- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 811
-
O Apalpador e Papá Noel, xuntos por primeira vez, visitarán o pavillón de San Vicenzo
-
CantoEncanto, grupos de gaita e pandeireta da Escola de Música Tradicional e o Mago Paco protagonizan a programación escénica
-
Unha ampla oferta de postos artesanais e produtos locais estará dispoñible para as compras de Nadal
O domingo 15 de decembro, o pavillón municipal de San Vicenzo converterase no escenario da novena edición do Mercadiño de Nadal da Baña, unha cita consolidada no calendario local que cada ano atrae veciñanza e visitantes da comarca. Dende as 12.00 do mediodía e ata as 20.00 horas, o Concello da Baña ofrecerá unha xornada chea de artesanía, música e actividades pensadas para toda a familia, cunha especial atención á cativada.
O evento contará cun amplo programa de actividades culturais e de lecer que comezará ás 12.30 horas coa animación musical a cargo do grupo de gaiteiros da Escola de Música Tradicional (EMT) da Baña. A partir das 16.00 horas, á música dos gaiteiros sumarase a das pandeireteiras da EMT e a de CantoEncanto, un conxunto de música tradicional local creado en 2023 que se define como “un grupo de amigos que se xuntan nas foliadas para cantar e bailar”.
A programación inclúe tamén unha dose de maxia e fantasía co espectáculo do Mago Paco, especializado en entretemento infantil, que terá lugar ás 17.00 horas. Pero a gran novidade deste ano será a presenza conxunta, por primeira vez, de dúas figuras imprescindibles do Nadal en Galicia: o Apalpador e Papá Noel, que chegarán ás 18.00 horas para espertar a ilusión de nenas e nenos.
Ademais das actividades, o mercadiño ofrecerá unha coidada selección de postos con produtos de artesanía e delicias gastronómicas, permitíndolles ás persoas asistentes mercar agasallos únicos nun ambiente festivo e acolledor. Como en anos anteriores, habilitarase un posto de empaquetado solidario, no que quen merque no Mercadiño poderá preparar os seus agasallos ao tempo que colabora cunha causa solidaria.
A organización desta novena edición, a cargo do Concello da Baña e coa colaboración da Deputación da Coruña, busca reafirmar o Mercadiño como un evento de referencia na comarca. O pavillón de San Vicenzo converterase, un ano máis, nun punto de encontro para celebrar o Nadal en comunidade, promovendo a música, a tradición e a convivencia.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 676
-
O convenio permitirá mellorar a eficacia e accesibilidade dos servizos municipais grazas á interconexión coa plataforma dixital da Deputación
-
O alcalde José Antonio Pereira asistiu ao acto de sinatura do convenio no Pazo de Mariñán
A Deputación da Coruña continúa promovendo a dixitalización nos concellos da provincia. O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, asistiu o luns 11 de novembro á sinatura dun convenio de colaboración coa Deputación no Pazo de Mariñán, co obxectivo de impulsar a implantación da administración electrónica e mellorar a eficiencia e accesibilidade dos servizos municipais en concellos de menos de 20.000 habitantes.
O convenio, cunha duración inicial de catro anos prorrogables, permitirá reducir os tempos de tramitación administrativa e facilitará a interacción entre o Concello e a cidadanía. Mediante este proxecto, a Baña contará cunha interconexión co sistema integral de servizos da Deputación, que inclúe un amplo catálogo de ferramentas de administración electrónica e soporte para o persoal municipal e a veciñanza.
Esta iniciativa enmárcase dentro do programa Concello Dixital, un proxecto da Deputación que busca modernizar as administracións locais e que leva un investimento de máis de 16 millóns de euros en estratexias de transformación dixital para os concellos. Segundo o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, "beneficiou xa a preto de 500.000 persoas, que viron reducidos os tempos de primeira resposta administrativa nun 25%, e nun 40% na resolución de expedientes".
