A organización tivo que preparar o dobre de amoado, máis de 3.000 litros, tras consumir 1.500 a tarde do sábado
Milleiros de persoas achegáronse hoxe e o sábado pola tarde ata o pavillón de San Vicenzo para degustar un produto ecolóxico
Juan Ramón Díaz, de CRAEGA, louvou unha festa que aposta polo produto de proximidade, de calidade e ecolóxico
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, unha das incondicionais desta festa, e o de Facenda, Miguel Brocos, animáronse a facer unha filloa
A fama das filloas e o bo tempo foron dous dos ingredientes que facilitaron que a Festa da Filloa da Pedra da Baña superase este ano, e con moito, as previsións máis optimistas da organización. Milleiros de persoas achegáronse ata o polideportivo de San Vicenzo para degustar este rico manxar que, ademais, este ano fíxose con produtos ecolóxicos facilitados por CRAEGA. Tal foi a afluencia que o Concello e a Asociación Filloas da Pedra da Baña tiveron que duplicar os litros de amoado para dar de cometer a tenta xente. Dos 1.500 previstos inicialmente, e que se consumiron xa o sábado, ao final preparáronse máis de 3.000 litros de amoado, para os que se empregaron 300 quilos de fariña de trigo do país, 260 ducias de ovos e 30 quilos de touciño cedidos polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA)
“É a festa máis multitudinaria que se recorda nas 19 edicións que levamos celebradas”, asegurou o alcalde, Andrés García Cardeso, o que lle da pulo á organización (Concello e Asociación) para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico Galego para celebrar o vinte aniversario. Juan Ramón Díaz, quen acudiu en representación do presidente de CRAEGA (que está enfermo) louvou o traballo e amosou o seu recoñecemento a todas as persoas que fan posible esta festa.
A Festa da Filloa da Pedra “preserva unha tradición, que ademais de utilizar produtos de calidade, este ano engádenlle que son ecolóxicos, polo que están a respectar o medio ambiente”, dixo Juan Ramón Díaz. Para o representante do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, a Festa da Filloa da Pedra da Baña axuda a “manter o legado dos nosos antergos e a poñer en valor o produto de proximidade”, asegurou.
Entre as autoridades que acudiron ata San Vicenzo atopábanse a conselleira do Mar, Rosa Quintana, unha das incondicionais da Festa da Filloa da Pedra da Baña, e o de Facenda Miguel Corgos. Xunto a eles estaba José Manuel Rus, en nome da Asociación de Filloas de Muimenta (Lugo), que por terceiro ano consecutivo acoden ao convite bañense para promocionar conxuntamente ambas festas. O tenente de alcalde da Baña, César Ramos, e membros da Corporación bañense; o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos Corral; a presidenta e a xerenta do GDR Terras de Compostela, Guarina Rey e Chefa Fernández; os alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández; Santa Comba, María Pose, e Val do Dubra, José Manuel Varela; o tente alcalde de Vedra, Manuel Costa; os concelleiros de Turismo de Ames, Manuel Lens,- e o do PP de Negreira, Rubén Suárez, tamén se animaron a facer algunha filloa da pedra.
A organización mobilizou a máis de 50 voluntarias e voluntarios, entre os que se atopaba o chef José Manuel Mallou, que dende o venres pola tarde fixeron preto de 30.000 filloas nas 40 pedras de 40x40 cm que se dispuxeron no polideportivo de San Vicenzo. Os milleiros de visitantes puideron degustar este exquisito manxar, xunto coas filloas de Muimenta, acompañadas de racións de orella, chourizo e lacón, como propostas salgadas, ou de chocolate, nata ou mel para os máis larpeiros.
O polideportivo de San Vicenzo abriu as súas portas ás dez da mañá nun ambiente claramente festivo. Tanto dentro coma nos seus arredores había atraccións de feira para a cativada, polbeiro e diversos postos de comida, artesanía, roupa ou xoguetes.
Ao mediodía, os grupo de gaitas Santa Combers comezou a animar o ambiente con música popular. Tras a visita que as autoridades fixeron ás voluntarias e voluntarios filloeiros, e dun xantar coa filloa da pedra como ingrediente principal, a charanga Os Atrevidos amenizaron a sobremesa a partir das tres e media da tarde.
A Orquestra Olympus animou unha concorrida verbena, avanzando algúns dos temas que tocará esta temporada en moitas verbenas galegas. No descanso da orquestra, unha tirada de fogos artificiais sorprendeu a moitos dos presentes.