O orzamento total da actuación ascende a 250.000 euros dos que a institución provincial aportará o 80% || 

Con esta obra mellorarase a circulación e a seguridade viaria dunha estrada moi transitada pola veciñanza || 

20230918 Sinatura deputación concello obras11

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para cofinanciar as obras de arranxo da pavimentación das vías públicas entre Vilar da Torre e Lañas.

O acto da sinatura contou tamén coa asistencia do deputado Antonio Leira.

A Deputación destinará 200.000 euros do investimento, que supón o 80 % do orzamento total, para unhas obras que teñen como obxectivo mellorar a circulación e a seguridade viaria no tramo que transcorre entre Vilar da Torre e Páramos.

20230918 Sinatura deputación concello obras22

Trátase dunha estrada moi transitada e moi empregada por toda a veciñanza da comarca, polo que as melloras executaranse en dous prazos: primeiro levarase a cabo a explanación e o rasanteo do firme, así como a limpeza e o perfilado de beiravías; para a continuación estenderse unha base de macadam de 15 cm. de grosor, ademais de colocar un rego de penetración e un rego superficial para completar a obra.

Con esta nova acción mellorarase unha infraestrutura de carácter básico e moi utilizada para o Concello da Baña, mellorando o día a día tanto da súa veciñanza como a dos habitantes da comarca.