• A concelleira Mónica González debullou na praza de Abastos de Santiago os detalles dunha edición que aposta pola inclusión social e a artesanía 

  • O domingo 8 de febreiro, A Baña converterase no epicentro gastronómico con degustacións, obradoiros e as actuacións de De Ninghures e a Escola de Música Tradicional

20260129 Banha presentacion festa Filloa da Pedra 14

O Concello da Baña presentou este xoves en Santiago de Compostela a XXII Festa da Filloa da Pedra, nun acto celebrado na Aula Gastronómica da Praza de Abastos que combinou divulgación, tradición e experiencia en directo. A concelleira de Acción social, cultural e servizos á cidadanía, Mónica González, foi a encargada de debullar os detalles dunha nova edición que reforza a identidade da festa “como referente gastronómico e cultural de Galicia” e que contará coa actuación do recoñecido grupo De Ninghures como un dos grandes atractivos da xornada.

A presentación converteuse nunha auténtica experiencia sensorial grazas ao showcooking en directo a cargo das mestras filloeiras Elena López e Nieves Martínez, que elaboraron filloas da pedra ante o público asistente, amosando unha técnica que forma parte do patrimonio inmaterial da Baña.

20260129 Banha presentacion festa Filloa da Pedra 15

Durante o acto deuse tamén a coñecer o merchandising oficial da festa, “un proxecto cun marcado carácter social deseñado, ao igual que o cartel desta edición, dende a Fundación para a Protección dos Discapacitados Psíquicos da Comarca de Barcala, reforzando así o compromiso do Concello coa inclusión e coa economía social”, afirmou Mónica González. A directora da entidade, Rosa Tuñas, e Jennifer Riveira, autora do deseño, explicaron esta mañá que as persoas usuarias da fundación participaron na elaboración de todos os produtos, que se poderán adquirir tanto no posto que se habilitará o día da festa como a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

20260129 Banha presentacion festa Filloa da Pedra 4

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, asistiu á presentación acompañado polo concelleira de Obras Jesús Pena; membros do grupo popular bañense; Hadrián García, integrante do grupo De Ninghures; e o director da Escola de Música Tradicional da Baña, Emilio Lois.

Unha xornada chea de citas

Na presentación detallouse o amplo programa previsto para o domingo 8 de febreiro, unha xornada na que A Baña será o epicentro gastronómico e festivo da comarca. A festa comezará ás 09.30 horas coa apertura de portas e o inicio das degustacións. O prezo da filloa será de 1,5 euros, mentres que as racións de orella e chourizo terán un custo de 6 euros.

A programación combina propostas gastronómicas, deportivas e culturais, como a celebración da segunda Ruta Ciclista da Filloa (con saída ás 10.00 horas), ou os obradoiros gratuítos de treboada (11.00 h) e de cestería tradicional (12.15 h), pensados para poñer en valor os saberes tradicionais.

20260129 Banha presentacion festa Filloa da Pedra 11

“O itinerario deste ano é moi completo. A nosa idea é que as persoas que se acheguen á Baña non veñan só a comer a filloa, que iso está moi ben e é un dos obxectivos, senón que poidan desfrutar doutros aspectos culturais. Todo o programa está moi enfocado á recuperación de oficios tradicionais e de elementos propios da nosa contorna”, destacou a concelleira.

Neste senso, explicou que o obradoiro de cestería, impartido por Luis do Río, está a espertar un notable interese: “Na nosa zona era moi habitual a elaboración de cestos con vimbio, e hoxe en día custa atopar persoas que manteñan viva esta tradición. Agardamos que esta actividade sirva tamén para que a xente máis nova se anime a recuperar este tipo de artesanía”.

Destaca tamén o obradoiro de treboada, “unha tradición do Baixo Miño nacida do grupo musical do mesmo nome, que emprega tambores de distintos tipos acompañados da gaita. Nós achegaremos os instrumentos e a todas as persoas que queiran participar ensinaráselles como tocar e como realizar un pequeno pasarrúas”. A actividade desenvolverase na carpa habilitada no colexio.

A música tradicional terá un papel destacado coa actuación da Escola de Música Tradicional da Baña e As Atrevidas de Monte ás 12.00 horas, mentres que o momento institucional chegará co pregón do escritor bañense Manuel Iglesias Turnes, previsto para as 13.30 horas.

Fin de festa con De Ninghures

Xa pola tarde, a festa continuará cun animado tardeo musical a partir das 14.00 horas a cargo do Trío Alborada, Bouba e A Requinta de Lampai, para culminar, ás 19.00 horas, co concerto de De Ninghures, un dos pratos fortes desta edición. A banda destaca por fusionar a música tradicional galega con sons actuais e unha proposta escénica moi traballada, o que a converte nun dos proxectos máis atractivos do panorama musical galego que conquista públicos de todas as idades.

Coa XXII Festa da Filloa da Pedra, segundo indicou Mónica González, ““o Concello da Baña reafirma o seu compromiso coa defensa das tradicións, a promoción da gastronomía local e a dinamización cultural e social do municipio”, consolidando unha cita que cada ano reúne a centos de persoas arredor dun dos símbolos máis recoñecidos da identidade bañense.

redes 20x20 itinerario page 0001