-
José Antonio Pereira e Mónica González seguirán sen salario, ao estar o goberno en minoría e rexeitar a proposta os populares e CxG
-
Recoñecemento unánime ao ex-concelleiro do PP, Manuel Tourís, que tras 12 anos deixa a Corporación por motivos persoais e laborais
-
César Ramos fala de “triquiñuela” levar no primeiro punto da orde do día a renuncia e o secretario asegura que se axusta á lexislación vixente
O alcalde e a concelleira de Cultura, José Antonio Pereira e Mónica González, seguirán sen ter salario do Concello da Baña despois de que Compromiso por Galicia votase en contra da proposta, sumando os seus votos aos do PP, nun tenso Pleno no que se formalizou a renuncia de Manuel Tourís Fernández como concelleiro do Partido Popular por motivos persoais e laborais. Todos os grupos recoñeceron o traballo desenvolvido polo ex concelleiro “durante os 12 anos que formou parte da Corporación”, e desexáronlle moitos éxitos tanto a nivel persoal como profesional. O seu posto no grupo popular será cuberto, salvo renuncia expresa, por Francisco Pérez Redondo.
A sesión de onte, que durou dúas horas, foi moi tensa, sobre todo durante o debate do salario da Alcaldía. César Ramos acusou o alcalde de “mentir” e de “non querer negociar” con Compromiso nin o seu salario, nin outros asuntos municipais. Ademais, cualificou de “triquiñuela” o feito de que se levase no primeiro punto da orde do día a dimisión de Tourís para que non puidese votar. Unha afirmación que rexeitou o secretario, quen se ratificou no informe emitido e asegurou que, segundo a lexislación vixente, Tourís deixou de formar parte da Corporación o 30 de agosto, cando presentou a renuncia por escrito no rexistro, polo que onte xa non podía formar parte do Pleno. “Pasará o mesmo cando a Xunta Electoral mande a credencial do seu substituto, virá ao Pleno no primeiro punto da orde do día”, asegurou.
César Ramos asegurou que Compromiso por Galicia cambiaría o sentido do seu pronunciamento (nos últimos Plenos abstivérase neste punto) para votar en contra para evitar que un empate entre PP (onte con catro concelleiros) e PSOE (4) lle permitise ao goberno sacar adiante a proposta co voto de calidade do alcalde. A partir de agora, Compromiso por Galicia votará sempre en contra deste punto, anunciou César Ramos, ata que o PSOE os invite a negociar.
Andrés García Cardeso indicou que o Partido Popular mantiña os argumentos que xa expresou nos Plenos anteriores e anunciou o seu voto en contra.
A proposta foi rexeitada cos 6 votos en contra de PP e CxG e os 4 a favor do PSOE. O mesmo ocorreu co salario da concelleira de Cultura, Mónica González, que tamén foi rexeitado co mesmo resultado.
Por unanimidade dos tres grupos políticos aprobouse unha moción de Compromiso por Galicia, pola que o Concello da Baña vaise sumar á campaña “En negro contra a violencia” machista que puxo en marcha o Concello de Santiago no ano 2015.
O Pleno rematou co punto de rogos e preguntas, durante o cal o portavoz popular, Andrés García Cardeso, felicitou o alcalde por recoller en representación de Youtubeir@s o premio Mil Primaveras como proxecto máis innovador que lle foi outorgado ao proxecto que defende o uso do galego nas redes sociais. Cardeso, que fixo extensivo o agradecemento á normalizadora lingüística da Baña e Negreira, Carmen Pereiro, recordou que A Baña foi un dos concellos promotores do proxecto Youtubeir@s, no que participan trece concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña para fomentar a subida de contidos en galego a Youtube.