-
O Concello da Baña non ten constancia do proxecto ao non recibir ningún tipo de documentación sobre o mesmo
-
Intenta recabar información para trasladarlla ás persoas afectadas
Segundo informaron ao Concello varios dos veciños afectados por unha posible expropiación de terreos na parroquia de Cabanas, a empresa Green Hat está remitindo aos seus domicilios unha carta na que se lles informa do desenvolvemento dun novo parque eólico, chamado Sanvi, nos municipios da Baña, Santa Comba e Val do Dubra.
Ao respecto, o Concello da Baña quere deixar constancia de que non ten ningunha comunicación oficial sobre a tramitación deste parque eólico nin recibiu polo de agora ningunha documentación relacionada co mesmo.
Por este motivo, e mentres o goberno municipal intenta recabar información sobre este proxecto para poder trasladarlla á veciñanza, recoméndalle ás persoas propietarias que non se precipiten á hora de tomar decisións e que non asinen documento ningún que poida comprometelas.
Polo de agora, o único que puido certificar o Concello é que se trata dun proxecto dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (o que significa que se trata dun parque de máis de 50 MW), que aínda non saíu a información pública no Boletín Oficial do Estado (BOE).