-
A cativada desfrutou de espectáculos, xogos, obradoiros e da visita de Papá Noel e do Apalpador //
-
Destacou a presenza da AFA do CPI San Vicente e do alumnado de 4 de ESO, que recadou fondos para a excursión de fin de curso a París //
-
O Concello cédelles para a viaxe os 576 euros que xuntou coa venda de filloas //
-
Na cita déronse a coñecer as catro gañadoras do Concurso de Postais: Saínza Fajín, Carlota Amarelle, Valentina García e Paula Mourelle //
O pavillón municipal de San Vicenzo acolleu este domingo, 14 de decembro, a celebración dunha nova edición do Mercado de Nadal da Baña, unha cita xa consolidada no calendario da comarca que contou con postos de artesanía e larpeiradas, actuacións musicais, espectáculos infantís ou obradoiros creativos para todas as idades.
As familias foron o público máis numeroso no Mercado de Nadal. A cativada desfrutou do espectáculo Agasallos do Apalpador: palabras e xoguetes, da Xanela do Maxín; así como de distintos xogos tradicionais e tamén puido facerlle ás súas peticións tanto a Papá Noel como ao Apalpador.
O Mercado serviu ademais como escenario para a entrega de premios do Concurso de Postais de Nadal en Galego, dirixido á rapazada de ata 16 anos . As mozas gañadoras foron:
- Categoría infantil: Saínza C. Fajín
- Categoría de 1º, 2º e 3º de primaria: Carlota Amarelle
- Categoría de 4, 5º e 6º de primaria: Valentina García Fadeville
- Categoría de ESO: Paula Mourelle Porteiro
Ao longo do día desenvolvéronse distintas actividades nas que participou activamente a veciñanza. Abriu o mercado a a actuación da agrupación da Escola de Música Tradicional da Baña e pola tarde animaron a cita cos seus cantos As Atrevidas de Monte.
Tamén tivo unha presenza destacada no pavillón municipal a AFA do CPI de San Vicente, que se puxo á fronte de varios postos e organizou un concorrido obradoiro de coroas naturais. Pola súa parte, a rapazada de 4º de ESO aproveitou a xornada para recadar fondos de cara á súa viaxe de fin de curso a París. Ademais do importe que gañaron vendendo rifas e as súas delicias gastronómicas, o Concello da Baña fíxolles entrega dos 576,15 euros que recadou coa venda de filloas da pedra.
A SD A Baña levou a cantina e sorteou unha cesta de Nadal, que gañou Nieves Pena.
O chocolate quentiño e as filloas de pedra da Baña, entre outras moitas larpeiradas, fixeron a delicia dos presentes ao longo do día. O Concello quere agradecerlle a súa axuda ás persoas voluntarias que participaron tanto na feira como na elaboración das filloas e nomeadamente a Elena López, primeira embaixadora da Festa da Filloa da Pedra.
