A Xunta adxudica a redacción do proxecto de mellora da estrada de Santa Comba entre Paramos e Faílde
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visto: 589
-
O obxectivo é paliar o trazado sinuoso deste tramo da AC-406 para favorecer a conducción
-
O contrato supón un investimento de 18.000 euros
A Xunta vén de adxudicar a redacción do proxecto de mellora da AC-406 que une Santa Comba con Portomouro, no treito situado entre Paramos e Faílde ao seu paso polos concellos de Val do Dubra e da Baña.
Así llo trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, nunha reunión de traballo que se desenvolveu esta mañá e na que tamén participaron a alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose; o rexedor de Val do Dubra, José Manuel Varela; e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
O contrato de redacción do proxecto, que foi adxudicado á empresa Vivero de Soluciones para la Ingeniería por un importe de máis de 18.000 euros, ten como obxectivo definir as actuación necesarias para mellorar o trazado dun treito de 3,7 quilómetros da AC-406, entre Paramos e Faílde, para incrementar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade nesa zona.
En concreto, intervirase nun treito sinuoso comprendido entre os puntos quilométricos 18+700 e 22+400 coa idea de favorecer a condución das persoas que se desprazan entre a contorna de Santa Comba e Santiago de Compostela.
Con esta actuación, a Xunta daralle continuidade ao treito xa en servizo entre Abuín e o parque empresarial de Santa Comba, obras nesta mesma estrada AC-406 que supuxeron un investimento autonómico de 3,21 M€. A reunión desta mañá tiña precisamente como fin darlle pulos ao plan estratéxico en infraestruturas para A Baña, Val do Dubra e Santa Comba.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visto: 1024
-
Acometerá tamén unha ramificación desta rede troncal nos vindeiros meses //
-
O Concello está a buscar terreos para a construción de dúas torres de cobertura móbil en Valiña e Vigobó //
-
O goberno bipartito ponse como obxectivo prioritario que a fibra óptica chegue canto antes a todos os fogares da Baña //
O compromiso do Concello da Baña de pór á súa disposición todas as infraestruturas necesarias para desenvolver os traballos no menor tempo posible, permitiu que o operador neutro de telecomunicacións galego Rede Aberta estea nestes momentos a despregar unha rede ultrarrápida de fibra óptica nos lugares limítrofes ou que están próximos á estrada AC-444 que une Negreira con Santa Comba.
Esta primeira fase, que se desenvolve durante os meses de febreiro e marzo, supón en concreto o despregamento dunha rede troncal de fibra óptica por San Mamede, Duomes, Ceilán, Nantón, San Vicenzo, Guende, Xasoso, Salvande, Fampousa, Canlís, Vilarnovo, Señor, Castro, Vesía, Liñares, San Salvador, Paredes, Barro de Abaixo, O Sino, Barro de Arriba e O Campo.
Así mesmo, e sempre que as infraestruturas existentes o permitan, Rede Aberta ten previsto acometer nos vindeiros meses unha ramificación desta rede troncal que dará servizo aos lugares de Buchaín, Lañas, Vilar da Torre, Valiña, Castro, Meimendre, Prousor, Mundrís, Guimaráns, Cabanas, Cantalarrana, Marcelle, Quinteiro, Vilar, Suevos, Cruz, Faxín e Reguengo.
Unha vez rematados estes traballos, Concello e empresa reuniranse novamente para analizar a posibilidade de darlle cobertura ás chamadas zonas brancas, é dicir, aquelas que non están recollidas nos distintos plans de telecomunicacións tanto estatais como autonómicos. Nestes momentos, localízanse zonas brancas en San Xoán da Riba, Ferreiros, Folgueira, Vilanova, Ordoeste, Ceilán, Xanín, Valiña, Prousor, Guimaráns, Cabanas, Fiopáns, Vilacoba, Quintáns e Vilela.
Ao respecto cabe subliñar que, en relación á cobertura móbil, a Xunta de Galicia inclúe nas súas liñas de actuación os núcleos de Valiña e Vigobó. Por este motivo, o Concello da Baña púxose en contacto coa empresa adxudicataria do servizo e está a buscar os terreos máis acaídos para a construción de torres en ambos os dous lugares que darán cobertura nun amplo radio de acción e que tamén ofrecerán a posibilidade de contratar nesas zonas o servizo 4 G na casa.
En España é o Goberno central a administración competente en materia de telecomunicacións e tamén quen conta actualmente co maior número de fondos europeos para o financiamiento de iniciativas que incrementen a cobertura no territorio. Grazas a eles impulsa o Plan Único que, na súa convocatoria de 2021, incluíu actuacións na Igrexa, no Pazo, Guimaráns, Vilacoba, Vilanova, Vilela e Folgueira. O prazo de execución remata o 31 de decembro de 2023.
