- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1203
A Aula de Informática da Baña comparte unhas ligazóns útiles para que quen queira e poida siga practicando desde a casa informática e mecanografía. Esta listaxe inclúe propostas didácticas e xogos educativos online e gratuítos cos que poderemos mellorar as nosas habilidades ao teclado.
- aulaClic: Cursos de informática gratuítos online.
- AulaFacil: Cursos gratis online de idiomas, informática, Internet, manualidades, autoaxuda, emprsea, cociña, ciencia, saúde, beleza, bricolaxe, etc.
- Cursomeca: Curso de mecanografía gratis.
- Sense-lang: Programa gratis de mecanografía, con versión en español.
- FastFingers: Test de mecanografía para aumentar a túa velocidade ao teclado.
- ARTypist: Cursos de mecanografía e test de velocidade.
- Vedoque: Cursos e xogos educativos de mecanografía.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 697
A Axencia de Lectura da Baña fai as súas propostas lúdico-educativas para estes días de confinamento, uns xogos de elaboración caseira e sinxela cos que poderemos manter a mente activa ao tempo que nos entretemos. As actividades baséanse en xogos clásicos e van dirixidas ás familias, dado que teñen un nivel de dificultade adaptado a todo tipo de persoas.
O dominó caseiro e o xogo de memoria memo-memo son as primeiras propostas. Están elaborados con materiais que están ao alcance de todos e todas e permítennos poñer en práctica as nosas dotes creativas durante o proceso de creación do xogo.
Podes descargar os tutoriais detallados de cada xogo nos arquivos adxuntos a esta nova.
Memo-memo
- Necesitamos cartolina, tesoiras, regra e lapis de cores.
- Recortamos pezas dunha cartolina dun tamaño aproximado de 6cm x 6cm. Facemos o mesmo debuxo cada dúas pezas. Tamén podemos baixar imaxes da Internet e inserilas nun documento.
- Despois, poñemos as pezas boca abaixo sobre unha mesa e imos destapando por quendas de dúas en dúas ata que logremos facer unha parella; se non facemos a parella, vólvense a poñer boca abaixo e intentámolo de novo cando chegue a nosa quenda.
- Gaña quen consegue facer máis parellas.
Dominó
- Necesitamos cartolina, tesoiras, regra, lapis de cores e 28 pezas de 8cm x 4cm recortadas na cartolina, coas que faremos as pezas do dominó.
- Podemos poñer os puntos tradicionais ou facelo con distintos debuxos que os máis pequenos e pequenas poidan pintar.
- Para iso colleremos seis debuxos distintos e faremos patróns como os do dominó numérico.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1092
Pilar Gómez, farmacéutica; Carmen Turnes, gandeira; e Ana Montalbán, odontóloga, contaron a súa experiencia e falaron do papel da muller nun municipio rural como A Baña, nunha charla coloquio celebrada este domingo 8 de marzo coa que o Concello conmemora o Día Internacional da Muller.
Pilar recordaba como foi o seu bisavó quen quixo que a súa nai estudara e se convertera na primeira farmacéutica titulada da Baña, mentres que Carmen resaltaba as desigualdades que sufrían as mulleres, e recordaba como a seus irmáns si pero a ela non a deixaron estudar, “a pesar da insistencia do cura”. Tamén lembrou as odiseas e como tivo que teimar na casa para poder comprar un pantalón para vestir ou sacar o carné de conducir. “As oficinas de Extensión Agraria foron moi formativas para nós e para defender os nosos dereitos”, dixo unha muller que hoxe ve como o seu fillo continúa coa explotación gandeira familiar.
Ana María Montalbán só tivo palabras de agradecemento para a veciñanza da Baña que a axudou dende que chegou aquí hai 30 anos, o 30 de novembro de 1990, para superar o frío, a choiva e as dificultades co idioma. A preguntas do público recoñeceu que, hoxe en día, a situación da muller está mellor en España que no seu país..
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 711
O Concello da Baña organiza un obradoiro gratuíto de arte floral, que terá lugar o venres, 27 de marzo, no centro social e da terceira idade en horario de mañá, entre as 10.30 e as 12.00 horas. Un total de 10 persoas, con preferencia para aquelas que estean empadroadas na Baña, poderán aprender a facer centros con flores de temporada. Para participar é preciso reservar praza, chamando ao teléfono 615 401 264.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 844
Unha exposición de mulleres relevantes da historia feita polos usuarios e usuarias menores de idade tanto da axencia de lectura como da aula de informática servirá mañá, a partir das 18.00 horas, para iniciar os actos cos que o Concello da Baña conmemora este ano o 8-M, e que inclúe tamén unha xincana temática. O domingo celebrarase, ás 19.00 horas, unha charla coloquio sobre ‘O papel da muller no rural’, na que está confirmada a presenza dunha gandeira e dunha farmacéutica.
A futbolista Vero Boquete, a poetisa Rosalía de Castro, a feminista Concepción Arenal, ou a actriz Marilyn Monroe son algunhas das mulleres que figuran na exposición coa que as usuarias e usuarios menores de idade da axencia de lectura e da aula de informática da Baña estiveron traballando nos últimos días para destacar o papel da muller ao longo da historia.
A exposición poderase ver mañá, venres, a partir das 18.00 horas na axencia de lectura, tamén se inclúen frases de mulleres do municipio relacionadas co 8-M e que foron asinadas por cada unha das autoras. As persoas que se acheguen mañá ata a axencia de lectura poderán participar tamén nunha xincana temática.
Esta actividade vaise complementar o vindeiro domingo, Día Internacional da Muller, cunha charla coloquio que se celebrará na casa da cultura a partir das 19.00 horas sobre ‘O papel da muller no rural’. A gandeira Carmen Turnes Paredes, a farmacéutica María Pilar Gómez Antelo e a odontóloga Ana María Montalbán serán as persoas participantes como relatoras para destacar a importancia que ten a muller no rural galego.