-
Nos cinco expedientes extraxudiciais de crédito para pagar a provedores, facturas por máis de 720.000 euros tiñan algún tipo de reparo dende Intervención
-
O alcalde destaca a boa xestión do goberno municipal para facer fronte en oito meses a situación económica que deixou o anterior bipartito
-
O importe do POS+ ascende a 425.000 euros, dos que se destinarán 239.000 a gasto corrente e 185.000 para facer obras
-
O POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios ascende a 68.468 euros
-
Aprobados definitivamente os orzamentos municipais de 2024 e a ordenanza do PAI
O Pleno da Corporación da Baña aprobou onte de forma definitiva os orzamentos municipais para 2024, a ordenanza reguladora do Punto de Atención á Infancia (PAI) e o POS+ Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña, así como cinco expedientes extraxudiciais de crédito para pagar facturas a provedores que ascenden a preto de 700.000 euros. O alcalde, José Antonio Pereira, destacou a boa xestión do goberno municipal “que en oito meses foi quen de reducir case á metade a débeda que deixou no Concello o goberno de PP e Compromiso, que ascendía a 1,6 millóns de euros cando chegamos á alcaldía”, dixo.
Na sesión de onte tamén se aprobou o POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios (68.000 euros) e a nova composición da mesa de contratación, que pasará a estar presidida polo alcalde e formada por 3 vogais (o secretario-interventor municipal e dous funcionarios). O secretario da mesa será outro funcionario. “Como alcalde, poderei delegar a presidencia noutro membro da Corporación cando o considere oportuno”, dixo Pereira Gil.
Os orzamentos municipais para 2024 quedaron definitivamente aprobados ao non presentarse alegacións, igual que a ordenanza reguladora do PAI, tras ser atendida a única aportación remitida pola cidadanía. Tamén se aprobou a política de seguridade do Concello, despois de que A Baña se adherise á Oficina Técnica de Ciberseguridade Provincial da Deputación da Coruña.
En canto ao Plan de Obras de Servizos (POS+), Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña, que no caso da Baña ascende a 425.482 euros, a Corporación aprobou destinar 239.639 euros a financiar gasto corrente e 185.842 euros para facer obras.
Na relación de obras incluídas nos POS+ figura a mellora do primeiro treito do camiño de Monelos, “que estamos obrigados a urbanizar por sentenza xudicial, polo que incluímos unha partida de 48.370 euros para arranxar o primeiro tramo”, explicou José Antonio Pereira. Tamén se reforzará o firme no viario de Nantón a Buchaín, con 137.472 euros. Outra parte deste viario está incluída no POS+ Complementario “para poder completar a obra”, segundo explicou o alcalde. O plan complementario do POS+, que ascende a 121.000 euros, inclúe tamén a mellora de viarios en Vilar da Torre e a mellora da capa de rodaxe da pista de Cerdeiras (Corneira).
O primeiro Pleno ordinario do ano na Baña tamén aprobou o POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2024, que ascende a 68.468 euros. Un montante que se distribúe en 24.968 euros para reforzo ou ampliación do persoal técnico dos Servizos Sociais do Concello, 6.000 para axudas de emerxencia, 35.000 euros para ampliar o servizo de axuda a domicilio e 2.500 euros para aluguer de equipamento técnico asistencial para cesión de uso ás persoas que o necesiten.