- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 439
-
A elaboración con flores e elementos naturais reuniu a familias enteiras baixo a dirección creativa de Oli Xiraldez
-
O xantar veciñal e a actuación de ‘Os Monifates’ formaron parte tamén desta celebración

A Baña viviu este domingo, 11 de maio, unha xornada marcada pola cor, a natureza e a tradición coa celebración da súa Festa dos Maios, unha cita cultural que convocou á veciñanza arredor dunha das celebracións máis simbólicas da primavera galega.
A iniciativa foi organizada pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía que dirixe Mónica González, quen estivo presente e participou activamente xunto á veciñanza. Ao longo da xornada viñeron facer un seguimento da elaboración do Maio o alcalde José Antonio Pereira e a concelleira de Turismo Ana Pensado.

A programación deu comezo ás 10:00 horas cun obradoiro participativo de elaboración de Maios dirixido polo artista Oli Xiraldez, no que moitas persoas, grandes e pequenas, se achegaron a crear estruturas florais con elementos naturais, recuperando así unha expresión artística tradicional moi vencellada á identidade cultural galega. A cativada gozou coa busca das cañas, das flores e descubrindo a montaxe en cada un dos seus pasos ao tempo que os maiores uniron forzas para completar un maio ben fermoso que loce xa na praza do Concello.

Debido a inestabilidade meteorolóxica o xantar veciñal trasladouse ao Centro Social, onde o grupo deu boa conta tanto dos aperitivos aportados polo Concello como da comida que moitos achegaron da casa.

Xa pola tarde, ás 17:00 horas, o público gozou do espectáculo “Os Monifates”, no que Alberto Millán e Xosé Piñeiro ofreceron unha función de marionetas danzantes acompañada de música en directo, que fixo as delicias de cativos e de maiores.

Desde o Concello da Baña destacouse a boa participación da veciñanza e a boa acollida dunha festa que logrou combinar o espírito festivo coa posta en valor das tradicións galegas.
A Festa dos Maios cumpriu co obxectivo de promover a identidade local e o encontro interxeracional.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 470
-
A cita deste domingo 11 de maio contará co asesoramento do artista Oli Xiraldez, quen guiará ao público en obradoiros abertos para dar forma ás figuras florais
-
Ao mediodía a festa trasladarase á área recreativa do río Albariña para celebrar un xantar veciñal ao aire libre
-
Actuará a Escola de Música Tradicional da Baña e pola tarde será a quenda do espectáculo Os Monifates

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 621
-
A iniciativa enmárcase na liña 2 de actuación subvencionada pola Xunta de Galicia para promover a reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante compostaxe doméstica ou comunitaria
-
O Concello anima á veciñanza a sumarse a este proxecto que xa conta con máis de 170 familias participantes nas edicións anteriores


- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 798
-
A lista de propostas comeza o domingo 11 coa tradicional Festas dos Maios
-
O IV Premio Daniel García Ramos que se entrega o Día das Letras Galegas recoñece ás Pandereteiras da Baña como símbolo da poesía oral popular

O Concello da Baña celebrará durante todo o mes de maio unha programación cultural diversa e participativa con motivo do Mes das Letras Galegas, cun calendario de actividades que combinan tradición, música, literatura, educación e memoria colectiva.
A programación arranca o domingo 11 de maio coa tradicional Festa dos Maios, que encherá de cor, música e convivencia a Praza do Concello desde as 10.00 horas. Oli Xiraldez ofrecerá asesoramento e elaboraranse os maios durante toda a xornada, na que tamén haberá obradoiros, a actuación da Escola de Música Tradicional da Baña e un xantar veciñal ao aire libre na área recreativa do río Albariña, no que o Concello achegará uns petiscos. Pola tarde, ás 17.00 horas, terá lugar a actuación de Os Monifates, un espectáculo único de marionetas danzantes ao son da música en directo, recuperando a esencia do teatro popular galego.
“Queremos animar á veciñanza a participar nesta tradición tan nosa como é a dos Maios, e que desfruten dunha xornada festiva, aberta e para todos os públicos, na que poden sumarse en calquera momento do día”, destaca a concelleira de Cultura Mónica González.
O sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, celebrarase a entrega do IV Premio Daniel García Ramos, que este ano recoñece a traxectoria das Pandereteiras da Baña, como homenaxe á tradición da poesía oral e da música popular. Esta elección está aliñada coa temática do Día das Letras Galegas 2025, que se dedica precisamente ás cantareiras e á poesía oral popular. O acto, que comezará ás 11.00 horas na Escola de Música Emilio Andújar , contará coa actuación de Mari Faltri e cunha degustación de petiscos. “Esta é unha data moi especial para nós, porque este ano as Letras están dedicadas á narración oral, un eido no que A Baña tivo sempre unha presenza destacada grazas ás súas cantareiras e gaiteiros”, engade Mónica González.
A programación continúa o domingo 18 de maio, ás 12.00 horas na Casa da Cultura, coa presentación do libro As verbas do luns de Xan Martínez, unha nova oportunidade para achegarse á literatura galega e compartir reflexións co seu autor.
O 23 de maio celebrarase a actividade Axudádeme a cantar, unha xuntanza musical e educativa entre o CPI da Baña e o CPI de Bembibre, promovendo a colaboración e o respecto pola nosa lingua e cultura entre o alumnado.
Como broche final, o 24 de maio terá lugar unha excursión cultural organizada en colaboración coa Asociación Alborada.
Con esta programación, A Baña súmase á celebración do Día das Letras Galegas cun calendario que pon o foco na oralidade, na música tradicional e na importancia de manter vivas as nosas raíces culturais. Todas as actividades están abertas á participación da veciñanza e contan coa colaboración de artistas locais, entidades sociais e centros educativos.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 403
O Concello da Baña puxo fin este martes, 22 de abril, a unha nova edición do taller Ás que coidan, un programa de sete sesións dirixido a persoas coidadoras e impulsado desde o servizo de educación familiar municipal.
A iniciativa, conducida pola educadora social Tamara Rodríguez Pereira, tivo como obxectivo proporcionar ferramentas para o autocoidado físico, emocional e mental, fomentar o empoderamento persoal, reflexionar sobre as propias necesidades e crear redes de apoio entre mulleres coidadoras do municipio. As actividades abrangueron desde dinámicas de atención plena, traballo emocional, ata a recuperación de afeccións persoais, sempre coa persoa coidadora como eixo central da intervención.
Na última sesión do taller, celebrada onte, a concelleira de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, Mónica González, achegouse para compartir uns momentos coas participantes e facerlles entrega dos diplomas. Aproveitou a ocasión para recoñecer o seu compromiso ao longo do obradoiro e salientar a importancia de coidar do propio benestar para poder continuar coidando doutras persoas.


