- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 4407

O Concello da Baña continúa avanzando nas súas políticas de sostibilidade coa posta en marcha de dous centros de compostaxe comunitaria no núcleo urbano de San Vicenzo da Baña. Trátase dunha nova fase do proxecto municipal iniciado coa entrega de composteiros individuais, que contou cunha ampla acollida por parte da veciñanza.
Estes espazos estarán abertos a todas as persoas interesadas en participar e permitirán transformar os restos orgánicos dos fogares en abono natural. O obxectivo é reducir a xeración de lixo e, ao mesmo tempo, obter un recurso de valor para mellorar as zonas verdes municipais.
O Concello subliña que o éxito da iniciativa dependerá da colaboración da cidadanía, á que anima a sumarse para avanzar cara a un municipio máis sostible e respectuoso co medio ambiente.
Nas próximas semanas organizaranse xornadas informativas e obradoiros prácticos co fin de explicar o funcionamento dos centros de compostaxe comunitaria e resolver posibles dúbidas das persoas usuarias.
Con este novo paso, A Baña consolida o seu compromiso co fomento da economía circular e a redución de residuos, reforzando o papel activo da veciñanza na construción dun futuro máis ecolóxico.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 4696
-
As sesións terán lugar todos os luns, de 19:00 a 20:30 horas, na Escola Municipal de Música Emilio Andújar, e estarán dirixidas por Xan Martínez
-
Co obxectivo de dar a coñecer esta disciplina haberá unha primeira clase de proba o luns 29 de setembro

O Concello da Baña vén de abrir o prazo de inscricións para a actividade de expresión corporal, que se inclúe dentro da programación da Escola Municipal de Teatro. As persoas interesadas poderán formalizar a súa matrícula a través da sede electrónica do Concello ou na Concellería de Cultura, permanecendo o prazo aberto ata cubrir prazas.
As sesións terán lugar todos os luns, en horario de 19:00 a 20:30 horas, na Escola Municipal de Música Emilio Andújar, e estarán dirixidas por Xan Martínez. O curso está previsto que comece no mes de outubro, no marco do programa 2025/2026.
Co obxectivo de dar a coñecer esta disciplina, organizarase unha primeira clase de proba o luns 29 de setembro, aberta á cidadanía, na que se poderá experimentar de primeira man a proposta de traballo.
A actividade de expresión corporal busca favorecer o benestar a través do movemento e da creatividade, incidindo en aspectos como a atención, a memoria, a verbalización, a intelixencia emocional e os procesos cognitivos, factores que repercuten directamente na mellora da calidade de vida.
Para máis información, o Concello da Baña pon a disposición da veciñanza o teléfono de contacto 686 148 512.
Os formularios de inscrición, o documento de pago e as autorización de imaxe e uso de teléfono podes descargarse nos documentos adxuntos.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 4750
-
O proxecto ten un orzamento de 156.955 euros, que se engaden aos 94.852 euros para a rede de abastecemento de auga potable á parroquia do Barro para ser financiados pola Deputación
-
Os festivos locais para 2026 seguirán sendo o 22 de xaneiro, San Vicenzo; e o 9 de setembro, a Virxe das Dores
-
Aprobada unha moción solicitándolle á Xunta maior financiamento para o Servizo de Axuda no Fogar.
O Pleno do Concello da Baña comezou este 30 de xullo gardando un minuto de silencio en memoria de Teresa de Jesús González, a traballadora do Servizo de Axuda no Fogar do Porriño que finou asasinada esta semana presuntamente polo marido da persoa que ía coidar. Na sesión aprobouse por unanimidade incluír a mellora da capa de rodaxe da pista que vai de Marcelle a Reguengo, na parroquia de Suevos, nos proxectos a financiar polo Plan de Obras e Servizos adicional da Deputación da Coruña (POS+ Adicional 2025).
O alcalde, José Antonio Pereira, explicou onte no pleno que o proxecto que ten redactado o Concello para mellorar a capa de rodaxe da pista de Marcelle ao Reguengo (en Suevos) conta cun orzamento de 156.955,68 euros, e vaise incluír na segunda fase do POS+ Adicional 2025 para que sexa financiado pola Deputación. Esta obra sumase á rede de abastecemento de auga potable na parroquia do Barro, xa incluída no POS+ Adicional cun orzamento de 94.852,60 euros. Deste xeito completaríanse os 251.808,28 euros que lle corresponden ao Concello da Baña dentro do Plan adicional de Obras e Servizos da Deputación. Ese punto aprobouse cos votos a favor de todos os concelleiros
Tamén por unanimidade aprobáronse os festivos locais para 2026, que seguirán sendo o día de San Vicenzo (22 de xaneiro), patrón do municipio, e o da Virxe das Dores (9 de setembro).
Cos votos a favor do equipo de goberno (5 do PSdeG e 1 do BNG) e a abstención do PP aprobouse delegar la Xunta de Goberno Local as competencias do Pleno para establecer e modificar os prezos públicos que se cobran polos servizos que presta o Concello.
Moción sobre o Servizo de Axuda no Fogar
Mónica González defendeu no pleno a moción do BNG a favor do sistema público de atención á dependencia e a mellora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), na que se denuncia o “preocupante proceso de desmantelamento e privatización” do SAF, o incremento da lista de agarda e un investimento por persoa en Galicia (1.317 euros anuais) moi inferior á media estatal (2.000 euros).
A moción foi aprobada cos votos a favor de PSdeG (5) e BNG (1). Entre outros puntos, na mesma ínstase á Xunta a garantir o financiamento suficiente do SAF, elevando o prezo hora que paga o goberno autonómico ata os 20 euros (actualmente financia 12) e a redución dos tempos de espera para as avaliacións e acceso ás prestacións de dependencia, que hoxe teñen unha media de 361 días en Galicia e na Baña achéganse aos dous anos.
Todos os grupos políticos coincidiron no infrafinanciamento do SAF, un servizo que lle corresponde á Xunta e que están prestando os concellos “de xeito impropio”, xerando un forte endebedamento para as arcas municipais. Na Baña o concello está pagando a 21 euros a hora, e só reciben 12 da Xunta. Outros concellos están licitando o SAF con prezos hora de entre 23 e 24 euros. A Baña estima que este ano se prestarán máis de 25.000 horas de atención no SAF, dixo a tenente de alcalde.
O PP abstívose na votación ao considerar que a moción “tamén debería esixirlle responsabilidades ao Goberno central, que lle debe varios miles de millóns á Xunta para financiar a dependencia”.
Mónica González comprometeuse a enviar a moción aprobada tanto á Consellería de Política Social, grupos parlamentarios autonómicos e a Fegamp (que xa incluía a proposta) como ao Ministerio de Política Social do goberno central.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 4436
-
‘Os misterios da biblioteca’ celebrarase o venres 19 de setembro ás 17:00 horas
-
A proposta combina diversión, enxeño e traballo en equipo
-
É preciso inscribirse a través do teléfono 981 88 65 01 ou enviando un correo a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

