-
José Antonio Pereira mantén unha retribución de 32.200 euros anuais, e Mónica González 24.150 euros por unha dedicación do 75% da xornada
-
Mónica González, Jesús Pena e Vanessa Gil serán, por esta orde, tenentes de alcalde
-
As sesións plenarias celebraranse o último mércores dos meses impares ás 20.30 horas
O Pleno de organización da Corporación da Baña aprobou onte o réxime de sesións, que se celebrarán os últimos mércores dos meses impares, e as retribucións que percibirán o alcalde e a primeira tenente de alcalde polas súas dedicacións exclusiva e parcial, respectivamente. José Antonio Pereira percibirá unha retribución bruta anual de 32.200 euros, lixeiramente inferior á do seu predecesor. Pola súa banda, Mónica González (BNG), recibirá 24.150 euros brutos anuais por unha dedicación equivalente ao 75% da xornada laboral. Os tenentes de alcalde serán Mónica González, Jesús Pena e Vanessa Gil.
As retribucións foron aprobadas cos votos a favor de PSdeG (5) e BNG (1) e a abstención do PP (5). Co mesmo resultado na votación acordouse crear a Xunta de Goberno Local, que se reunirá cada quince días e estará formada polo alcalde, Mónica González y Jesús Pena.
Os plenos da Corporación seguiranse celebrando cada 2 meses, concretamente o último mércores dos meses impares, a partir das 20.30 horas, como medida para facilitar a asistencia da veciñanza. A primeira sesión ordinaria celebrarase o 27 de setembro. Este punto aprobouse por unanimidade.
Así mesmo, aprobouse por unanimidade crear as comisións informativas de Asuntos do pleno e a Especial de Contas, nas que se sentarán 2 representantes do PSdeG, 2 do PP e 1 do BNG. As remuneracións por asistencia a plenos, comisións e Xunta Local de Goberno para os concelleiros e concelleiras que non teñen dedicación quedou fixada en 75 euros.
Na sesións tamén se designou as persoas que representarán ao Concello da Baña nos diferentes órganos colexiados nos que ten representación. Este punto aprobouse cos votos a favor do equipo de goberno (PSdeG e BNG) e a abstención do PP.
Distribución de concellarías
Na sesión de hoxe tamén se deu conta da distribución de competencias entre os concelleiros do grupo de goberno, formado polo PSdeG (5) e BNG (1), e que queda do seguinte xeito:
José Antonio Pereira. Alcalde e competencias en Servizos básicos, patrimonio e persoal.
Mónica González Blanco. Primeira tenente de alcalde. Acción social, cultural e servizos a cidadanía.
Jesús Manuel Pena Varela. Segundo tenente de alcalde. Obras, urbanismo e medio rural.
Vanessa Gil Vilacoba. Terceira tenente de alcalde. Formación, emprego e relacións veciñais.
Álvaro Silva Suárez. Contas, comunicación e novas tecnoloxías.
Ana Pensado Louzao. Turismo, deporte e relacións institucionais.