- As risas e o bo humor chegarán da man de pezas como ‘Monólogos 3 en 1’, ‘Marcho que teño que marchar’, ‘Vicio houbo sempre’, ‘E ti de quen ves sendo’ e ‘Enredadas’
O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, presenta unha nova edición do seu programa Outono Cultural co ciclo Outono de Monólogos.
As actuacións comezarán xa este venres 20 de setembro da man de Debullando Teatro e o seu Monólogos 3 en 1 cargado de gargalladas e bo humor.
No mes de outubro a cita é coa compañía Inventi Teatro, que o venres 4 ofrece Marcho que teño que marchar. Trátase dun emocionante e divertido espectáculo unipersonal protagonizado por Bea Campos que ofrece un momento para a reflexión sobre os roles establecidos, as herdanza culturais e as tradicións familiares.
O mes de novembro estará repleto de humor e teatro, con tres espectáculos programados. O día 8 de novembro, Xarope Tulú achegará ao público a obra Vicio houbo sempre onde Atenea García recolle historias de vía nas marxes de mulleres maiores de 85 anos. Estas charlas acaban, en moitas ocasións, falando de pracer e sexualidade, de cousas supostamente prohibidas tempo atrás, deixando entrever que cousas como chegar virxe ao matrimonio sucedía, pero non sempre.
O día seguinte, o 9 de novembro, Debullando Teatro volverá ao escenario, desta vez en Lañas, cunha nova función titulada E ti de quen ves sendo ás 19:00 horas.
O ciclo pecharase o venres 22 de novembro coa actuación de Leti da Taberna que presentará Enredadas. Neste monólogo Leticia Miraz explora en ton irónico a nosa relación coas redes sociais e como nos inflúen no noso día a día, provocando que o público se vexa identificado coas situacións que se presentan e acabe ríndose de si mesmo.
Todas as actuacións levaranse a cabo na Casa da Cultura ás 20.30 horas excepto E ti de que ves sendo que terá lugar en Lañas ás 19.00 horas.
Este Outono de Monólogos está organizado co apoio da Deputación da Coruña, ofrecendo unha programación variada e de calidade para todas as idades, que promete encher de risas e bo humor as tardes de outono á veciñanza do Concello da Baña.