A Axencia de Lectura da Baña transformarase o vindeiro venres 19 de setembro, ás 17:00 horas, nun auténtico escenario de xogo e aprendizaxe coa celebración do escape room Os misterios da biblioteca. A actividade está pensada para nenos e nenas de entre 4 e 16 anos e combina diversión, enxeño e traballo en equipo.
A proposta, organizada pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía do Concello da Baña enmárcase dentro do programa #LerContaMoito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, e busca achegar a lectura e o mundo dos libros á mocidade dunha forma diferente e novidosa.
Unha hora para resolver os misterios
Durante 60 minutos, os participantes deberán enfrontarse a un reto colectivo: resolver os misterios agochados na biblioteca. Para iso terán que organizarse en equipos, superar probas, descifrar enigmas e atopar as chaves que lles permitan avanzar no xogo.
A dinámica baséase en fomentar habilidades como a comunicación activa, a cooperación, a creatividade e a capacidade de resolución de problemas, valores fundamentais non só para superar o escape room senón tamén para a vida diaria.
Inscricións abertas
As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través do teléfono 981 88 65 01 ou enviando un correo a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.
O Concello da Baña anima a todas as familias a inscribir aos seus fillos e fillas nesta proposta orixinal que converte a biblioteca nun espazo cheo de misterios, aventuras e aprendizaxes para compartir.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 4624

O Concello da Baña informa que ata o día 24 de xullo estará aberto o prazo de solicitudes para as axudas ao transporte dirixidas aos estudantes da Baña que cursarán os seus estudos no IES Xulián Magariños de Negreira ou no IES Terra de Xallas de Santa Comba durante o curso 2025-2026.
Para o próximo curso, dispóñense un total de 25 prazas para estas axudas. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 24 de xullo, unha vez publicadas as bases na Sede Electrónica do Concello da Baña e na páxina web municipal. Transcorrido este prazo, non se admitirán novas inscricións.
Este servizo de axuda ao transporte será de carácter temporal e estará en funcionamento desde setembro de 2025 ata xuño de 2026 (ambos meses incluídos), coincidindo co calendario escolar anual e en horario lectivo dos centros educativos.
As solicitudes deben presentarse utilizando os modelos recollidos na web do Concello e entregaranse no Rexistro Xeral do Concello.
Para máis información sobre o proceso de solicitude e os requisitos, os interesados poden consultar a Sede Electrónica do Concello ou chamar ao teléfono do Concello 981 886 501.
As bases de funcionamento deste servizo así como as fichas de solicitude, de autorización do uso do teléfono e da orde de domiciliación de recibos poden descargarse nos arquivos adxuntos.
Consulta as basespremendo neste enlaceou consultando o documento adxunto.
