• As obras consistiron na revisión da cuberta, a limpeza da fachada exterior e a instalación de luminarias LED

  • Confírmase a incorporación dunha enfermeira ao persoal do centro e o Concello subliña a necesidade de reforzar o servizo de pediatría

20231218 FOTOXUNTA Visita centro saude 3O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, o alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, e a tenente de alcalde, Mónica González, supervisaron as obras realizadas no centro de saúde. Estas melloras, cun orzamento superior a 48.000 €, foron posibles grazas a un convenio entre a Xunta e o Concello bañense.

O Concello da Baña encargouse da coordinación técnica e da execución das obras, que incluíron a substitución das luminarias por outras de tecnoloxía LED para aforrar enerxía, a limpeza da fachada exterior e unha revisión da cuberta.

Tamén participaron na visita a directora de Recursos Económicos da área sanitaria de Santiago, María José López Rebollo; o director de Atención Primaria, Felipe Calle; e o portavoz local do PP, Andrés García Cardeso.

Reforzar o servizo de pediatría 

Por outra banda, confirmouse a incorporación dunha nova enfermeira ao persoal do centro sanitario. Os representantes do goberno local insistiron tamén na necesidade de reforzar o servizo de pediatría, que só conta cun facultativo dous días á semana. Esta reivindicación xa fora expresada por parte do Concello na reunión mantida a comezos de setembro con Eloína Núñez e facultativos do centro de saúde da Baña.