- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visitas: 654
-
O servizo de telefonía móbil 4G e 5G permitirá aumentar a velocidade de conexión a internet e mellora a cobertura no interior das casas //
LLega 700 será a empresa encargada de solventar os problemas que poidan xurdir na recepción do sinal de TDT cando se implante proximamente na Baña o servizo móbil de nova xeración 4G e 5G. Así llo comunicou a propia empresa ao Concello, ademais de facilitar o número de atención gratuíto 900 833 999 ao que deben chamar as persoas que se vexan afectadas.
Nunha comunicación ao Concello da Baña, llega 700 informou de que o servizo 4G e 5G que se está a implantar no noso municipio opera sobre as bandas de frecuencia de 700 e 800 MHz que utilizaba a televisión dixital terrestre, motivo polo que o sinal de TDT pode verse alterado cando a nova tecnoloxía entre en funcionamento. De ser o caso, a veciñanza afectada poderá chamar gratuitamente ao número 900 833 999 para que un técnico cualificado se desprace ao seu domicilio e solucione o problema sen custo algún.
LLega 700 lembra que a tecnoloxía móbil de nova xeración 4G e 5G permiten ofrecer unha mellor cobertura en interiores, incrementando a velocidade de conexión a internet e a calidade dos servizos de televisión, vídeo e música baixo demanda.
Toda a información está dispoñible na páxina web www.llega700.es.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visitas: 244
O Concello da Baña facillítalle á veciñanza un modelo de alegacións para que as persoas que así o desexen poidan manifestar o seu rexeitamento ao parque eólico de Sete Fontes. As alegacións poderán presentarse ata o 19 de xaneiro de 2023.
O Boletín Oficial do Estado publicou o pasado 5 de decembro o anuncio de exposición pública do Estudo de impacto ambiental e da solicitude de autorización administrativa previa (modificados) do parque eólico Sete Fontes, así como a súa infraestrutura de evacuación asociada. Este parque, impulsado por Green Capital e de 54 megavatios, afecta aos concellos de Outes, Negreira e A Baña, dándose a circunstancia de que é precisamente a modificación da infraestrutura de evacuación agora presentada a que fai que chegue á Baña.
O expediente pódese consultar nesta ligazón.
O modelo de alegacións ao proxecto do parque eólico de Sete Fontes pode descargarse no arquivo que se achega.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visitas: 265
-
As persoas interesadas teñen de prazo ata o 30 de decembro para presentar obxeccións
-
O DOG publicou o 16 de novembro o anuncio de exposición pública do proxecto
O Concello da Baña publica hoxe un documento de alegación ao parque eólico de Vilartoxo para que as persoas interesadas que o consideren oportuno poidan presentar as súas obxeccións. Compre lembrar que o prazo para presentar alegacións rematará o 30 de decembro.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado mércores 16 de novembro, o anuncio do acordo da Xefatura Territorial da Coruña polo que se sometía a información pública a solicitude de utilidade pública, coa conseguinte necesidade de urxente ocupación do proxecto do parque eólico de Vilartoxo, que afecta aos concellos da Baña e de Val do Dubra. Tamén facía público a listaxe de persoas propietarias de bens afectados.
No portal de transparencia da Xunta neste enlace, as persoas interesadas poden consultar o estado actual do proxecto, en fase de envío de suxestións, así como o plano xeral e os planos individuais dos predios afectados polo proxecto.
De xeito físico, as persoas interesadas poderán informarse tamén nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (rúa Vicente Ferrer 2 da Coruña), de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres, así como no Concello da Baña.
O modelo de alegacións pódese descargar no arquivo adxunto
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visitas: 196
- O alcalde subliña que o informe da Xunta non é unha aprobación, porque está condicionado a que se cumpran os requisitos que figuran no documento publicado no DOG //
Os técnicos municipais do Concello da Baña están a analizar en profundidade o informe de 31 páxinas coa declaración de impacto ambiental (DIA) formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, relativa ao proxecto do parque eólico de Vilartoxo, que afecta aos concellos da Baña e de Val do Dubra. A devandita declaración saíu publicada o xoves, 15 de decembro no Diario Oficial de Galicia (DOG). O informe íntegro pode descargarse dende a páxina da Consellería (neste enlace) ou dende o arquivo adxunto.
O alcalde, Andrés García Cardeso, subliña que o informe da Xunta non representa unha aprobación formal do mesmo, senón que a súa aprobación está supeditada a que se cumpran os condicionados que figuran ao longo do documento. García Cardeso remarca que “na declaración de impacto ambiental, A Xunta requírelle á empresa unha serie de documentación e cambiar moitos puntos do proxecto inicial, polo que a aprobación da devandita declaración está condicionada a que se cumpran todos eses puntos”, indica o alcalde.
Na declaración publicada no DOG, a Dirección Xeral resolve “formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico de Vilartoxo, considerando que o proxecto, segundo a documentación aportada polo órgano substantivo, é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo dese documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto” nesta declaración de impacto ambiental.
Na mesma resolución, a Xunta establece que “ademais do obrigado cumprimento das condicións sinaladas” no documento, “se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental poderá ditar, do xeito que proceda, os condicionados adicionais que resulten oportunos”.
Por outra banda, lembrar que ata o vindeiro 30 de decembro pódense presentar alegacións ao anuncio de solicitude pública, e a conseguinte necesidade de urxente ocupación, do proxecto do parque eólico de Vilartoxo. Aquelas persoas que o desexen poden descargar da web municipal a alegación tipo que o Concello da Baña pon a disposición da veciñanza.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Desenvolvemento local
- Visitas: 270
-
Convidan á veciñanza e ao tecido social, económico e asociativo do municipio a participar na reunión do 17 de novembro para debater e propoñer actuacións //
-
O obxectivo da estratexia ‘Aquí vives, ti decides’ é dar respostas ás necesidades do territorio e impulsar o potencial local //
O Concello da Baña xunto co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Compostela están a traballar na elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo Leader para o período 2023-2017. O obxecto desta estratexia, que se presenta baixo o lema Aquí vives, ti decides, é o de dar resposta ás necesidades do territorio e impulsar o potencial local. Para elo, están deseñando un proceso participativo aberto a todas as institucións, axentes económicos e sociais, tecido asociativo e veciñanza dos nove municipios que conforman o GDR Terras de Compostela (A Baña, Ames, Boqueixón, Brión, Negreira, Santa Comba, Santiago, Val do Dubra e Vedra) que estean interesados en propoñer actuacións e debater en torno á futura Estratexia de Desenvolvemento Local.
Neste senso, o Concello da Baña e o GDR Terras de Compostela convidan a toda a veciñanza, asociacións e empresas que o desexen a asistir á reunión prevista para o xoves, 17 de novembro e participar no proceso de planificación da estratexia. A reunión terá lugar na Casa da Cultura da Baña ás 19.30 horas.
Todas aquelas persoas ou colectivos que non poidan asistir de xeito presencial, pero que queiran colaborar, poderán facelo cubrindo a enquisa que atoparás nesta ligazón aportando as súa opinión ou formulando as súas inquedanzas.
Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos da Axencia do Desenvolvemento Local do Concello da Baña 981 886 501 ou 682 859 367