A Deputación estima que o uso da administración electrónica supuxo no que vai de 2024 un aforro ás arcas públicas de preto de 20 millóns de euros. A institución provincial segue reforzando este obxectivo con medidas adicionais como un Plan de Ciberseguridade para os sistemas da Deputación e das administracións locais, e as Oficina do Dato, de Accesibilidade e Servizos Dixitais, e o proxecto Acelera Pyme, destinado a superar a fenda dixital e a dar un impulso tecnolóxico no rural.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 1088
- As risas e o bo humor chegarán da man de pezas como ‘Monólogos 3 en 1’, ‘Marcho que teño que marchar’, ‘Vicio houbo sempre’, ‘E ti de quen ves sendo’ e ‘Enredadas’

O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, presenta unha nova edición do seu programa Outono Cultural co ciclo Outono de Monólogos.
As actuacións comezarán xa este venres 20 de setembro da man de Debullando Teatro e o seu Monólogos 3 en 1 cargado de gargalladas e bo humor.
No mes de outubro a cita é coa compañía Inventi Teatro, que o venres 4 ofrece Marcho que teño que marchar. Trátase dun emocionante e divertido espectáculo unipersonal protagonizado por Bea Campos que ofrece un momento para a reflexión sobre os roles establecidos, as herdanza culturais e as tradicións familiares.
O mes de novembro estará repleto de humor e teatro, con tres espectáculos programados. O día 8 de novembro, Xarope Tulú achegará ao público a obra Vicio houbo sempre onde Atenea García recolle historias de vía nas marxes de mulleres maiores de 85 anos. Estas charlas acaban, en moitas ocasións, falando de pracer e sexualidade, de cousas supostamente prohibidas tempo atrás, deixando entrever que cousas como chegar virxe ao matrimonio sucedía, pero non sempre.
O día seguinte, o 9 de novembro, Debullando Teatro volverá ao escenario, desta vez en Lañas, cunha nova función titulada E ti de quen ves sendo ás 19:00 horas.
O ciclo pecharase o venres 22 de novembro coa actuación de Leti da Taberna que presentará Enredadas. Neste monólogo Leticia Miraz explora en ton irónico a nosa relación coas redes sociais e como nos inflúen no noso día a día, provocando que o público se vexa identificado coas situacións que se presentan e acabe ríndose de si mesmo.
Todas as actuacións levaranse a cabo na Casa da Cultura ás 20.30 horas excepto E ti de que ves sendo que terá lugar en Lañas ás 19.00 horas.
Este Outono de Monólogos está organizado co apoio da Deputación da Coruña, ofrecendo unha programación variada e de calidade para todas as idades, que promete encher de risas e bo humor as tardes de outono á veciñanza do Concello da Baña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 879
-
O Concello solicitará unha achega nominativa á Deputación de 200.000 euros para mellorar o tramo de Lañas ata Pazo
-
As persoas voluntarias que atendan servizos como o de Madrugadores poderán percibir ata 8,33 €/hora, a mesma cantidade que fixa a Xunta para os comedores escolares
-
O goberno aproba a moción reclamándolle á Xunta e a Sogama que non suban o canon pola recollida de lixo e manteñan a bonificación do 15%
A Corporación da Baña aprobou por unanimidade no pleno de onte solicitarlle unha subvención nominativa á Deputación da Coruña para continuar coa mellora da estrada de Lañas. Tamén por unanimidade se aprobou o convenio de cesión de terreos para a mellora do camiño de Monelos, a conta xeral de 2023 e a modificación do Plan Municipal de Voluntariado.
O proxecto de mellora do tramo entre Lañas e Pazo da CP-0702 ten un orzamento de 299.999 euros, e o Concello da Baña vaille solicitar á Deputación da Coruña unha subvención nominativa de 200.000 euros, comprometéndose a financiar os 99.999 euros restantes con fondos propios ou con achegas doutras administracións.
Tamén por unanimidade se aprobou a conta xeral de 2023 e o convenio firmado cos propietarios implicados para a cesión de terreos que permitirán arranxar o primeiro tramo do Camiño de Monelos.
