• A celebración comeza ás 12.00 horas coa actuación da Escola de Música Tradicional da Baña

  • Os obradoiros creativos e de coroas naturais, así como os xogos populares animarán a participación veciñal 

  • A visita de Papá Noel e do Apalpador será un dos momentos máis esperados 

  • Haberá postos de artesanía, doces típicos e poderán degustarse as populares filloas de pedra

 20251214 Mercado Nadal horizontal

 

O pavillón municipal da Baña será o vindeiro domingo 14 de decembro o punto de encontro das festas do municipio coa celebración do Mercado de Nadal 2025, unha cita organizada dende a Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía que regresa cun programa variado e pensado para todas as idades.

A xornada comezará ás 12.00 horas coa apertura oficial e a actuación da Escola de Música Tradicional da Baña, que dará paso, ás 12.30 horas, ao primeiro obradoiro creativo: Miña casiña, meu lar, con sesións de mañá e tarde para todos os interesados. Xa pola tarde, ás 15.30 horas, será a quenda do grupo As Atrevidas de Monte, que encherán o pavillón de música e diversión, mantendo o espírito festivo e familiar durante toda a xornada.

Ás 16.00 horas, o público poderá participar no obradoiro de coroas naturais, organizado por AFA Avania e dirixido a persoas adultas e a cativada a partir de 6 anos, para o que é necesaria inscrición previa no teléfono 697 342 138.

Ás 17.00 horas, a compañía A Xanela do Maxín presentará o espectáculo familiar Agasallos do Apalpador: palabras e xoguetes un espectáculo familiar no que o Apalpador baixa das montañas do Courel para recuperar palabras en galego esquecidas. As nenas e nenos participarán redescubrindo nomes de xoguetes e expresións antigas, e despois poderán xogar e dar vida a esas palabras nunha instalación con xogos e xoguetes tradicionais.

Tras a representación, chegará un dos momentos máis esperados: a chegada conxunta de Papá Noel e o Apalpador, prevista para as 18.15 horas, seguida de xogos populares abertos a todas as idades ás 18.30 horas. Ás 19.30 horas, darase a coñecer o fallo do concurso de Postais de Nadal en galego, no que participou a mocidade do concello co obxectivo de facer visible o noso idioma nestas datas. Todas as postais estarán expostas na feira, completando así unha xornada cultural e lúdica para todos.

O Mercado pechará ás 20.00 horas, despois dunha intensa xornada na que veciñas e veciños poderán tamén gozar dos tradicionais postos de artesanía, doces típicos e das populares filloas de pedra.

A Concello da Baña convida á veciñanza a achegarse ao pavillón para compartir unha xornada festiva, apoiar o comercio local e vivir o espírito do Nadal en comunidade.