A Baña (A Coruña), 24 de febreiro de 2010. O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, asinou hoxe cos alcaldes de 14 concellos da provincia da Coruña os convenios sobre Proxectos estratéxicos de infraestruturas no medio rural (PEIM Rural) 2009-2010, por un importe total de máis dun millón de euros. Os municipios asinantes neste acto -que tivo lugar na Casa da Cultura da Baña- foron os da Baña, Carballo, Cerceda, Coristanco, A Laracha, Mesía, Ordes, Oroso, Outes, Santa Comba, Tordoia, Trazo, Touro e Val do Dubra.
O obxectivo fundamental destes convenios é dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais de Galicia. O importe total dos catorce convenios asinados hoxe ascende a 1.286.148,19 euros procedentes de fondos estatais do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino (MMARM), que son xestionados pola Comunidade Autónoma. Nos PEIM Rural 2009-2010 colaboran este Ministerio e a Consellería do Medio Rural co fin de levar a cabo actuacións de desenvolvemento rural e establecer un marco xeral de cooperación en materia de infraestruturas.