• As persoas interesadas teñen de prazo ata o 30 de decembro para presentar obxeccións

  • O DOG publicou o 16 de novembro o anuncio de exposición pública do proxecto

O Concello da Baña publica hoxe un documento de alegación ao parque eólico de Vilartoxo para que as persoas interesadas que o consideren oportuno poidan presentar as súas obxeccións. Compre lembrar que o prazo para presentar alegacións rematará o 30 de decembro.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado mércores 16 de novembro, o anuncio do acordo da Xefatura Territorial da Coruña polo que se sometía a información pública a solicitude de utilidade pública, coa conseguinte necesidade de urxente ocupación do proxecto do parque eólico de Vilartoxo, que afecta aos concellos da Baña e de Val do Dubra. Tamén facía público a listaxe de persoas propietarias de bens afectados.

No portal de transparencia da Xunta neste enlace, as persoas interesadas poden consultar o estado actual do proxecto, en fase de envío de suxestións, así como o plano xeral e os planos individuais dos predios afectados polo proxecto.

De xeito físico, as persoas interesadas poderán informarse tamén nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (rúa Vicente Ferrer 2 da Coruña), de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres, así como no Concello da Baña.

O modelo de alegacións pódese descargar no arquivo adxunto