• Inspirado nas romarías dos anos cincuenta, contará con mercadiño, postos de artesanía e propostas culturais e musicais para todos os públicos //

20221007 cartel revolta verticalA carballeira de Ceilán (A Baña) acollerá este domingo, 9 de outubro, unha nova edición do Feirón e romaría da Re-Volta, unha celebración que naceu co propósito de recrear o ambiente das antigas romarías dos anos cincuenta do século XX. As actividades, que inclúen mercadiño, postos de artesanía e propostas culturais e musicais para todos os públicos, comezarán ás 11.00 horas. O feirón de Re-Volta está organizada polo Concello da Baña e conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Asociación Veciñal Outeiro.

Ao longo da xornada dominical, veciños, veciñas e visitantes poderán mercar produtos da zona nos diferentes postos do mercadiño e mesmo facerse con algunha antigüidade ou artesanía. Tamén poderán probar un dos manxares con máis sona da comarca de Barcala, as famosas filloas da pedra da Baña.

Non hai romaría sen música. Os Gaiteiros da Baña serán os encargados de animar a festa e, de paso, convidar ás e aos asistentes a botar unhas bailas. Pero non serán os únicos, xa que pola tarde cederán a testemuña ás Regueifeir@s de Galicia, con Lupe Blanco á fronte. Será ás 16.00 horas. E, a partir das 19.00 horas, ao Dúo Ciclón, que poñerá o fin de festa musical. Esta última actuación é cortesía da Asociación Veciñal Outeiro.

Tamén haberá actividades para os cativos e cativas, que desfrutarán cos enredos e as historias dos xogos do Paporrubio pola mañá. Será ás 12.00 horas. E, xa á tardiña, os contos ilustrados Polo Correo do Vento (17.30 horas) farán as delicias de grandes, de pequenos e de pequenas.

A carballeira de Ceilán contará cunha polbeira, para quen queira repoñer forzas, petiscar un bo polbo á feira ou mesmo xantar. E, quen o desexe, poderá traer a súas viandas da casa e comer de campo, como se facía antes nas romarías.

O Concello da Baña anima á veciñanza do municipio e á da contorna a achegarse ata a carballeira de Ceilán e participar e desfrutar do Feirón e romaría da Re-Volta.