• Anuncia cortes de tráfico ao longo da mañá polo percorrido da proba e solicita que non se aparquen vehículos na praza do Concello 

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, ven de asinar un bando no que solicita a colaboración veciñal para o desenvolvemento da I Carreira San Vicenzo. A proba, con saída e chegada na praza do Concello, celebrarase este domingo, 22 de xaneiro, coincidindo co Patrón da Baña, de 12.00 a 14.00 horas.

Por ese motivo,  no bando o Concello pide á veciñanza que non aparque os seus vehículos na praza do Concello ao longo da mañá do domingo, nin nas súas inmediacións. Tamén se solicita comprensión veciñal respecto dos cortes de tráfico que se producirán ao paso da carreira nos lugares de San Vicenzo, Vesía, Guende, Xasoso, O Castro, Señor e A Castiñeira.

A I Carreira San Vicenzo, non competitiva e de 4 quilómetros, está organizada pola Concellaría de Promoción da Vida Activa e Deporte e terá como padriño o karateka Nicolás Carnota. Haberá medallas para todos os participantes e, ao rematar a proba haberá sesión vermú a cargo do Dúo Rosán. Os máis cativos poderán gozar nos inchables na liña de meta e tomar chocolate quente.