Autor: Marcos Calveiro
Título: O pintor do sombreiro de malvas
Data de lectura:

maio de 2012

Resumo:

“Un adolescente é enviado pola súa nai dende París a pasar cunha tía unha boa tempada na vila de Auvers. Durante aqueles días do verán de 1890 coñecerá a Vincent, un pintor que semella beber a vida con cada violenta pincelada sobre o lenzo e do que durante sesenta e nove días se fará inseparable, acompañándoo no seu deambular polos trigais e na súa infatigable loita contra os convencionalismos da vida provinciana. Mais o mozo tamén descubrirá o amor, coñecerá algúns misterios sobre o seu pasado e enfrontarase por vez primeira á morte, o que o obrigará a tomar unha decisión sobre o futuro que o agarda.”

(Edicións Xerais de Galicia)

Na próxima sesión que será o 6 de xuño de 2012 en horario de 16.00 a 17.00 h na casa de cultura do Concello da Baña compartiremos a nosa opinión sobre o libro e escolleremos a/s seguinte/s lectura/s.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodeabana.es) ao que poden tamén acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodeabana.es).

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Baña, en colaboración coa Biblioteca Municipal e con Preescolar na Casa, vai conmemorar o Día do Libro cun maratón de contacontos.

Hora: 16.30 a 20.00

Data: 24/04/2012

Lugar: casa da cultura (biblioteca municipal)

Todas as persoas interesadas en participar poden anotarse con anticipación ou achegarse pola biblioteca no mesmo día.

Contacto:

981 886 501 / 607 153 604 (Servizo de Normalización Lingüística)

981 817 605 (Biblioteca Municipal)

Sortearase un lote de libros entre todas as persoas participantes.

Ficheiros: 

img056.pdf

Autor: John Boyne
Título: O neno do pixama a raias
Data de lectura:

Marzo de 2012

Resumo:

“A pedimento do autor, non podemos contarche o miolo deste libro. Porén, queremos avisarche de que lerás a historia dun neno de 9 anos, que se atopará cun aramado. No mundo hai milleiros de aramados coma este. Agardamos que ti nunca te atopes con ningún e que, se o fas, teñas forzas para librarte del.”

(Narrativa K)

   
Autor: M.ª Xosé Queizán
Título: Ten o seu punto a fresca rosa
Data de lectura:

Marzo de 2012

Resumo:

En Ten o seu punto a fresca rosa, María Xosé Queizán acada a súa plenitude literaria, ofrecéndonos unha obra dunha narratividade trepidante que se le dunha sentada. Novela divertida e desconcertante está construída como un grande friso do Vigo dos anos setenta e oitenta, no que se entrecruzan sabiamente a historia de tres mulleres: Lucía Castro, Charo Santoro e Petra Seixo. Historia das súas vidas e das súas familias, das súas orixes, que viven entrelazadas polo amor e pola morte.

As tres protagonistas da novela Lucía, Charo e Petra son tres persoas de diferente clase social, de diferente adscrición urbana, de diferente formación, mesmo de diferente opción sexual, unidas pola figura de María, a adolescente desgraciada. Son tres personaxes complexos, verosímiles, cheos de contradicións, sobre os que unha narradora omnisciente non se deixa levar nin pola complaciencia, nin o sentimentalismo.

Ten o seu punto a fresca, título tirado dun verso de Eduardo Pondal, non é só a historia destas tres mulleres que se entrecruzan por medio dun ser humano concibido por fecundación in vitro. Esta é unha novela na que se cuestiona o amor, por riba da opción sexual elixida por cada persoa, concibido como obxectalización, que leva á catástrofe, os trastornos que arrasan a vida das persoas, pola asunción da privacidade como territorio exclusivo das mulleres, pola perda da súa identidade.

Ten o seu punto a fresca rosa é un manifesto antisentimentalista, no que se desmitifica o concepto tradicional de maternidade, tanto biolóxica como social. Abórdanse, tamén, cuestións como a perversidade da pedofilia, os abusos sexuais, os perigos da reproxenética, os problemas do internamento psiquiátrico. Tampouco quedan fóra a presenza dos movementos revolucionarios do Vigo dos setenta e o papel dalgúns párrocos, nin a formación do movemento feminista, nin o cambio de mentalidade policial que chegou coa democracia.”

