas censadas na Baña”, sinalou o alcalde. Dende o PSdeG, Mónica González, replicou que todas as prazas se adxudican segundo establece a normativa vixente en cada momento, e que hai menores no PAI que son descendentes de persoas que traballan na Baña.

A modificación de prezos do proxecto para mellorar a estrada que vai de Vilar da Torre a Paramos aprobouse por unanimidade. Esta obra será financiada pola Deputación da Coruña con 375.843,83 mediante unha subvención nominativa e foi o propio organismo provincial quen solicitou a modificación. A subida de prezos dos últimos meses, motivou que o orzamento se incrementase nun 33%, ao pasar de 469.843,83 euros ata os 626.193,25 euros (156.350 euros máis).

A aprobación definitiva da ordenanza para impulsar o uso do galego no Concello da Baña contou co voto a favor dos once concelleiros, o mesmo que a delegación no Concello de Santa Comba das xestións para coordinar o obradoiro dual de emprego no que tamén participan A Baña, Negreira e Val do Dubra.

20220526 Pleno Bana ordinario mayo ALF3794