• ntregaranse na sucursal as firmas recollidas contra o peche

  • O día 24 remata o prazo para levar as sinaturas á Casa Consistorial

  • As mobilizacións conxuntas con Vimianzo e Zas continuarán o 2 de setembro cunha manifestación na Coruña diante da sede da entidade

contra o desmantelamento do ruralO Concello da Baña convoca á veciñanza a concentrarse diante da oficina de Abanca en San Vicenzo o vindeiro mércores 25 de agosto ás 13.00 horas para manifestar o seu rexeitamento polo anunciado peche desta sucursal no mes de setembro.

A concentración aproveitarase para depositar na propia oficina as sinaturas que están recollendo distintos colectivos por todo o municipio dende a semana pasada, motivo polo que o último día de prazo para levar as firmas ao Concello será o martes 24 de agosto. A entrega acompañarase dunha carta na que se lle pedirá a Abanca que reconsidere a súa decisión e que tamén se mandará por correo certificado á sede central da entidade financeira en Betanzos.

O Concello solicita a máxima afluencia de veciñas e veciños a esta concentración diante da oficina de San Vicenzo, que se enmarca na batería de mobilizacións que están levando a cabo os concellos da Baña, Vimianzo e Zas para evitar o peche de sucursais. De feito, o mércores 25 tamén haberá manifestacións nas sucursais de Baíñas (Vimianzo) e Zas.

Entre as medidas adoptadas de forma conxunta atópase así mesmo outra manifestación diante da sede de Abanca na Coruña o xoves 2 de setembro. Nela participarán os tres municipios, que convidan a secundalos a todos os concellos afectados polos peches.

  • uníronse con Alberto Varela en Santiago na busca de apoios para evitar o peche de oficinas nos tres municipios
  • Os rexedores insistiron na necesidade de evitar “a toda costa” estes peches “inxustos”

fegamp2 webO presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, comprometeuse esta mañá en Santiago nunha reunión coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, o alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, a impulsar unha enquisa entre os concellos para analizar como lles está afectando a concentración de oficinas bancarias logo de constatar que están abandonando maioritariamente os núcleos rurais deixando sen servizo á súa poboación.

A reunión tivo lugar na sede da Fegamp e nela tamén participou o tenente de alcaldesa de Vimianzo, Víctor Muíño. Respondeu a unha solicitude dos propios rexedores co obxectivo de buscar apoio para evitar o peche das oficinas de Abanca en Zas, Baíñas (Vimianzo) e A Baña, peche que vai prexudicar moitas veciñas e veciños do rural dos tres municipios.  

Entenden o peche, previsto para o 8 de setembro e que afecta directamente a unhas 10.000 persoas, como un total abandono do rural por parte dunha entidade que se debe, en gran medida, a esta poboación, xa que está fundada en Galicia e o territorio está conformado caracteristicamente de xeito disperso abondando precisamente os núcleos rurais.

É por iso que os alcaldes consideran “unha contrariedade” ir en contra do propio espírito do que sempre presumiu Abanca de estar ao carón das persoas cando van deixar abandonados e abandonadas a moitas veciñas e veciños que “levan toda a vida confiando a súa economía á entidade”, apuntan.

Alberto Varela, presidente da Fegamp, compartiu cos rexedores a constación por parte da federación dun aumento da inquedanza entre os concellos nos últimos meses ante unha política financieira de peches e recortes horarios que provoca dificultades na veciñanza para acceder a un servizo esencial, ademais de influír negativamente no futuro das localidaes. Compromteuse, xa que logo, a facer un mapa da situación actual e unha retrospectiva do último ano, “xa que nos últimos meses os avisos de peche estanse a intensificar e producir de forma súbita sen ningún tipo de consenso cos consistorios”.

Oficina rendible

Ao remate da reunión, o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, destacou que desta reunión saíse a iniciativa conxunta de enviar un comunicado a todos os concellos de Galicia para coñecer con exactitude cantas sucursais pecharon e cantos municipios e veciños se viron prexudicados: "Desde hai un ano, o número de localidades afectadas por estes peches non para de aumentar. É inadmisible que cada día se deixe o rural con menos servizos mentres se venden iniciativas para a súa revitalización". O caso da Baña é, ao seu xuízo, "inxustificable. Cónstanos que a oficina é rendible para Abanca. Hai uns oito meses tivo unha remodelación, o local físico é propiedade do banco e o persoal vai ser trasladado ao concello limítrofe. Todo isto desconcértanos, non ten ningún sentido”.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, quixo remarcar “que non é unha problemática exclusiva aos nosos municipios, senón que afecta a toda a comunidade galega. Son moitas as persoas afectadas e non podemos permitir que a situación siga adiante. Temos que conxuntarnos para reverter a situación”, declarou.

