- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visto: 1524
-
Responde deste xeito ao peche da oficina de San Vicenzo, a única financeira existente en todo o municipio

O Concello da Baña tomou a decisión de retirar os seus fondos de Abanca e solicitar o peche da conta que ten nesta entidade bancaria en resposta ao peche da oficina que a financeira tiña en San Vicenzo, a única existente en todo o municipio.
A oficina de Abanca na Baña pechou as súas portas o pasado día 8 de setembro malia as mobilizacións desenvolvidas pola veciñanza, obrigada agora a desprazarse para efectuar calquera trámite bancario. Este peche englóbase nunha política de concentración por parte da entidade, que na mesma data pechou sucursais nas localidades coruñesas de Baíñas (Vimianzo), Zas e San Valentín, nas pontevedresas de Campo Lameiro e Campelo e nas ourensás de San xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado, accións que os concellos afectados veñen denunciando como un desmantelamento do rural.
Coa decisión de retirar os seus fondos de Abanca, o Concello da Baña segue os pasos do de Vimianzo, que adoptou esta medida a semana pasada. Campo Lameiro, pola súa parte, declarou ‘persoa non grata’ ao máximo responsable da entidade, Juan Carlos Escotet.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visto: 1228
-
Os Campantes da Baña, Silvia Redondo, Faíscas da Pontraga e Os Monifates porán a nota musical na xornada festiva
-
Haberá menú xacobeo, mercado de produtos da terra e de artesanía e talleres de instrumentos musicais ou conservas
A Baña acollerá o vindeiro domingo 26 de setembro a I Romaría Xacobea O Seilán, unha festa popular con música folk, artesanía e gastronomía. As actividades, que inclúen música, mercadiño, xantar e talleres, comezarán ás 11 da mañá e prolongaranse ata as 8 da tarde.
Desde pola mañá haberá postos de venda e exposición de produtos da terra na carballeira do Seilán, ademais de talleres de xardín xacobeo, cestos, barro, papel, conservas, produtos de beleza natural e instrumentos musicais. Amenizarán a xornada Os Campantes da Baña, silvaRedonda, Faíscas da Pontraga e Os Monifates. Non faltará o capítulo gastronómico, cun Menú Romaría Xacobea a base de empanada, polbo, carne ao caldeiro, rosca e café por un prezo de 13 euros para as primeiras 100 persoas que reserven praza no número de teléfono 682 859 367.
O evento está organizado polo Concello da Baña e conta coa colaboración da Xunta de Galicia.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visto: 916
-
Os tres rexedores destes concellos presentaron esta mañá as peticións na sede da entidade bancaria na Coruña
-
Anunciaron que continuarán coas accións conxuntas despois de que Víctor Esmorís, xefe de zona de Abanca, lles comunicara a decisión unilateral da empresa de pechar mañá estas tres oficinas

Máis de 5.500 persoas firmaron nas follas habilitadas para tal fin para esixirlle a Abanca que non peche as oficinas de Zas, Baíñas e A Baña. As peticións promovidas polo Concello de Zas, o Concello de Vimianzo e o Concello da Baña entregáronse esta mañá na sede central de Abanca na Coruña por Manuel Muíño (alcalde de Zas), Mónica Rodríguez (alcaldesa de Vimianzo) e José Antonio Pereira (alcalde da Baña).
Os tres rexedores anunciaron que continuarán realizando accións conxuntas despois de que Víctor Esmorís, xefe de zona de Abanca, lles confirmase a decisión unilateral da empresa de pechar mañá, 8 de setembro, as oficinas de Zas, Baíñas e A Baña. Neste sentido nos vindeiros días establecerase unha nova liña de accións conxuntas debido a que estes peches afectan directamente a uns 10.000 veciños e veciñas da zona.
Dende o momento en que coñeceron a decisión, os rexedores destes tres municipios trazaron unha serie de accións conxuntas para evitar estes peches. Ata o momento solicitaron unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, reuníronse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), promoveron unha concentración no mesmo día e á mesma hora diante de cada unha destas oficinas e convocaron unha manifestación diante da sede de Abanca na Coruña á que acudiron máis de 500 veciñas e veciños afectados.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visto: 831
-
Consideran que o Goberno galego é o único con capacidade para “falar de maneira directa” coa entidade financeira
Os alcaldes da Baña, Vimianzo e Zas reiteran a súa petición dunha entrevista co presidente da Xunta para evitar o peche de oficinas de Abanca no rural, coincidindo co derradeiro día no que se prestarán servizos presenciais nas sucursais destes municipios. O pasado 13 de agosto solicitaron formalmente un encontro con Alberto Núñez Feijóo e, polo momento, non recibiron resposta.
“Cremos imprescindible falar presencialmente co presidente da Xunta para que nos axude e se poña á fronte das reivindicacións”, sinalan os rexedores. “É Alberto Núñez Feijóo a autoridade máxima e, por ende, quen debe atender a petición de defender aos nosos veciños. Ademais ten unha responsabilidade moral dado que o Estado saneou a banca dándolle máis de 7.000 millóns de euros de todos os cidadáns”. Os tres rexedores consideran que o Goberno galego é o único con capacidade para “falar directamente” coa entidade financeira.
Unhas 10.000 persoas tanto destes concellos como doutros limítrofes veranse afectadas por este peche, un auténtico “despropósito para o noso rural”, cualifican Manuel Muíño, Mónica Rodríguez e José Antonio Pereira, que onte entregaron na Coruña 5.500 sinaturas da veciñanza contra esta medida.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visto: 1049
-
Na manifestación desta mañá na Coruña diante da sede da entidade participaron tamén os alcaldes e veciñanza de Cerdido e Fene

