O Concello da Baña vén de facer públicas as bases do Concurso de clans castrexos da I Festa Castrexa 2022, no que se premiará o mellor clan caracterizado, o máis numeroso e o máis diverso. O certame é un dos puntos fortes do programa da festa, que terá lugar o sábado 21 de maio no lugar do Castro.
Os participantes no concurso deberán vestir acorde á temática da festa: casaca e pantalón de liño, capas con pel, calzas de coiro con calcetíns de la... Ademais, cada clan estará identificado cun nome (que deberá constar no momento da inscrición) e portará un estandarte identificativo que os represente.
Hai en xogo premios en metálico, con 200€ para os vencedores nas categorías de clan mellor caracterizado e máis diverso; e tamén unha cea por valor máximo de 200€ para o clan máis numeroso, para desfrutar no recinto da feira castrexa no mesmo día.
Canto a número mínimo de participantes, con dúas persoas será suficiente para optar á modalidade de clan mellor caracterizado, mentres que os máis numerosos deberán superar os 9 integrantes. Por último, a categoría de máis diverso estará composta por un mínimo de 8 persoas que han de ser diversas en idade (avós e netos, por exemplo). As persoas participantes poderán presentarse a distintas categorías.
Aquelas persoas que desexen participar no Concurso de clans castrexos deberán cubrir a ficha de inscrición anexa nesta nova e enviala por correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., ou ben entregala nas oficinas do Concello. Así mesmo, os participantes menores de idade achegarán unha autorización de participación asinada pola nai, pai ou titor/a legal.
As bases do concurso, a ficha de inscrición e a autorización para menores de idade poden descargarse nos arquivos adxuntos.