Pola súa banda, Manuel Muíño, alcalde de Zas, sinalou que unha vez que saibamos cantos concellos hai afectados por estes peches coñeceremos a magnitude deste problema que afecta a toda Galicia. “Hai miles de galegos e galegas afectadas por esta folla de ruta que seguro que non se detén aquí, senón que entre os plans de Abanca está seguir pechando entidades e diminuir así os servizos que se lle prestan á veciñanza”, indicou Muíño.

  • Os achegas diríxense á incorporación de traballadores por conta allea, á formación e ao emprego con apoio

  • Incentívase a ocupación de mozos, mulleres, desempregados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión

  • Inclúense as contratacións formalizadas entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021

Diseño sin título 14

Dende mañá, 27 de xullo, e ata o 30 de setembro, estará aberto o prazo para que as empresas poidan solicitar os incentivos do Plan Galicia emprega destinadas á contratación por conta allea, á formación e ao emprego con apoio. As bases reguladoras polas cales se rexerán as axudas que favorezan a inserción laboral de persoas desempregadas na empresa ordinaria publícanse hoxe no Diario Oficial de Galicia.

As achegas do Plan Galicia emprega desenvólvense ao abeiro de dous programas diferentes. O primeiro deles, centrado na contratación por conta allea e a formación, inclúe catro tipos de axudas:

  1. Incentivos á contratación indefinida inicial. Para a incorporación de persoas mozas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou risco de exclusión social.
  2. Incentivos á contratación temporal. Para a incorporación de persoas mozas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración e persoas con discapacidade ou risco de exclusión social.
  3. Incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos. Só no caso de persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.
  4. Incentivos á formación. Dirixidos ás persoas que, grazas a esta convocatoria, foron contratadas de xeito indefinido dende o inicio ou de forma temporal.

O segundo dos programas é o de emprego con apoio, polo que preparadores laborais especializados desenvolven no posto de traballo un conxunto de actividades destinadas a orientar e acompañar as persoas traballadoras con discapacidade ou en risco de exclusion.

As solicitudes deberán presentarse ata o 30 de setembro por medios telemáticos na sede electrónica da Xunta cunha petición diferente por cada un dos dous programas. Poderán beneficiarse das achegas aquelas empresas ordinarias que fixesen contratacións entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021.

As empresas interesadas poden solicitar máis información na Axencia de Desenvolmento Local do Concello da Baña.

 

  • Os tres alcaldes piden unha reunión con Feijóo para que se poña á fronte das reivindicacións “en defensa dos galegos”
  • Inician unha recollida de sinaturas e non desbotan unha manifestación ante a sede da entidade
  • A clausura das tres sucursais afecta unhas 10.000 persoas, segundo indicaron na rolda de prensa que ofreceron esta mañá

abanca2 web

José Antonio Pereira, alcalde da Baña; Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo; e Manuel Muíño, alcalde de Zas, anunciaron esta mañá que actuarán de forma conxunta para evitar o peche de oficinas que Abanca ten previsto facer nos tres municipios o vindeiro mes de setembro e que afecta directamente dez mil persoas destes concellos e doutros limítrofes. “Imos esgotar todas as posibilidades na nosa man para lograr que reconsideren esta decisión. As medidas inclúen mobilizacións e estudar se podemos emprenderse accións legais”, subliñou Manuel Muíño, que actuou como voceiro na rolda de prensa que os tres rexedores ofreceron este mediodía en Zas.

A falta de concretar as datas nas que se levarán a cabo, Muíño expuso cales son as accións que consensuaron os tres concellos afectados polos peches. A primeira, sinalou, é unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “para que nos axude e se poña á fronte das reivindicacións”, posto que os tres rexedores cren que o Goberno galego é o único con capacidade para “falar de ti a ti” coa entidade financeira. Ademais, subliñou, “Feijóo é o presidente de todos os galegos, polo que debe atender a petición de defender aos nosos veciños, e ten unha responsabilidade moral dado que o Estado saneou a banca dándolle máis de 7.000 millóns de euros de todos os cidadáns”.

Outro dos acordos adoptados polos alcaldes implica reunirse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, coa idea de convocar unha asemblea de concellos destinada a analizar a estratexia de concentración de oficinas que está levando Abanca, o que implica o abandono dos núcleos rurais.

Tamén, adiantou Muíño, intentarán establecer contactos con algún ministro do Goberno de España que teña competencias na materia e con deputados do parlamento autonómico, aos que lles pedirán “desenvolver as iniciativas políticas necesarias”. Na rolda de conversas, contemplan así mesmo reunirse con responsables de Abanca, “sempre que teñan capacidade de decisión”.

