- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visto: 932
-
Destínanse a proxectos de captación, potabilización e almacenamento
-
Cubren o 80 por cento do investimento do proxecto
-
As solicitudes pódense presentar ata o 20 de agosto
A Xunta convoca unha nova liña de axudas dirixidas a mellorar o servizo e a calidade da auga das traídas veciñais destinando un total de 500.000 euros a instalacións de captación, potabilización e almacenamento.
Poderán subvencionarse as actuacións levadas a cabo a partir do 1 de xaneiro de 2021 e as achegas cubrirán un 80% do proxecto ata un máximo de 15.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 20 de agosto.
Para optar aos incentivos, as comunidades terán que estar constituídas legalmente e faranse cargo do 20% do financiamento restante, se ben estas axudas son compatibles con outras subvencións.
Dos 500.000 euros de investimento, a Xunta destinará 200.000 a financiar proxectos de comunidades de ata 50 membros e os outros 300.000 cubrirán actuacións impulsadas por asociacións veciñais máis grandes.
Este é o segundo ano en que a Xunta convoca este tipo de axudas coa fin de apoiar o importante papel das traídas veciñais no ámbito rural. A dispersión de poboación en Galicia leva a que ao redor de 600.000 persoas empreguen pequenos sistemas de abastecemento de auga propios, xa sexan veciñais ou individuais.
Pódese consultar a convocatoria no DOG premendo nesta ligazón.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visto: 1470
-
Desenvolverase o xoves 6 de maio entre as 10:00 e as 12:00 horas
-
Vai dirixida a todas aquelas persoas interesadas en emprender no rural ou en proxectos de dinamización
O Concello da Baña anima a emprendedores e a todas aquelas persoas interesadas en dinamizar o rural a participar na xornada de intercambio de experiencias que se desenvolverá de xeito online o 6 de maio entre as 10:00 e as 12:00 horas.
A xornada, organizada pola Red Rural Nacional do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, ten como obxectivos dar a coñecer vivencias persoais de emprendedores no medio rural, subliñar a variedade de sectores nos que se pode emprender e intercambiar experiencias sobre problemáticas específicas vencelladas ao emprendemento e posibles vías para superalas.
O programa comprende dúas mesas de experiencias, de corenta minutos cada unha. Nelas, darase conta de que pasos hai que seguir para emprender no rural, así como proxectos concretos de casos de éxito.
Na primeira mesa, que leva por título “Comezando a emprender no medio rural: problemas, dúbidas e solucións”, participarán catro emprendedores:
- Gemna de la Montaña, da Asociación Integración Social A-02, proxecto de ecoturismo náutico inclusivo en Ares.
- Cristina, da empresa de agricultura e formación ecolóxica Horta da Terra de Miño.
- Nieves Millán, responsable das cabanas rurais María Manuela Enoturismo en Boqueixón.
- Alberto Uría, do ecomuseo El País del Abeyeiro, en Pena de Nogueira.
A segunda mesa, ‘Emprendedores no medio rural, unha aventura que merece ser contada’, reunirá outros catro poñentes:
- Guillermo Martínez, que falará da creación da granxa escola e a dixitalización de A Casa Grande de Xanceda (Mesía).
- María José Tallón, da empresa de agricultura ecolóxica Trasdeza Natur (Silleda).
- Jesús Otero, dos xeados artesanais Bico de Xeado (Miño).
- Patricia, do parque de aventura Naturmaz de Mazaricos.
A inscrición, gratuíta, pode facerse ata o 5 de maio cubrindo o formulario que se pode descargar premendo nesta ligazón.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visto: 1249
-
Poderán beneficiarse os establecementos do municipio que tiveron que pechar durante a pandemia
-
O goberno local reserva unha partida de 20.000 euros nos presupostos de 2021, que deberán aprobarse para sacar adiante a iniciativa
-
O presidente dos empresarios considera que esta medida “suporá un pequeno alivio para o tecido produtivo da Baña”

O Concello da Baña vai preparar unha convocatoria de axudas dirixidas as empresas e comercio local que tivo que pechar por mor da pandemia, para axudarlles a afrontar algúns dos gastos correntes que teñen que asumir, entre eles as taxas polos servizos municipais. Este foi un dos compromisos que adquiriu o alcalde, José Antonio Pereira, co presidente da Asociación de Empresarios A Baña Emprende, Rafael Vieito, despois da reunión que ambos mantiveron no Concello.
Dar a coñecer o tecido empresarial do municipio, xerar sinerxías entre elas, e difundir os recursos que teñen ao seu alcance son algúns dos obxectivos que persegue a Asociación A Baña Emprende, recentemente constituída. Na reunión co alcalde, Rafael Vieito solicitoulle unha liña de axudas que permitan aos empresarios e comercios do municipio aliviar un pouco a súa situación económica.
Nesta liña, alcalde e presidente consideran factible que estas axudas do Concello, que poderán chegar ata 20.000 euros se se aproban os orzamentos para o presente exercicio, vaian dirixidas a aqueles negocios ou empresas “que tiveron que pechar obrigatoriamente na súa actividade por indicación das autoridades sanitarias”, indicou o alcalde. Rafael Vieito considera importante poder sacar adiante a iniciativa, “que suporá un pequeno alivio para o tecido produtivo da Baña”.
O equipo de goberno está xa a traballar na redacción das bases desta convocatoria, “que non poderemos poñer en marcha ata que non se aproben os presupostos municipais de 2021, pois nos actuais non existe partida orzamentaria para elo”. A idea e darlle facilidades ás empresas e negocios para que poidan destinar estas axudas “a pagar as taxas municipais, gastos de aluguer, seguros cotas de seguridade social de traballadores ou autónomos, seguros”, entre outras partidas, engade o alcalde.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visto: 1172

As empresas beneficiarias das axudas concedidas polo Concello da Baña e a Deputación da Coruña a través do PEL Reactiva teñen de prazo ata o 31 deste mes de marzo para presentar a documentación xustificativa dos gastos e poder, así, cobrar a axuda asignada.
Así mesmo, o Concello facilítalle a todas as empresas e persoas autónomas beneficiadas das axudas a imaxe que deberán colocar nun lugar visible dos seus negocios informando de que foron beneficiarias con este programa.
A imaxe pódese descargar no arquivo adxunto para imprimir.
O Concello da Baña facilita a imaxe que deberán publicitar as empresas beneficiarias do PEL Reactiva
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visto: 1425

O Concello da Baña, para dar cumprimento as bases da convocatoria das axudas do PEL Reactiva da Deputación da Coruña, facilita a imaxe que as empresas beneficiarias deberán imprimir e colocar nun lugar visible da empresa para darlle promoción a esta iniciativa.
A imaxe que deben imprimir figura en formato PDF no documento adxunto, e en JPG no encabezado desta nova.
O pasado 20 de xaneiro, o Concello da Baña facía pública a resolución da alcaldía que recolle a relación de subvencións concedidas, desestimadas e denegadas en resposta ás solicitudes recibidas polo consistorio ao abeiro da convocatoria do PEL-Reactiva, plan da Deputación da Coruña para a reactivación económica e social co obxecto de facerlle fronte á crise xerada pola pandemia da covid-19.
A resolución pódese consultar no documento adxunto.