Todos os grupos estiveron tamén de acordo en modificar o Plan Municipal de Voluntariado, permitindo agora unha compensación económica polos gastos de dedicación e desprazamento xerados pola colaboración das persoas voluntarias cun importe de 8,33 euros/hora. Este cambio está pensado, fundamentalmente, para facilitar que o servizo de Madrugadores poida ser atendido por persoas voluntarias, que percibirán o mesmo importe que a Xunta destina as persoas que colaboran cos servizos de comedor. Deste xeito, o Concello poderá prestar un servizo fundamental de conciliación para familias que levan as súas crianzas tanto ao CPI San Vicente como a CRA de Lañas.
No capítulo de mocións, a presentada polo equipo de goberno reclamándolle á Xunta e a Sogama que non apliquen o incremento do canon previsto para 2025 e que se manteña o desconto do 15% actual foi aprobada cos votos a favor de PSdeG e BNG (6). A proposta tamén pide ampliar as plantas de biorresiduos existentes, como estaba previsto no plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022.
O PP votou en contra desta iniciativa, e presentou unha moción tamén sobre o canon de Sogama na que reclamaban que, primeiro, o Goberno central retirara o imposto que se aplicará a incineración de residuos e non aplique aínda a directiva de Bruxelas, como fan a maioría de países da Unión Europea, dixo o portavoz popular, Andrés García Cardeso.
O alcalde, José Antonio Pereira (PSdeG), e a tenente de alcalde Mónica González (BNG), insistiron que “quen aplica subida do canon é Sogama, que é unha empresa controlada pola Xunta. Se suben o canon, ese incremento vai repercutir na subida do recibo do lixo da veciñanza da Baña. É Sogama que debe tomar a decisión e non subir o canon”, aseguraron dende o goberno da Baña. A moción do PP foi rexeitada cos seis votos en contra de PSdeG e BNG, e cinco a favor do PP.
Tamén foi rexeitada a moción presentada polo PP sobre Venezuela.
No último apartado, en resposta á pregunta formulada polo PP de cando vai tomar posesión o persoal que aprobou a oposición do proceso de estabilización, o alcalde comprometeuse a que se fará antes do 31 de decembro, que é o prazo que establece a normativa vixente. José Antonio Pereira explicou que está á espera de que a secretaria-interventora analice o expediente para culminar o proceso.
Mónica González, pola súa banda, explicou que tras unha reunión co director xeral de Familia, Jacobo Rey, o Concello da Baña vaille solicitar á Xunta unha subvención para converter o PAI nunha escola infantil con 35-40 prazas e poder así atender todas as solicitudes das familias. O punto de atención á infancia conta actualmente con 20 prazas, e este curso moitas familias quedaron en lista de agarda.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 701
As Atrevidas de Monte Alto e os gaiteiros da Escola de Música Tradicional animaron a sesión matinal
O Trío deTres e As Maianas puxeron o colofón a unha romaría que tenta emular ás celebradas nos anos cincuenta
Os xogos populares e un xantar na carballeira de Seilán completaron a oferta

A música tradicional foi unha das protagonistas este domingo na Feira da Re-Volta da Baña, coa que o Concello lembra as tradicionais feiras dos anos cincuenta do século pasado. Un xantar ao aire libre e os xogos populares completaron a oferta na carballeira do Seilán, á que se achegaron bañenses e visitantes, moitos vestidos con roupas de época.
As Atrevidas de Monte Alto e os gaiteiros da Escola de Música Tradicional da Baña animaron a sesión matinal, despois da misa celebrada na capela. Tras os bailes da sesión vermú tocaba repoñer forzas nun xantar celebrado na propia carballeira do Seilán, cun menú a basea de churrasco, callos, orellas e chourizos ao viño.
Pola tarde, o Trío DeTres amenizou a sobremesa, antes de que desen comezo os xogos populares. As Maianas pecharon o programa festivo cunha actuación moi aplaudida polo público presente.
Album de fotos na páxina de Facebook do Concello da Baña (neste enlace).


