• Conmemora o Día Nacional da Atención Temperá que se celebra o domingo 16 recibindo a familias e profesionais

  • Tamén haberá un Taller de estimulación a través do xogo no chan dirixido a bebés de 3 a 9 meses, acompañados polo seu coidador

20240614 Atencion Tempera

 

O Servizo de Atención Temperá (SAT) da agrupación de Concellos de Santa Comba e A Baña conmemora o Día Nacional da Atención Temperá que se celebra o vindeiro domingo 16 de xuño cunha xornada de portas abertas que se levará a cabo o venres 14. O obxectivo é promover a importancia deste servizo e brindar apoio ás familias e ás crianzas.

Con esta proposta, as familias e os profesionais poderán coñecer de preto o traballo que se realiza no servizo, así como resolver dúbidas e obter información sobre a atención temperá. Os interesados poden acercarse o día 14 ata o centro situado no Centro de Cultura de Santa Comba (Avenida de Alfonso Molina s/n) en horario de 9.00 a 10.30 horas e de 12.00 a 15.00 horas.

O venres 14 levarase a cabo tamén un Taller de estimulación a través do xogo no chan dirixido a bebés de 3 a 9 meses, acompañados polo seu coidador principal (pai, nai ou titor legal). A proposta inclúe unha sesión dunha hora na que se facilitarán diferentes pautas de motricidade, comunicación, autonomía e estimulación sensorial. As persoas interesadas en participar deberán rexistrarse previamente chamando ao teléfono 687 07 04 16. O horario será de 10.30 a 11.30 horas e, se fora necesario, valorarase establecer varias quendas para cubrir a demanda.

A finalidade desta xornada é animar a todas as familias a participar e a aproveitar esta oportunidade para aprender e compartir experiencias que favorezan o desenvolvemento das súas crianzas. O Servizo de Atención Temperá atende a menores que sofren ou están en risco de padecer algún tipo de discapacidade ou trastorno do desenvolvemento. Os servizos que se prestan divídense en tres áreas: coordinación e atención ás familias, logopedia e terapia ocupacional e reeducación funcional.

O Concello de A Baña reitera o seu compromiso co benestar e co desenvolvemento integral das familias e os nenos apoiando firmemente este servizo que considera indispensable para mellorar a calidade de vida da súa veciñanza.