-
O certame busca fomentar a participación veciñal, a creatividade colectiva e que os distintos lugares sexan protagonistas durante as festas
-
As propostas deberán ser elaboradas por un mínimo de dúas persoas
e poderán presentarse a través dun vídeo ata o 18 de decembro
-
O concurso combinará este ano a votación popular a través das redes sociais do Concello coa valoración dun xurado técnico e repartirá 600 euros en premios

Tras o éxito do ano pasado, o Concello da Baña convoca o II Concurso de Decoración do Nadal das Aldeas da Baña, unha iniciativa coa que pretende volver implicar a veciñanza na ambientación das aldeas e lugares do municipio durante as festas.
Logo da primeira edición celebrada o pasado Nadal, no que numerosas persoas contribuíron a encher de luz, cor e espírito de Nadal cada recuncho da localidade, a Concellería de Turismo, Deporte e Relacións Institucionais decidiu darlle continuidade ao certame co obxectivo de fomentar o espírito comunitario, a cooperación entre a veciñanza, a creatividade colectiva e o embelecemento dos espazos públicos exteriores, ao tempo que se pon en valor o patrimonio rural da Baña.
Poderán participar todas as aldeas, parroquias ou lugares do termo municipal, sen necesidade de contar con personalidade xurídica. Como novidade, as bases deste ano inciden no carácter colectivo do concurso. Así, cada proposta deberá ser realizada conxuntamente por un mínimo de dúas persoas residentes na mesma aldea, parroquia ou lugar, que deberán designar unha persoa representante maior de idade.
A decoración poderá instalarse tanto nun espazo público como nun elemento privado exterior, sempre que sexa claramente visible desde a vía pública e se garanta a seguridade viaria e o tránsito peonil.
Inscrición ata o 18 de decembro
A participación é gratuíta. Para formalizar a candidatura será necesario presentar o Anexo I publicado na páxina web do Concello, coa ficha de inscrición e declaración responsable conxunta, debidamente cuberto e asinado, ademais de remitir un vídeo de aproximadamente dous minutos no que se amose a totalidade da decoración.
O vídeo deberá gravarse preferiblemente en formato horizontal e permitir ver o lema “Nadal na Baña 2026”. Deberá enviarse por WhatsApp ao número 620 980 631 antes do 18 de decembro ás 00.00 horas. O Anexo I poderá presentarse presencialmente no Concello ou a través da sede electrónica.
As decoracións deberán estar completamente instaladas e iluminadas desde o 19 de decembro de 2026 ata, como mínimo, o 10 de xaneiro de 2027, ambos os dous días incluídos. No caso dos proxectos colectivos, deberán poder ser visitables polo público de maneira libre e gratuíta.
Novo sistema de valoración
Unha das principais novidades desta segunda edición é o sistema empregado para elixir as propostas gañadoras.
A puntuación final dividirase entre unha votación popular dixital, que representará o 50 %, e a valoración dun xurado técnico, que achegará o 50 % restante. O xurado estará formado por representantes de asociacións veciñais e a súa composición farase pública a través das canles municipais.
Na votación popular sumaranse as interaccións obtidas polos vídeos nas contas oficiais do Concello da Baña en Facebook e Instagram. O reconto pecharase o 1 de xaneiro de 2027 ás 15.00 horas.
Pola súa banda, o xurado técnico valorará a creatividade, orixinalidade e deseño artístico, o grao de participación e traballo en equipo da veciñanza, o uso de materiais reciclados, sostibles ou naturais da contorna e o impacto visual, a iluminación e a harmonía da proposta no espazo.
600 euros en premios
O Concello da Baña destinará un total de 600 euros en premios, repartidos en lotes de produtos decorativos de Nadal valorados en 300, 200 e 100 euros para o primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente. A entrega dos premios terá lugar durante a tradicional Cabalgata de Reis da Baña.
Con esta segunda edición, o Concello da Baña busca consolidar unha iniciativa coa que implicar activamente a veciñanza na celebración do Nadal, favorecer o traballo comunitario e contribuír a que as aldeas e os lugares do municipio se convertan tamén en protagonistas destas datas.
As bases completas do concurso xunto ao formulario de inscrición están dispoñibles no ficheiro adxunto ou na sede electrónica.