• O fotógrafo local amosou algunhas das fotos que fixo por Galicia durante a marea negra provocada polo petroleiro afundido en 2002

  • Actualmente afincado en Italia, o artista agarda “que non se volva repetir unha traxedia similar”

20221105 Javier Iglesias amosa fotos Catastrofe Prestige na Bana 3

O fotógrafo bañense quixo facer hoxe “algo de memoria” e lembrar a traxedia que provocou a marea negra provocada polo afundimento do petroleiro Prestige en novembro de 2002. Na casa da cultura da Baña o artista, actualmente residente en Italia, amosou algunhas das fotografías que fixo durante a catástrofe para “lembrar o acontecido e que non volva ocorrer unha traxedia similar”, dixo.

20221105 Javier Iglesias amosa fotos Catastrofe Prestige na Bana 5

Naquel duro inverno de 2022, Javier Iglesias Ramos guiouse pola radio para “ir percorrendo a costa galega segundo as noticias que escoitaba” para facer fotos, todas en branco e negro. Nas imaxes, que esta mañá amosou na casa de cultura, aparece reflectida toda a traxedia dende moi diferentes ángulos: o traballos dos mariñeiros, a chegada dos voluntarios, as aves cheas de fuel, o chapapote na costa galega, as manifestacións e a tristura de tanta xente.

Ao final da súa exposición, amosou un vídeo que recolle algunhas destas imaxes titulado ‘Black Tide Oil Slick’ (‘Marea negra, marea negra’) que se pode ver neste enlace (preme aquí).

 

Antes e despois da charla de Javier Iglesias, os Gaiteiros da Baña interpretaron dúas pezas que Emilio Lois recuperou de veciños hai anos. “A muiñeira ‘A ventosela’ escoitella a principios de século a Francisco Caamaño, de Marcelle”, recordaba Emilio Lois. Tras o acto, tocaron ‘Viva Ribeira’, que lle ensinou Eduardo de Evaristo, de Corneira.

20221105 Javier Iglesias amosa fotos Catastrofe Prestige na Bana 7