20220416 Reunion GarciaCardeso AngelesVazquez webA conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recibiu a pasada semana ao alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, para falar das axudas do seu departamento dirixidas ás entidades locais para avanzar na implantación da recollida separada dos biorresiduos domésticos.

No transcurso dunha xuntanza na que abordaron diversos asuntos de interese municipal, o rexedor trasladoulle que o Concello da Baña presentou dous proxectos —por un importe global de preto de 24.000 euros— á orde de axudas para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, convocada pola Consellería o pasado mes de decembro.

Unha das actuacións propostas polo Goberno local enmárcase na liña reservada a proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada dos biorresiduos e inclúe a adquisición dunha biotrituradora para tratar os restos de podas e limpezas vexetais, bolsas compostables e caldeiros específicos, de uso individual e para grandes produtores, ademais dunha campaña de divulgación.

A segunda iniciativa, explicou García Cardeso, ten como obxectivo a separación e a reciclaxe en orixe da fracción orgánica mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria. A tal fin, a solicitude inclúe actuacións de formación, difusión e seguimento do proxecto, a compra e instalación de composteiros individuais e comunitarios así como a construción de áreas destinadas a albergar estas instalacións.

Tras felicitar ao Concello polo compromiso demostrado para seguir mellorando a xestión dos residuos de orixe doméstica no municipio e, máis concretamente, da fracción orgánica, Ángeles Vázquez lembrou que o prazo para que os concellos puideran acollerse ás axudas para actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal rematou o 31 de xaneiro. Así, estes momentos, a Consellería está a analizar todas as solicitudes recibidas e requirindo documentación complementaria, de ser o caso, como paso previo á resolución da convocatoria coa concesión das axudas, que se producirá nas vindeiras semanas.