• José Antonio Pereira informou no pleno que os cinco terminais seguen sen aparecer e que tanto Concello como Fiscalía piden que se celebre o xuízo por malversación de caudais públicos

  • O ex alcalde asegura que no xuízo demostrarase a súa inocencia

  • Aprobada a ordenanza que regula as prestacións de emerxencia social e a modificación das ordenanzas de uso de áreas recreativas e de corta de madeira

  • Unanimidade para apoiar a declaración institucional contra o vertedoiro de residuos na canteira Pedra Facha de Val do Dubra

 

O alcalde da Baña e portavoz do grupo socialista, José Antonio Pereira, solicitou no pleno ordinario celebrado este 9 de abril a dimisión do exrexedor e portavoz do PP, José Andrés García Cardeso, que está acusado dun delito de malversación de caudais públicos e para o que fiscalía e Concello solicitaron a apertura de xuízo oral no xulgado do penal. García Cardeso respondeu que el non se apropiou dos 5 teléfonos e que no xulgado demostrará a súa inocencia. (Vídeo íntegro do pleno).

José Antonio Pereira deulle conta ao Pleno do auto do procedemento abreviado 60/2024 que se sigue no xulgado de Negreira pola desaparición de cinco teléfonos móbiles (o Concello pagou 6.585 euros por eles, entre os que se atopan un iPhone de última xeración),  polo que se acusa a o exalcalde, Andrés García Cardeso, dun delito de apropiación indebida e malversación de caudais públicos. No auto, de data 27 de febreiro, o titular do Xulgado de Instrución número 1 de Negreira dalle 10 días ás partes para solicitar a apertura de xuízo oral. Como denunciantes neste proceso figuran o Concello da Baña, José Antonio Pereira e a propia Fiscalía.

José Antonio Pereira informou que tanto el como o Concello xa solicitaron a apertura de xuízo oral, “motivo polo que en calidade de alcalde e de portavoz do grupo socialista da Baña solicitou a dimisión de Andrés García Cardeso como concelleiro e como portavoz do PP, ao non ser acorde que vostede represente neste Concello a gran parte da poboación deste municipio”, asegurou no pleno o actual alcalde. Pereira Gil volveu recordar que despois das eleccións desapareceran 5 móbiles mercados polo Concello, cun valor de 6.585 euros, e que das investigación levadas a cabo pola Garda Civil e polo xulgado de Negreira, o xuíz atopa serios indicios dun delito de apropiación indebida e malversación de caudais públicos cometidos por Andrés García Cardeso e por outra persoa das que non se facilitou o nome.

Andrés García Cardeso volveu insistir no pleno de onte que os móbiles están no Concello, que foron utilizados por persoal municipal e que no xulgado se demostrará a súa inocencia. “Podedes pedir a dimisión e o que queirades. O que pon o auto non é certo. Hai que esperar acontecementos, dirimirase todo no xulgado”, asegurou.

Ordenanza de emerxencia social

Na sesión de onte, o Pleno da Baña aprobou inicialmente e por unanimidade a ordenanza que regula as prestacións de emerxencia social para atender urxencias puntuais e sobrevidas da veciñanza que se atope en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social. O obxectivo é regular as prestacións de emerxencia social no Concello da Baña, garantindo que as persoas en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social poidan acceder a axudas económicas en casos de urxencia. 

Estas prestacións estarán destinadas a cubrir necesidades básicas como a alimentación, os gastos sanitarios ou os custos de mantemento da vivenda. O pasado 10 de marzo, o Concello abriu no mes de marzo un proceso de participación cidadá para mellorar esta ordenanza, que foi aprobada agora inicialmente por unanimidade, pubicarase no BOP es estará a exposición pública durante 30 días para poder aportar suxestións.

Ordenanza de áreas recreativas e corte de madeira

Na sesión de onte tamén se acordou modificar o artigo 5 da ordenanza reguladora do uso das áreas recreativas da Baña. No caso concreto da área recreativa Agra de Chans mantense a fianza de 50 euros que deberán depositar todas as persoas que soliciten o seu uso. A partir de agora, as persoas non empadroadas na Baña deberán pagar un alugueiro de 50 euros por usar esta área recreativa. A liquidación da fianza e da taxa de alugamento deberá depositarse nunha das entidades bancarias nas que teña conta o Concello da Baña.

O Pleno tamén modificou a ordenanza que regula as plantacións e as cortas de árbores na Baña. Co cambio aprobado establécese a obrigatoriedade de comunicar ao Concello, cun mínimo de 15 días hábiles de antelación, a data prevista para o inicio da corta de plantacións forestais sempre que superen as 5 toneladas, co obxectivo de garantir a preservación do medio ambiente e a conservación dos camiños e das pistas rurais. A ordenanza tamén obriga, entre outros aspectos, identificar o nome do propietario a do madeireiro e tamén a parcela na que se cortará a madeira.

A ordenanza tamén establece fianzas en función da capacidade dos vehículos que transporten a madeira, fianzas que serán de 1.600 euros para camións de menos de 16 toneladas de carga, e de 3.100 euros para os vehículos que superen este peso máximo autorizado.

A modificación aprobada tamén prohibe o almacenamento de madeira nas vías públicas, entre outros aspectos. A ordenanza tamén recolle sancións de entre 300 e 1.500 euros no caso de infraccións.

Rexeitamento dun vertedoiro en Val do Dubra

No Pleno tamén houbo unanimidade para amosar o rexeitamento ao proxecto de instalación dun vertedoiro de residuos na canteira Pedra Facha, no municipio de Val do Dubra, propoñendo que a súa rexeneración se realice, no seu caso, mediante un proxecto alternativo baseado na rehabilitación natural que xa se está a dar e que non inclúa a creación de dito vertedoiro.

Dende o Concello da Baña apoiaranse aquelas iniciativas institucionais ou veciñais en contra deste vertedoiro, que xa recibiu máis de mil alegacións.

Cancelación do desfile de Entroido

Na sesión de rogos e preguntas, o punto que xerou maior debate foi a cancelación do desfile de Entroido. Andrés García Cardeso preguntou por que se cancelou sen falar cos portavoces dos tres grupos e non se pospuxo o desfile para outro día.

A tenente de alcalde e concelleira de Acción social, Mónica González, como responsable desta área, replicoulle ao portavoz popular dicindo que o día 7 de marzo se enviou un correo electrónico tanto ao alcalde como ao portavoz do PP a decisión de cancelar o desfile por motivos das inclemencias meteorolóxicas.

Mónica González dixo que dende MeteoGalicia informáronlle de que tanto para o día 8 de marzo (data prevista para o desfile) como para a seguinte semana non aconsellaban celebrar o desfile pola previsión de fortes refachos de vento. Ademais desta circunstancia, a tenente de alcalde recordou que ao estar de baixa a secretaria do Concello non se podían modificar as bases do Desfile, motivo polo que se decidiu cancelar o evento. Unha decisión que foi criticada tanto polo grupo popular como polo grupo socialista, segundo deixou patente a concelleira Vanessa Gil, ao considerar que se puido celebrar outro día. “O proceso de tramitación non facía posible este cambio de datas ou de lugar de celebración”, segundo dixo Mónica González.

20250409 Banha pleno ordinario ordenanza emerxencia social 1