• ntregaranse na sucursal as firmas recollidas contra o peche

  • O día 24 remata o prazo para levar as sinaturas á Casa Consistorial

  • As mobilizacións conxuntas con Vimianzo e Zas continuarán o 2 de setembro cunha manifestación na Coruña diante da sede da entidade

contra o desmantelamento do ruralO Concello da Baña convoca á veciñanza a concentrarse diante da oficina de Abanca en San Vicenzo o vindeiro mércores 25 de agosto ás 13.00 horas para manifestar o seu rexeitamento polo anunciado peche desta sucursal no mes de setembro.

A concentración aproveitarase para depositar na propia oficina as sinaturas que están recollendo distintos colectivos por todo o municipio dende a semana pasada, motivo polo que o último día de prazo para levar as firmas ao Concello será o martes 24 de agosto. A entrega acompañarase dunha carta na que se lle pedirá a Abanca que reconsidere a súa decisión e que tamén se mandará por correo certificado á sede central da entidade financeira en Betanzos.

O Concello solicita a máxima afluencia de veciñas e veciños a esta concentración diante da oficina de San Vicenzo, que se enmarca na batería de mobilizacións que están levando a cabo os concellos da Baña, Vimianzo e Zas para evitar o peche de sucursais. De feito, o mércores 25 tamén haberá manifestacións nas sucursais de Baíñas (Vimianzo) e Zas.

Entre as medidas adoptadas de forma conxunta atópase así mesmo outra manifestación diante da sede de Abanca na Coruña o xoves 2 de setembro. Nela participarán os tres municipios, que convidan a secundalos a todos os concellos afectados polos peches.