- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: SNL
- Visitas: 1561
Ir de paseo unha hora ao día durante un mes, visitar amizades, familia, persoas enfermas, xuntarse varios membros da familia para facer un regalo, utilizar produtos da terra para os menús de nadal, regalar tempo.... Son algúns dos concellos que o Concello da Baña transmite á veciñanza para sumarse a campaña de consumo responsable ‘Agasalla con xeito’. Dentro desta campaña, o Servizo de Normalización Lingüística da Baña organiza un concurso de cartas de Nadal en galego na que se devirá incidir nun consumo con xeito nestas datas.
Neste certame poden participar todas as persoas que o desexen, polo que se establecen tres categorías: 0-10 anos, 10-18 e maiores de 18 anos. As persoas participantes deberán remitir cartas orixinais, cun máximo de 300 palabras, escritas en galego. O prazo para presentarse remata o 27 de decembro, e as misivas deberán entregarse en persoa ou enviarse por mail á dirección Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. antes da mencionada data.
Os gañadores de cada categoría recibirán un agasallo acorde coa campaña: un vale para gozar gratis durante un mes de verán da piscina municipal da Baña. Os premios serán entregados polos Reis Magos, xunto cun diploma acreditativo, o vindeiro 5 de xaneiro. (consulta as bases íntegras no documento adxunto).
Dentro da campaña de concienciación, dende o Concello da Baña convidan a planificar e anticipar ás compras de nadal e mercar preferentemente no comercio local. Utilizar produtos de tempada e da terra é outro dos consellos para reducir os gastos. Pensar nos gustos e necesidades da persoa a que se lle quere agasallar, e xuntarse varios familiares son outros dos consellos para reducir os gastos.
Regalar tempo e experiencias persoais, ensinarlle ás crianzas a importancia de compartir son outras das recomendacións desta campaña.
En canto aos agasallos, dende o Concello fanse algunhas propostas para estas datas, como pasar unha tarde de cine ou de teatro; ir de excursión, pasar un día en pixama de sofá e manta, visitar amizadas, contar contos, botar unhas carreiras, son algunhas das propostas desta iniciativa.
- Detalles
- Escrito por Carme Pereiro
- Categoría: SNL
- Visitas: 1495
O próximo venres, 13 de setembro, Raquel Queizás visitará a casa de cultura da Baña para contar a historia de Queliña, unha nena que quere ser aviadora e á que lle gusta vivir aventuras e contar historias. De pequena estaba farta de escoitar contos de princesas rosas e apoucadas e de príncipes azuis e insensibeis ata que un día puxo o gorro e os anteollos de pilota e foi buscar contos para demostrar que as nenas e os nenos son igual de valentes e de sensibles.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: SNL
- Visitas: 1863
Familias da Baña e de Negreira participaron onte na primeira festa que organiza no Val de Barcala o proxecto Apego, unha iniciativa que ten como obxectivo incentivar e facilitar a socialización en galego das nenas e dos nenos desde a primeira infancia.
No refuxio de Covas, preto de cen persoas, entre crianzas e maiores, puideron gozar coa máquina do tempo que levou ata esta área de recreo Teatro de Ghazafelhos. A biblioteca móbil ofreceu, xunto co seu catálogo de libros, un obradoiro de marcapáxinas no que participaron moitos nenos e nenas. Para fomentar a socialización no noso idioma, a ludoteca ambulante dos Biosbardos presentou xogos que fomentan a colaboración, tanto entre pequenos coma destes cos maiores. O fin de festa protagonizouno Lidia Botana co seu espectáculo musical ‘De aquí para alá’, co que moitos se animaron a bailar e a cantar.
Dende a organización realizan unha boa valoración da participación que tivo esta primeira edición da festa do Apego. Por iso, prevén repetila para o ano, desta volta no Concello da Baña.
Entre as familias que asistiron á celebración había moitas que tamén participan en Maimiños e Furabolos (A Baña) e Avelaíñas e Rebuldeiros (Negreira), iniciativas dirixidas a estimular a socialización en galego das crianzas de 0 a 6 anos.
