• Aprobada a declaración institucional proposta polo PP solicitando o cese da violencia en Cuba e unha transición pacífica á democracia

  • O apoio ao Xacobeo 21-22 contou cos votos a favor do PP e a abstención de PSdeG e CxG

  • Por unanimidade o Concello solicitaralle ao Goberno central que anule a débeda que contraerán as entidades locais co Estado polo ingreso a conta do IVE de 2020

20210728 Baña pleno xullo declaracion Cuba

O Pleno do Concello da Baña aprobou onte por unanimidade unha declaración institucional presentada polo PP na que se esixe ao goberno de Cuba o cese da violencia inxustificada contra os cidadáns e unha transición pacífica á democracia. Na sesión ordinaria de xullo os tres grupos acordaron solicitarlle ao Goberno central que poña en marcha mecanismos para anular a débeda que os concellos van contraer este ano co Estado de xeito automático pola liquidación negativa da participación nos ingresos do Estado correspondentes ao ano 2020 (vídeo do pleno neste enlace).

O portavoz do PP xustificou a declaración institucional pedindo o cese da violencia en Cuba e unha transición cara a un réxime democrático no feito de que hai moitos emigrantes da Baña na illa caribeña, e que se manteñen relacións coa Asociación Unión Barcalesa na Habana. Os tres grupos apoiaron a iniciativa a prol dos dereitos humanos e en contra do bloqueo, solicitando a fin da violencia inxustificada do réxime cubano contra a cidadanía.

Tamén por unanimidade se aprobou solicitar ao Goberno central que anule a débeda que os concellos van ter de xeito automático este ano por un erro de cálculo do propio Goberno en referencia á Participación nos Ingresos do Estado (PIE) das entidades locais correspondentes ao ano 2020 e que, segundo cálculos da Federación Española de Municipios e Provincias pode ascender a 3.000 millóns de euros.

A proposta reclamando apoio ao Xacobeo 21-22 foi aprobada só cos votos a favor do PP. Tanto dende o goberno do PSdeG como dende Compromiso por Galicia mostráronse de acordo co espírito da proposta, pero consideran que na redacción da moción hai asuntos cuestionables, polo que decidiron absterse.

No capítulo de rogos e preguntas, Andrés García Cardeso propuxo que se solicite a Sogama que faga na Baña labores de concienciación na reciclaxe, e preguntou como estaba a execución do proxecto do IDAE para o cambio de luminarias led. O alcalde respondeulle que o cambio de luminarias está case rematado, e que se espera xustificar a subvención de case medio millón de euros a principios de agosto.

Pola súa parte, dende Compromiso por Galicia César Ramos volveu reclamar que se cambie a xestión do programa Madrugadores, por consideralo moi caro. O alcalde replicoulle que o goberno considera esta programa importante para favorecer que as familias sigan matriculando as súas crianzas no CPI da Baña. “Temos que mimar ao colexio, para que non baixe a matrícula. Este programa é deficitario, como a recollida de lixo ou a piscina, e non por iso se suprimen”, dixo José Antonio Pereira.

Ramos tamén preguntou polo proceso para elaborar a RPT (relación de postos de traballo) e por que o sindicato CSIF abandonou as negociacións, entre outras cuestións.

O vídeo integro do pleno pódese ver neste enlace.