- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Medio ambiente
- Visitas: 65
-
A Consellería de Medio Ambiente concedeulle ao Concello unha subvención de 38.562,81 euros no marco do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea NextGenerationEU

O Concello da Baña está a punto de rematar as obras de sectorización da rede de abastecemento de auga potable que teñen por finalidade reducir a perda de auga potable na traída municipal.
Estas obras realizáronse cunha achega da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de 38.562,81 euros concedida a través de Augas de Galicia. Esta subvención enmárcase na convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, publicada no DOG o 28 de marzo deste ano, destinada a concellos cunha poboación menor de 20.000 habitantes, para a execución de actuacións para minimizar as perdas de augas en concellos galegos no marco do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea - NextGenerationEu.
Con estas actuacións o Concello da Baña presentou no mes de maio un proxecto para facer más eficiente a traída municipal e reducir a perda de auga.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Medio ambiente
- Visitas: 5076
O alcalde José Antonio Pereira explica as accións impulsadas para mellorar a recollida selectiva e ampliar os puntos de reciclaxe
O Concello da Baña intensifica a súa campaña de sensibilización en materia de reciclaxe e compostaxe mediante a difusión dun vídeo informativo no que o alcalde, José Antonio Pereira, expón os avances que se están a desenvolver no municipio e subliña o compromiso da administración local coa protección ambiental.
No material audiovisual descríbense os distintos contedores de reciclaxe dispoñibles e as illas instaladas no territorio municipal. O rexedor lembra o uso de cada un deles e destaca a posta en marcha da nova illa de reciclaxe en San Vicenzo, que amplía os puntos de recollida selectiva ao servizo da veciñanza.
A cidadanía é convidada a empregar correctamente estas infraestruturas e a realizar calquera consulta a través da páxina web municipal ou das sesións informativas promovidas polo Concello. O obxectivo é achegar recursos útiles e fomentar prácticas responsables na xestión dos residuos sólidos urbanos.
No vídeo recórdase que toda a información da campaña está dispoñible en https://noticiasabana.com/compost/ onde se ofrece contido claro e práctico sobre as modalidades existentes. As persoas interesadas poden escoller entre a compostaxe individual, que inclúe un composteiro doméstico para hortas e xardíns, e a compostaxe comunitaria, dispoñible tamén en San Vicenzo.
Tamén se explica o procedemento básico da compostaxe, que abrangue a separación dos restos orgánicos na cociña, a súa deposición no composteiro xunto con material seco, o remexido periódico e o control da humidade. O proceso remata coa obtención dun abono de utilidade para usos agrícolas e ornamentais.
Con esta iniciativa, o Concello da Baña reafirma o seu compromiso coa sustentabilidade e coa promoción de hábitos ambientais responsables, animando á veciñanza a participar nas accións impulsadas para mellorar a calidade ambiental do municipio.
Estas actuacións están financiadas mediante unha subvención da liña 2 do programa MT975T, enmarcada na Orde do 17 de decembro de 2024 e cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia NextGenerationEU.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Medio ambiente
- Visitas: 3131
O CPI San Vicente da Baña, en colaboración co Concello da Baña, arranca este curso 2025-2026 un proxecto de compostaxe comunitaria que, asociado ao proxecto de horto escolar que xa levan a cabo, completa o mecanismo de reciclaxe de materia orgánica que se está a implantar no municipio, achegando un exemplo de sostibilidade ambiental a toda a comunidade local.
Durante o curso 2025-2026, o Concello da Baña traballará xunto con XIHAHO, empresa especializada na xestión de proxectos medioambientais, para formar o profesorado e o alumnado e levar a cabo este proxecto de compostaxe comunitaria. Para iso impartiranse unha serie de webinars temáticos ao longo do ano escolar.
Tamén se está a formar como mestre composteiro un dos traballadores do Concello, co obxectivo de darlle continuidade ao proxecto e facelo extensivo ao conxunto dos veciños e veciñas.
En breve, anunciaranse accións formativas para toda a veciñanza, así como a creación dun espazo divulgativo sobre compostaxe individual e comunitaria, que lle permitirá ao Concello da Baña cumprir coa Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.
Con esta iniciativa, o Concello da Baña reforza o seu compromiso cunha xestión de residuos máis sostible e respectuosa co medio ambiente.
Esta nova actuación está financiada a través dunha subvención da liña 2 do programa MT975T, enmarcada na Orde do 17 de decembro de 2024, publicada no Diario Oficial de Galicia, e cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia-NextGenerationEU.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Medio ambiente
- Visitas: 3001
O venres 31 de outubro, ás oito e media da tarde, celebrarase na Casa da Cultura unha reunión informativa dirixida á veciñanza dentro do programa A Baña Composta. Durante o encontro, persoal especializado explicará como realizar correctamente a reciclaxe da materia orgánica, así como o funcionamento dos novos composteiros comunitarios instalados na parroquia.
Ademais, falarase dos beneficios ambientais que supón este sistema de xestión dos residuos, baseado na redución do lixo e na valorización dos restos orgánicos a través da compostaxe.
O alcalde, José Antonio Pereira Gil, lembra nun bando que a nova normativa obriga a separar a materia orgánica do resto do lixo, polo que resulta fundamental a colaboración e participación de toda a veciñanza para adaptarse a esta medida e mellorar a xestión dos residuos no municipio.
Esta actuación está financiada a través dunha subvención da liña 2 do programa MT975T, enmarcada na Orde do 17 de decembro de 2024, publicada no Diario Oficial de Galicia, e cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia-NextGenerationEU.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Medio ambiente
- Visitas: 6545
-
A xuntanza aproveitouse para presentar o garda rural que se encargará de velar polo seu correcto cumprimento //
-
A modificación do regulamento busca minizar o dano nas vías públicas //
-
Establece a obriga de comunicar as tallas de máis de 5 TM con quince días de antelación e estar en posesión dunha licenza bianual para carga e transporte //
-
Fixa, ademais, fianzas obrigatorias e multas de ata 1.500 euros //
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, na compaña do concelleiro de Obras, Urbanismo e Medio Rural, Jesús Manuel Pena, reuniuse este venres na Casa Consistorial cos empresarios do sector madeireiro que operan no municipio. A xuntanza centrouse no desenvolvemento da ordenanza municipal sobre a corta de árbores e aproveitouse tamén para presentar o garda rural que se encargará de velar polo seu correcto cumprimento.
O goberno municipal citou o sector empresario da madeira para tratar os cambios na ordenanza municipal que regula as plantacións e as cortas de árbores. A modificación desta norma, publicada no BOE o pasado mes de abril, ten como obxectivos principais minimizar os danos nas vías públicas e mellorar a xestión ambiental das cortas.
Entre os cambios introducidos na nova normativa destacan a obrigatoriedade de comunicar as tallas das árbores con 15 días hábiles de antelación cando superen as cinco toneladas e o establecemento de licenzas bianuais para as tarefas de depósito, carga e transporte de madeira.
Ademais, fíxanse fianzas obrigatorias de 1.600 euros para vehículos de menos de 16 toneladas e de 3.100 euros se os vehículos teñen 16 toneladas ou máis.
A persoa responsable da limpeza das vías e dos posibles danos causados nas mesmas será quen realice a talla e/ou a persoa propietaria, enfrontándose no caso de incumprimento das normas a sancións que oscilan entre os 300 e os 1.500 euros en función da súa gravidade.