Na actualidade, unhas 75 familias están anotadas en Apego nos concellos da Baña e Negreira. En total, 30 municipios galegos forman parte do proxecto, que promove a socialización en galego e propón o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia e para asentar o arraigo á terra, porque, aseguran dende Apego, “a lingua que mamamos, na que aprendemos a falar, vai ser a base da identidade futura dos nenos e nenas”. Por esta defensa e uso do noso idioma, o proxecto Apego recibiu o ano pasado o Premio Rosalía de Castro de Lingua, que concede a Deputación da Coruña, e o Premio da Cultura Galega 2017 na modalidade de lingua.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: SNL
- Visitas: 1636
Un ano máis volta a festa do Apego, promovida polos concellos da Baña e de Negreira para fomentar a crianza na nosa lingua. Nesta ocasión, o venres 28 na área recreativa de Chans da Baña, as familias poderán gozar dende as 17.00 horas cos espectáculos do circo de Peter e o seu paiaso, de Garabato de Xogos Obradoiros, e posteriormente coa representación de “Puño puñete” de Baobab Teatro. Ademais, o concello organiza tamén unha sesión de cine ao aire libre coa proxección de “Peter Rabbit” ás 21.00 horas na praza do concello da Baña.
A celebración conxunta do Apego estase a converter nunha tradición nos dous concellos. Este proxecto, promovido polos servizos de normalización lingüística da Baña e Negreira, pretende incentivar a socialización entre nenas e nenos en galego dende o seu nacemento.
Nesta ocasión, conta con dúas funcións independentes para a diversión da cativada. Dende as 17.00 horas ata as 20.00 horas do venres 28, o paiaso Peter e o seu circo enredarán aos presentes coa súa divertida representación. Ás 20.00 chegará o momento da peza teatral do grupo Baobab, chamada “Puño puñete”.A obra é un espectáculo para toda a familia con música en directo, cancións e contos na que a tenrura é a principal protagonista do relato. Unha experiencia chea de sensacións e emocións que manterán ás nenas e nenos cos seus cinco sentidos postos no escenario. A peza teatral, baixo a dirección de Óscar Ferreira, conta como elenco con Andrea Bayer e Davide González.
As representacións do Apego terán lugar na área recreativa de Chans da Baña e rematará aproximadamente ás 20.45 horas, aínda que en caso de choiva trasladaríase ao pavillón polideportivo da Baña para asegurar a celebración do evento.
Ademais, as pequenas e pequenos poderán continuar coa troula, pois ás 21.00 horas o cine ao aire libre chegará á praza do concello da Baña para emitir a película infantil “Peter Rabbit”. A película estadounidense é unha adaptación ao conto tradicional de Beatrix Potter, na que un coello rebelde e traste intenta facerse co control da horta do seu dono. Con este fío condutor, o filme, que ten unha duración aproximada dunha hora e media, asegura as gargalladas da cativada.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: SNL
- Visitas: 1655
A regueifa, o canto ou cantiga entre dúas ou máis persoas seguindo unha melodía determinada para disputar sobre un determinado tema, foi a protagonista durante a última semana na Baña. Un encontro interxeneracional puxo fin o xoves aos talleres que impartiu Olalla Liñares, primeiro no CPI San Vicente entre o alumnado da ESO e despois entre os usuarios e usuarias do Centro Social e da Terceira Idade.
Unha das primeiras cousas que aprenderon os participantes nestes talleres e que a regueifa serve “para dicir en broma o que non se pode dicir en serio” tal como explicou Olalla Liñares. Para encontro desta tarde, no que participaron catro mozas e unha ducia de maiores, utilizaron a melodía “Pasodobre do carneiro”, do grupo Os Carapaus de Emilio Lois. Despois duns pequenos ensaios e de compoñer un total de 16 estrofas durante a xornada, os participantes animáronse a gravar un vídeo no que cantaron as coplas que acababan de inventar e que se pode ver no canal de Youtube do Concello da Baña (https://youtu.be/uXfY2hNbbo8)
A maioría dos participantes nestes obradoiros sabían o que era a regueifa e algunhas, incluso, recordaban ver, hai moitos anos, regueifar nas festas. Falando, falando, foron recordando un lote de cantigas que manteñen a mesma estrutura. As coplas da regueifas teñen catro versos, na que o segundo rima co cuarto en consonancia ou en asonancia.
Algunhas das coplas que se cantaron nos talleres foron as seguintes:
- Indo para Santa Comba / metín un pé nunha poza, / agarreime a unha vella / pensando que era unha moza.
- Nós aquí e vós alá /somos tantos coma vós, / nós comemos o carneiro / e os cornos son para vós.
- Despedíronse de todos / e tamén do señor cura/ marcharon para a cidá /d’acabalo dunha burra.
- Voulles dicir unha cousa /a estas mulleres da Baña / e tamén a estes homes /son a regueifeira Olalla.
- Pois moitas grazas Olalla / por nos vires ensinare / non te olvides que as da Baña / tamén queren regueifare.