• Aprobada unha partida de 30.000 euros para axudas a autónomos e empresas pola crise da covid-19 cos votos a favor de PSdeG e PP e a abstención de CxG

  • Por unanimidade solicitaráselle ao Goberno central a rebaixa do recibo da luz reducindo impostos

  • PSdeG e CxG rexeitaron a moción do PP contra os indultos aos líderes independentistas catalán e pedindo a dimisión do presidente do Goberno

  • Leuse o manifesto de apoio a liberdade sexual de todas as persoas para conmemorar o Día da Liberdade Sexual

 

 

O Pleno da Baña aprobou na sesión ordinaria de onte crear unha partida de 30.000 euros para axudar ás persoas autónomas e empresas do municipio a paliar as consecuencias da covid-19 cos votos a favor de PSdeG e PP, e a abstención de CxG. Por unanimidade, a Corporación solicitaralle ao Goberno central que se rebaixe o prezo do recibo da luz actuando sobre determinados impostos e custes regulatorios. Cos votos en contra de PSdeG e CxG rexeitouse a moción do PP que condenaba os indultos aos líderes independentistas e pedía a dimisión do presidente do Goberno central. Na sesión leuse o manifesto de apoio á celebración do Día da Liberdade Sexual. Vídeo do pleno neste enlace

O Pleno da Corporación da Baña aprobou na sesión celebrada o 1 de xullo de 2021 o crédito extraordinario 1/2021 para dotar con 30.000 euros o fondo de financiamento para crear axudas municipais para paliar as consecuencias que a crise da covid-19 ocasinou ás persoas autónomas, empresas, pequenas empresas e micro empresas do municipio. Este punto foi aprobado cos votos a favor do equipo de goberno (PSdeG) e do PP e a abstención de Compromiso por Galicia. 

O alcalde, José Antonio Pereira, sinalou que se intentou incrementar o fondo cunha partida superior aos 30.000 euros, pero que non é posible polos compromisos adquiridos xa polo concello a nivel económico. Dende a oposición, Andrés García Cardeso considerou escasa a contía e dixo que o PP xa solicitara esta medida hai un ano, polo que apoiaría a proposta. David Gontán asegurou que Compromiso por Galicia está a favor de crear convocatorias de axudas ás empresas, pero non como se fixo, considerou que non se especifica como se concederán estas axudas nin a quen van dirixidas, polo que optaron por absterse na votación.

O Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), que ten por obxecto reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro na Baña nun 40% antes de 2030 foi aprobado cos votos a favor de PSdeG e PP, aínda que no grupo popular criticou que non se solicitara a subvención para elaboralo. Por este mesmo motivo, CxG votou en contra neste punto. O alcalde replicou que cando o PSdeG asumiu o goberno da Baña o plan xa estaba iniciado e que foi elaborado por persoal municipal.

Sí houbo unanimidade para instar ao Goberno central a rebaixar o prezo do recibo da luz actuando sobre determinados impostos e custes regulatorios, como solicitaba a moción do PP. Os tres grupos estiveron de acordo que en España é un dos países da Unión Europea onde o prezo da luz é máis alto e onde se pagan máis impostos.

PSdeG e CxG rexeitaron a moción do PP par condenar os indultos outorgado aos líderes independentistas cataláns e solicitar a dimisión do presidente do Goberno, Pedro Sánchez. A moción non saíu adiante ao contar con 6 votos en contra e 5 a favor.

20210701 Pleno Bana axudas autonomos web

Despois do apartado de moción, Mónica González leu un manifesto sobre a celebración do Día da Liberdade Sexual ou Día do Orgullo LGTBI, que se conmemorou o luns 28 de xuño, motivo polo que durante a sesión estivo despregada no salón de pleno a bandeira arcoiris. No manifesto amósase a defensa e total compromiso do Concello da Baña coa igualdade de dereitos de todas e todos os cidadáns, sexa cal for a súa orientación e identidade de xénero, afectiva e/ou sexual.

No capítulo de rogos e preguntas, dende a oposición interesáronse pola execución de diferentes actuacións en estradas e preguntaron cando vai entrar en funcionamento a traída de abastecemento de auga en Emes Barcala, que está pendente da instalación eléctrica. O alcalde respondeu que se está tramitando o expediente para executalo o antes posible.

Andrés García Cardeso, entre outras cuestións, volveu insistir en que se vixíe a actuación das empresas madeireiras que están estragando camiños públicos e pediu que a brigada municipal limpe os espazos públicos máis concorridos, ademais de solicitar que se coide o mobiliario público.

Dende Compromiso por Galicia, César Ramos pediu os datos de asistentes ao servizo de madrugadores do CPI e reclamou o informe de secretaría para poder executar a moción de CxG aprobada no pleno de novembro para rebaixar o recibo do lixo un 15%.

O vídeo íntegro do pleno pódese ver neste enlace (preme aquí).