En canto ás mobilizacións, xa iniciadas coa recollida de sinaturas nos tres concellos, o alcalde de Zas anunciou que “desembocarán nunha manifestación ante a propia sede de Abanca”.

Estratexia para incrementar beneficios

Manuel Muíño incidiu en que a decisión de Abanca de pechar as oficinas da Baña, de Baíñas (Vimianzo) e de Zas o vindeiro 8 de setembro obedece só ao interese de incrementar as súas ganancias. “Non está motivada por nada que fixeramos nós nin tampouco porque dean perdas. A única fin que ten é aumentar os beneficios da entidade a costa de prexudicar directamente 10.000 persoas nestes tres concellos e noutros limítrofes”, sinalou, e lembrou que Abanca gañou no primeiro trimestre deste ano 137,4 millóns de euros, un 8,2% máis que no mesmo periodo de 2020.

“É un atentado contra o rural”, manifestou pola súa parte o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, quen lembrou que a oficina de Abanca é a única sucursal bancaria existente no municipio. “O peche conleva deixar de facer vida no noso concello. Non só os veciños xa non van poder facer xestións, senón que é un pau tamén para o comercio que temos. Ademais, moita da nosa poboación e moi maior e o día que vai cobrar a pensión aproveita para facer compras e outros trámites. Agora vai ter que desprazarse oito quilómetros para sacar cartos”, explicou.

Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, subliñou o feito de que Abanca non comunicara a decisión. Foron os empregados das oficinas os que empezaron a chamar aos veciños para informalos do peche. “Botamos moito de menos que non houbera comunicación e se establecera un diálogo. Súmenos na impotencia. Onde quedan o asesoramento e esa cercanía co cliente da que presumen na súa publicidade? A banca electrónica non o fai todo e hai quen non sabe manexarse coas tecnoloxías. Diminúen os horarios, pechan oficinas, botan empregados, suben comisións... trátase dun grave problema que afecta tamén outros concellos”, indicou. “Isto vai supoñer, ademais de que as persoas se vexan na obriga de desprazarse e perder tempo e cartos para acudir a unha sucursal, que as outras oficinas se vexan colapsadas. Unha situación que tamén vai afectar moi negativamente ao comercio local. Estas políticas son contrarias á necesaria dinamización do rural, non podemos permitir este desmantelamento”.

Nove peches

En total son nove as oficinas que Abanca ten previsto pechar en Galicia neste vindeiro setembro. Ás da Baña, Baíñas e Zas únense as de San Valentín (A Coruña), Campo Lameiro e Campelo (Pontevedra) San Xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado (Ourense).

  • As peticións poden facerse ata o 20 de agosto no caso de pequenas empresas e ata o 30 de setembro nas tecnolóxicas

  • As achegas, que acadan un máximo de 186.000 euros, increméntanse nun 25% se o centro de traballo está radicado no rural

Diseño sin título 11

Dende hoxe pódense solicitar as axudas destinadas ao fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación, así como os incentivos ás iniciativas empresariais de base tecnolóxica. As bases da convocatoria publicáronse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do martes 20 de xullo.

1. Tipos de axuda para as empresas de nova creación:

  • Subvención á xeración de emprego estable (de 2.000 a 9.000 euros por posto ata un máximo de 10).
  • Subvención para a formación (3.000 euros por empresa).
  • Subvención para o inicio da actividade (de 2.000 a 9.000 euros por posto ata un máximo de 10).
  • Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras (achega máxima de 3.000 euros para cubrir os custos das escolas infantís para fillos menores de tres anos).

Sumando as catro axudas, que son complementarias, a contía máxima poderá acadar os 186.000 euros.

2. Tipos de axuda para as empresas de cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT):

  • Subvención á creación directa de emprego estable (de 6.000 a 22.500 euros por posto creado, dependendo da idade, sexo ou titulación das persoas contratadas).
  • Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación (máximo de 18.000 euros para todas as contratacións).
  • Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade (ata 24.000 euros, segundo os postos estables creados no primeiro ano de actividade).

Todas as axudas son complementarias, polo que unha mesma empresa poderá acceder a unha cantidade máxima de 64.500 euros.

En ambos os dous programas, as achegas incrementaranse nun 25% se a persoa incorporada pertence a colectivos con dificultade de inserción laboral como mulleres, traballadores maiores de 45 anos, emigrantes retornados... Este aumento aplicarase tamén no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural.

As solicitudes presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia. As pequenas empresas de nova creación teñen de prazo ata o 20 de agosto (código de procedemento TR807I), mentres que as de base tecnolóxica poderán pedir as achegas ata o 30 de setembro (código de procedemento TR340E).

Máis información na Axencia de desenvolvemento local do Concello da Baña.