• O convenio permitirá mellorar a eficacia e accesibilidade dos servizos municipais grazas á interconexión coa plataforma dixital da Deputación

  • O alcalde José Antonio Pereira asistiu ao acto de sinatura do convenio no Pazo de Mariñán

20241111 Convenio Concello DixitalA Deputación da Coruña continúa promovendo a dixitalización nos concellos da provincia. O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, asistiu o luns 11 de novembro á sinatura dun convenio de colaboración coa Deputación no Pazo de Mariñán, co obxectivo de impulsar a implantación da administración electrónica e mellorar a eficiencia e accesibilidade dos servizos municipais en concellos de menos de 20.000 habitantes.

O convenio, cunha duración inicial de catro anos prorrogables, permitirá reducir os tempos de tramitación administrativa e facilitará a interacción entre o Concello e a cidadanía. Mediante este proxecto, a Baña contará cunha interconexión co sistema integral de servizos da Deputación, que inclúe un amplo catálogo de ferramentas de administración electrónica e soporte para o persoal municipal e a veciñanza.

Esta iniciativa enmárcase dentro do programa Concello Dixital, un proxecto da Deputación que busca modernizar as administracións locais e que leva un investimento de máis de 16 millóns de euros en estratexias de transformación dixital para os concellos. Segundo o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, "beneficiou xa a preto de 500.000 persoas, que viron reducidos os tempos de primeira resposta administrativa nun 25%, e nun 40% na resolución de expedientes".

A Deputación estima que o uso da administración electrónica supuxo no que vai de 2024 un aforro ás arcas públicas de preto de 20 millóns de euros. A institución provincial segue reforzando este obxectivo con medidas adicionais como un Plan de Ciberseguridade para os sistemas da Deputación e das administracións locais, e as Oficina do Dato, de Accesibilidade e Servizos Dixitais, e o proxecto Acelera Pyme, destinado a superar a fenda dixital e a dar un impulso tecnolóxico no rural.