Unha visita ao invernadoiro de caraveis de Ferreiros e aos covos das abellas en Trece foron algunhas das actividades programadas durante o encontro de escolas de educación infantil de Barcala, na que participou alumnado das escolas de Aro (Negreira), Lañas e San Vicenzo (A Baña) e tamén de 1º e 2º de Primaria do CPI San Vicente. En total foron máis de 70 nenos e nenas, que estiveron acompañados polo profesorado de cada centro, normalizadora lingüística e a concelleira de Cultura da Baña.
As actividades programadas para este encontro de escolas infantís partiu do CPI San Vicente a primeira hora. A comitiva partiu cara a Ferreiros, onde fixeron unha parada para visitar o invernadoiro de caraveis (o primeiro da Baña) que rexentan Carmen Fernández e Miguel Quintela, que lle explicaron polo miúdo á cativada como hai que facer para recoller os fermosos caraveis que saen de Ferreiros para toda España. Despois de escoitar atentamente todas as explicacións, nenos, nenas e mestres estiveron aprendendo como se fai para plantar unha maceta, con aprendizaxe práctica incluída.
Dende Ferreiros a numerosa comitiva camiñou ata o local social da Carballeira, onde nenos e nenas puideron merendar e xogar xuntos no parque e no terreo que arrodea o local. E mentres os máis novos se relaxaban e fomentaban as relacións sociais cos compañeiros, os mestres tamén aproveitaron para conversar e repoñer forzas.
A mañá, e a camiñada, rematou en Trece, onde a comitiva visitou a produción caseira de mel de Rosa Ramos e Pepe, e puideron ver os covos das abellas. Pepe fíxolles unha explicación polo miúdo do proceso que ten que seguir para conseguir o mel.
Un ano máis, o alumnado das escolas de educación infantil puideron coñecer outra zona do noso concello e aprender de primeira man novos oficios que favorecen o desenvolvemento da economía local, grazas á colaboración desinteresada de veciñas e veciños como Carmen, Miguel, Rosa ou Pepe.
Podes ver o álbum de fotos da xornada no Facebook do Concello da Baña (neste enlace).