-
Catro liñas de apoio impulsarán o traballo autónomo, o investimento empresarial e a contratación nos concellos
-
O Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello da Baña ofrece información e orientación

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) publica hoxe, luns 23 de novembro, no número 224, as bases das novas axudas do Plan de Emprego Local (PEL) 2027 da Deputación da Coruña. A convocatoria abre catro liñas de apoio para impulsar o traballo autónomo, o investimento empresarial e a contratación nos concellos da provincia.
- A Liña 2.7, PEL-Autónomos/as, vai dirixida a persoas autónomas con domicilio fiscal en concellos de menos de 10.000 habitantes, con determinadas exclusións recollidas nas bases. Subvenciona as cotas da Seguridade Social (200 euros ao mes) e/ou o aluguer do local afecto ao IAE (entre 200 e 500 euros ao mes, sen IVE). A axuda sitúase entre os 1.200 e os 8.400 euros.
- A Liña 2.1, PEL Emprende Investimento, está destinada a autónomas e autónomos, microempresas e pemes (non gran empresa) con domicilio fiscal en concellos de menos de 10.000 habitantes. Cobre a adquisición, en 2027, de bens inventariables novos, como maquinaria, software, mobiliario e equipos informáticos, cun orzamento subvencionable de entre 3.500 e 25.000 euros. A subvención chega ata o 70 % do gasto, é dicir, entre 2.450 e 17.500 euros.
- A Liña 3.1, PEL-Pemes Creación e Ampliación, apoia a autónomas e autónomos, microempresas e pemes de concellos de menos de 20.000 habitantes que contraten persoal en 2027, cun mínimo de seis meses. Subvenciona os custos salariais e de Seguridade Social ata un máximo de 12 meses en 2027. A axuda pode alcanzar o 60 % do orzamento, entre 3.000 e 12.000 euros para contratos a xornada completa durante 12 meses.
- Por último, a Liña 3.2, PEL-Pemes Mantemento, vai dirixida ás entidades beneficiarias da liña de Creación e Ampliación de 2026 en concellos de menos de 20.000 habitantes que manteñan o posto de traballo indefinido durante 2027. Cobre os custos salariais e de Seguridade Social do emprego mantido e pode alcanzar o 50 % do custo, cun máximo de 11.000 euros para colectivos vulnerables e de 10.000 euros no resto, a xornada completa durante 12 meses.
Os prazos de solicitude publicaranse na convocatoria a través da Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS), e a tramitación realizarase de forma telemática a través da plataforma SUBTeL.
As persoas interesadas poden consultar as bases completas no BOP de hoxe ou dirixirse ao Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello da Baña, onde recibirán información e orientación.