20200626 contedor marron

O Concello da Baña quere participar no proxecto piloto impulsado pola Consellería de Medio Ambiente para implantar o contedor marrón de recollida separada de fracción orgánica de residuos domésticos para facer compós de calidade. Para levalo a cabo, o Concello pide voluntarios entre a poboación para empezar a usar o contedor marrón, que require dunha chave para abrilo.

Neste proxecto úsanse contedores marróns de 240 litros de capacidade, con cerradura para a súa apertura pola persoa usuaria mediante chave. Nestes contedores só se poden borar biorresiduos para obter compós de calidade.

Para implantar este proxecto na Baña, o Concello precisa da colaboración de veciños ou veciñas. As persoas voluntarias entregaráselles unha chave do contedor marrón para que depositen nel os residuos autorizados.

Os residuos que se poden tirar neste tipo de contedores son: restos de froita, verdura, carne, pescado, cascas de ovo, marisco, froitos secos, outros restos de comida, restos de infusión e café, papel de cociña sucio, panos de papel usados, cartón sucio de aceite, tapóns de cortiza, mistos, serraduras, pequenos restos de xardinería (plantas, ramos de flores…). Non se pode depositar: aceite de cociña, residuos de varrer, cabichas, cueiros,  produtos de hixiene persoal  e excrementos de animais.

Pódese obter máis información sobre  este proxecto chamando por teléfono ao Concello da Baña (981 886 501) ou na web do Sirga (Sistema de información de residuos de Galicia) da Consellería de Medio Ambiente (neste enlace).