(Edicións Xerais de Galicia)

Autor: Xavier López Rodríguez
Título: O aliado inesperado
Data de lectura:

Marzo de 2012

Resumo:

“Os principais protagonistas de O aliado inesperado son un lobo ferido por un lazo de aceiro e un home ferido pola vida. Na novela desenvólvese unha insólita alianza contra a soidade e o medo, nunha illada aldea da montaña.

A través dos recordos do home protagonista, que é o último habitante do seu pequeño mundo, Xavier López Rodríguez conta historias de tempos en que a looita contra os lobos se disfrazaba de necesidade para caer en ritos ateigados de crueldade, e outras máis actuais pero non menos inquietantes.

A novela invita a reflexionar sobre as razóns polas que moitas aldeas acaban desertas, só cheas de espazo e silencio, precisamente dous dos bens que máis botan en falta moitos residentes nas grandes cidades.”

(Alfaguara)

Na próxima sesión que será o 11 de abril de 2012 en horario de 16.00 a 17.30 h na casa de cultura do Concello da Baña compartiremos a nosa opinión sobre os libros e escolleremos a/s seguinte/s lectura/s.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodeabana.es) ao que poden acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodeabana.es).

Autor: Agustín Fernández Paz
Título: Non hai noite tan longa
Data de lectura:

Abril de 2012

Resumo:

“Gabriel Lamas ten cincuenta anos e vive en París desde 1970. Aos dezaoito anos marchou de Monteverde, a súa vila natal, e nunca máis volveu. Nin sequera cando morreu o seu pai, inxustamente acusado dun delito polo que foi condenado e encarcerado, nun proceso que provocou a súa morte, en 1972. Só trinta e dous anos despois, o falecemento da súa nai é o que o forza a regresar. Entón, comprobará que nunca podemos fuxir do noso pasado e que as feridas mal curadas non deixan de supurar. O encontro coa ánima do seu pai, na desolada casa familiar, cambiaralle a vida para sempre.

En Non hai noite tan longa atopamos os ecos dos temas esenciais da literatura e das figuras dos personaxes clásicos, inseridos nunha narración de escrita transparente que flúe coma a auga. Unha obra de lectura engaiolante, debedora das técnicas da novela negra, que ofrece unha minuciosa indagación moral e unha ácida ollada crítica sobre a nosa sociedade en dous momentos da historia próxima: os últimos anos da ditadura e os primeiros do século XXI.

Mais tamén, como acuñou Shakespeare nunha das pasaxes máis citadas de Macbeth –“Reunide todo o ánimo que poidades. Que non hai noite tan longa que non remate en día”-, esta obra propón unha mensaxe de confianza no futuro e na recuperación da dignidade das persoas. Unha novela que non ha deixar a ninguén indiferente, chamada a converterse nun clásico do noso tempo.”

(Edicións Xerais de Galicia)

Na próxima sesión que será o 2 de maio de 2012 en horario de 16.00 a 17.30 h na casa de cultura do Concello da Baña compartiremos a nosa opinión sobre o libro e escolleremos a/s seguinte/s lectura/s.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodeabana.es) ao que poden tamén acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodeabana.es).

A caravana Galego de cine da Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística proxectará curtas de animación en galego para nenos e nenas de 6 a 12 anos o próximo 1 de abril no exterior do CPI San Vicente a partir das 16.00 h.

Os/As vinte nenos e nenas que se inscriban previamente na casa do concello poderán tamén participar nunha serie de actividades que lles permitirán ter un papel activo no achegamento ao cinema en lingua galega: actividades de comprensión do filme, confección dun conto orixinal e fase de vídeo-matón.

Este grupo de nenos e nenas participarán nun concurso onde se premiarán os mellores contos en galego contados ante a cámara. Os/as gañadores/as recibirán o libro-DVD O soldadiño de chumbo.

Ficheiros: 

Ficha_de_inscricion_01.pdf