A Baña Auga Emes 1Ante a recente posta en funcionamento da rede de abastecemento no lugar de Emes, poñemos en coñecemento das persoas afectadas que deberán pasar polas oficinas do Servizo Municipal de Augas. 
 
A oficina da Baña (rúa Tedelle, s/n. San Vicenzo) atende os xoves de 11.00 a 13.30 horas. Para calquera consulta pódese chamar ao número de teléfono 981 886 596.
 
A oficina de Negreira (rúa Castelo, 12, baixo) atende luns, martes, mércores e venres de 9.00 a 14.00 horas e os xoves de 9,00 a 10.30 horas. As persoas interesadas poden obter máis información nos números 626 986 941 e 981 881 569
  • En cadansúa carta ás tres entidades, asume o compromiso de pasar as contas de titularidade municipal á financeira que acepte instalarse

abanca

O Concello da Baña continúa realizando xestións encamiñadas a conseguir que o municipio recupere unha oficina bancaria logo do peche o pasado día 8 da que Abanca tiña en San Vicenzo. Despois dunha toma de contacto co Banco Santander, remitiulles tamén cadansúa carta á Caixa Rural Galega, ao BBVA e a CaixaBank solicitándolles que se instalen na Baña.

Nas cartas, asinadas polo alcalde, José Antonio Pereira, recórdaselles ás tres entidades financeiras que a marcha de Abanca deixou A Baña sen servizos bancarios. O escrito incide en que a maioría do censo municipal está formado por persoas maiores, con escaso coñecemento da banca en liña, que agora están obrigadas a desprazarse para retirar cartos, obter información ou asesoramento persoal ou cumprir con calquera outro trámite que haxa que realizar de forma presencial e, por iso, pídeselle a Caixa Rural Galega, o BBVA e CaixaBank que consideren a opción de abrir unha oficina na Baña.

Ademais, as cartas recollen o compromiso do Concello da Baña de trasladar á entidade que se instale na Baña todas as contas bancarias de titularidade municipal, “nas que se ingresan as transferencias estatais, autonómicas e locais”.

  • Responde deste xeito ao peche da oficina de San Vicenzo, a única financeira existente en todo o municipio

banco

O Concello da Baña tomou a decisión de retirar os seus fondos de Abanca e solicitar o peche da conta que ten nesta entidade bancaria en resposta ao peche da oficina que a financeira tiña en San Vicenzo, a única existente en todo o municipio.

A oficina de Abanca na Baña pechou as súas portas o pasado día 8 de setembro malia as mobilizacións desenvolvidas pola veciñanza, obrigada agora a desprazarse para efectuar calquera trámite bancario. Este peche englóbase nunha política de concentración por parte da entidade, que na mesma data pechou sucursais nas localidades coruñesas de Baíñas (Vimianzo), Zas e San Valentín, nas pontevedresas de Campo Lameiro e Campelo e nas ourensás de San xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado, accións que os concellos afectados veñen denunciando como un desmantelamento do rural.

Coa decisión de retirar os seus fondos de Abanca, o Concello da Baña segue os pasos do de Vimianzo, que adoptou esta medida a semana pasada. Campo Lameiro, pola súa parte, declarou ‘persoa non grata’ ao máximo responsable da entidade, Juan Carlos Escotet.

  • Pode empregarse dende os 4 anos en toda a rede do transporte público de Galicia

20210513 tarxeta nova

Coincidindo co comezo do curso, Xunta e empresa Monbus lembran que dende o pasado mes de maio todas as rapazas e rapaces galegos menores de 21 anos poden realizar ata 60 viaxes interurbanas gratis ao mes no transporte público de Galicia sexa cal sexa a orixe e o destino.

Deberán dispoñer para iso dunha Tarxeta Xente Nova e, para conseguila, haina que solicitar nalgunha das oficinas de Abanca habilitadas en cada provincia. No caso de ser menor de 18 anos, esta solicitude haberá de facela o representante legal.

Unha vez en posesión da tarxeta, as persoas beneficiarias terán que cargarlle cartos nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas que a expiden. Pode facese en efectivo, con tarxeta, co móbil ou coa banca electrónica.

As viaxes realizadas pagaranse no momento coa Tarxeta Xente Nova e posteriormente a Xunta reintegrará o importe na mesma tarxeta, para o que haberá que aceptar a recarga nun caixeiro de Abanca. A bonificación das viaxes da primeira quincena dun mes estará dispoñible a partir do día 5 do seguinte mes e as da segunda quincena poderán aceptarse a partir do día 20.

As tarxetas están dirixidas a cativas/os e mozas/os de entre 4 e 21 anos. Ata os 3 anos, o transporte público en Galicia é gratuíto.

Na web https://xentenova.monbus.es/ pode consultarse toda a información sobre a Tarxeta Xente Nova e as súas vantaxes, o listado das sucursais habilitadas para a súa expedición e os servizos de transporte existentes en cada concello.

  • Os Campantes da Baña, Silvia Redondo, Faíscas da Pontraga e Os Monifates porán a nota musical na xornada festiva

  • Haberá menú xacobeo, mercado de produtos da terra e de artesanía e talleres de instrumentos musicais ou conservas

 

20210926 Cartel Romaria Xacobea Seilan 1A Baña acollerá o vindeiro domingo 26 de setembro a I Romaría Xacobea O Seilán, unha festa popular con música folk, artesanía e gastronomía. As actividades, que inclúen música, mercadiño, xantar e talleres, comezarán ás 11 da mañá e prolongaranse ata as 8 da tarde.

Desde pola mañá haberá postos de venda e exposición de produtos da terra na carballeira do Seilán, ademais de talleres de xardín xacobeo, cestos, barro, papel, conservas, produtos de beleza natural e instrumentos musicais. Amenizarán a xornada Os Campantes da Baña, silvaRedonda, Faíscas da Pontraga e Os Monifates. Non faltará o capítulo gastronómico, cun Menú Romaría Xacobea a base de empanada, polbo, carne ao caldeiro, rosca e café por un prezo de 13 euros para as primeiras 100 persoas que reserven praza no número de teléfono 682 859 367.

O evento está organizado polo Concello da Baña e conta coa colaboración da Xunta de Galicia.