O Pleno da Corporación da Baña aprobou onte de maneira definitiva a ordenanza reguladora do Punto de Atención á Infancia (PAI), ao atender dúas das reclamacións presentadas para que se lle dea tamén prioridade no momento da matrícula aos fillos e fillas das persoas que traballan no Concello da Baña. A ordenanza foi aprobada cos votos a favor do equipo de goberno (6) e a abstención do grupo socialista (4).

Por unanimidade da Corporación aprobouse autorizar a un traballador municipal para que poida dar clases nun máster da USC no último trimestre deste ano.

No capítulo de rogos e preguntas, entre outros temas, o portavoz socialista, José Antonio Pereira, preguntou por unhas facturas da Universidade de Santiago sobre a minoración da pobreza enerxética. O alcalde, Andrés García Cardeso, respondeulle que se corresponde co asesoramento e a tramitación do nono eléctrico que están a facer coa veciñanza da baña. “A solicitude do bono eléctrico aumentou un 300% grazas a este asesoramento, e moitos veciños viron rebaixada a factura da luz”, engadiu o alcalde.

Pereira Gil tamén preguntou porqué se lle cobra 30 euros mensuais ás familias polos cursos de natación, cando noutros concellos son máis baratos. García Cardeso respondeulle que o goberno está a “aplicar a ordenanza municipal que foi aprobada polo goberno socialista, que establece 30 euros polos cursos de natación e 100 euros mensuais polos campamentos”.

20220721 Pleno ordenanza PAI 2