A veciñanza dos concellos de A Baña, Vimianzo e Zas mobilizouse esta mañá nunha nova concentración, esta vez diante da sede central de Abanca na Coruña, para evitar o peche de oficinas nos seus respectivos municipios.
Os tres concellos puxeron a disposición das veciñas e veciños autobuses para efectuar os desprazamentos desde as tres localidades ata a capital da provincia, efectivos aos que se sumaron as persoas que se moveron ata A Coruña nos seus vehículos particulares. En total, máis de 500 persoas se deron cita nos Cantóns, ata onde acudiron alcaldes e veciños de Cerdido e Fene, e doutros municipios da provincia para apoiar as reivindicacións.
En total son nove as oficinas que Abanca ten previsto pechar en Galicia neste vindeiro setembro. Ás da Baña, Baíñas e Zas únense as de San Valentín (A Coruña), Campo Lameiro e Campelo (Pontevedra) San Xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado (Ourense).

“É un atentado contra o rural”, manifestou pola súa parte o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, quen lembrou que a oficina de Abanca é a única sucursal bancaria existente no municipio. “O peche conleva deixar de facer vida no noso concello. Non só os veciños xa non van poder facer xestións, senón que é un pau tamén para o comercio que temos. Ademais, moita da nosa poboación e moi maior e o día que vai cobrar a pensión aproveita para facer compras e outros trámites. Agora vai ter que desprazarse oito quilómetros para sacar cartos”, explicou.
Manuel Muíño incidiu en que a decisión de Abanca de pechar as oficinas da Baña, de Baíñas (Vimianzo) e de Zas o vindeiro 8 de setembro obedece só ao interese de incrementar as súas ganancias. “Non está motivada por nada que fixeramos nós nin tampouco porque dean perdas. A única fin que ten é aumentar os beneficios da entidade a costa de prexudicar directamente 10.000 persoas nestes tres concellos e noutros limítrofes”, sinalou, e lembrou que Abanca gañou no primeiro trimestre deste ano 137,4 millóns de euros, un 8,2% máis que no mesmo periodo de 2020.
Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, subliñou o feito de que Abanca non comunicara a decisión. Foron os empregados das oficinas os que empezaron a chamar aos veciños para informalos do peche. “Botamos moito de menos que non houbera comunicación e se establecera un diálogo. Súmenos na impotencia. Onde quedan o asesoramento e esa cercanía co cliente da que presumen na súa publicidade? A banca electrónica non o fai todo e hai quen non sabe manexarse coas tecnoloxías. Diminúen os horarios, pechan oficinas, botan empregados, suben comisións... trátase dun grave problema que afecta tamén outros concellos”, indicou. “Isto vai supoñer, ademais de que as persoas se vexan na obriga de desprazarse e perder tempo e cartos para acudir a unha sucursal, que as outras oficinas se vexan colapsadas. Unha situación que tamén vai afectar moi negativamente ao comercio local. Estas políticas son contrarias á necesaria dinamización do rural, non podemos permitir este desmantelamento”.