Por outra banda, tanto o Goberno de España (co Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración) e a Xunta de Galicia (co Plan de Banda 2020) financiaron o despregamento de fibra óptica en distintos núcleos bañenses. Xa cubertos, co programa autonómico, quedaron os de Nantón e Lañas. As outras actuacións que debe desenvolver Telefónica, neste caso co apoio estatal, afectan aos núcleos de Ferreiros, Estivadiña, Barro de Abaixo, Xasoso, Vilarnovo, Vilariño, Vilar de Suso, Vilar, Vesía, Trece, Tarroeira, Seoane, Señor, San Xoán, San Salvador, San Cibrán, Rial, Reguengo, Ponte Corneira, Piolla, Paredes, Outeiro (Corneira), Outeiro (Marcelle), Liñares, Guende, Francos, As Foxas, Ferraces, Faxín, Fampousa, Faílde, Ermida, Cruz, Corneira, Choupana, Chantada, Castro, Canlís, Barro de Arriba, Barreiros, Agramaior e San Vicenzo. O Goberno de España prolongou o prazo de execución, previsto para o periodo 2020-2022, durante un ano máis.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visto: 864
- O proxecto é froito da colaboración entre Concello e a asociación A Baña Emprende e ten como fin contribuír á promoción cultural e turística do municipio
Martín Rivas e Verónica Silva, arqueólogos colaboradores no proxecto, supervisaron esta semana o comezo da segunda fase dos traballo de limpeza e captación destinados á recuperación do castro da Baña. As labores realizadas ata o de agora permiten xa ver a croa ou espazo superior e de vixilancia do castro dende o que, baixando polas ladeiras do monte, se estendían as construcións.
A posta en valor do castro da Baña responde a unha iniciativa da asociación de empresarios A Baña Emprende e ten como obxectivo poñer en valor atractivos do municipio que contribúan a súa promoción patrimonial, cultural e turística. Unha xuntanza o pasado 25 de xaneiro entre o alcalde, Andrés García Cardeso; o concelleiro de promoción de vida activa e deportiva, César Ramos; e o presidente dos empresarios, Rafa Vieito, selou o acordo de colaboración polo que o Concello sufraga os gastos da empresa de limpeza e desbroce desta segunda fase dos traballos, ademais de ceder material.
A recuperación do castro como área arqueolóxica e espazo público súmase ao recente acondicionamento do pico de Santa Mariña, no que se habilitaron un banco e un bambán para gozalo como miradoiro.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visto: 2138
-
Concello e empresa establecerán un mapa de zonas prioritarias para cubrir as zonas brancas
-
O alcalde, Andrés García Cardeso, e o concelleiro César Ramos pedíronlle á directora de Amtega que axilice a cobertura móbil
A partir da semana que vén comezará a despregarse no concello da Baña unha rede ultrarrápida de fibra óptica grazas a un convenio de colaboración que o Concello asinará nos vindeiros días coa teleoperadora neutra de comunicacións Rede Aberta. Este despregamento permitirá dotar á Baña das infraestruturas precisas para que calquera compañía poida logo prestar o servizo coa maior calidadecomar.
Responsables de Rede Aberta visitaron A Baña hoxe pola mañá para reunirse co alcalde, Andrés García Cardeso, e o concelleiro César, e aseguraron que comezarán a traballar a semana que vén para despregar o servizo ao longo da AC-444, que une Negreira con Santa Comba, e iniciar a instalación no Seilán e San Mamede. Ademais, Concello e empresa de telecomunicacións establecerán un mapa de áreas prioritarias de actuación para cubrir as chamadas zonas brancas, ás que non chega a fibra nin entran nos plans de execución.
En resposta á petición de Rede Aberta para utilizar as infraestruturas municipais coa fin de acelerar o proceso de dixitilización, o alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, manifestou o seu compromiso de “poñer todo da nosa man para facilitar os traballos e axilizar todos os trámites, tanto no que se refire a dotar as parroquias de cobertura 4G como de acceso a fibra óptica”.
“Ter un bo acceso a internet e cobertura móbil é prioritario para os veciños e veciñas e para o desenvolvemento do noso concello”, engadiu o concelleiro e tenente alcalde César Ramos, quen incidiu en que “niso levamos traballando desde que entramos no goberno, co obxectivo de cubrir todos os puntos da nosa xeografía".
Á xuntanza de hoxe cos responsables de Rede Aberta, súmase a que mantiveron ámbolos dous mandatarios locais coa directora de Amtega, Mar Pereira, o pasado 9 de febreiro. Na devandita reunión, alcalde e concelleiro pregáronlle á responsable da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia unha axilización dos prazos previstos de cara a mellorar a cobertura móbil e dotar todos os puntos do Concello de fibra óptica.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visto: 785
O Concello da Baña, en colaboración con + de 3 Asociación e coa UNED A Coruña, organiza dúas actividades formativas relacionadas con tarefas agrarias. Por unha banda, un curso de horta e, pola outra, dous talleres de enxertos. Ambas as dúas accións serán impartidas pola mestra Carmen Freire a partir de marzo.
O curso de horta terá 30 horas de duración e realizarase de marzo a maio. O custo desta actividade é de 20 € por participante. Os talleres de enxertos serán gratuítos e desenvolveranse na horta municipal situada na rúa Tedelle, na Baña. O primeiro deles, que se celebrará en marzo, tratará sobre o enxerto de inverno; mentres que o segundo, sobre o enxerto de verán, farase en agosto.
As persoas interesadas en participar nestas actividades poden dirixirse á Axencia de Desenvolvemento Local do Concello da Baña, tanto para solicitar máis información como para anotarse, nos teléfonos 981 886 501 – 682 859 367.