O Concello da Baña promove unha charla sobre a transformación de alimentos e o sacrificio de animais, principalmente aves e coellos, das granxas familiares. O evento, que garda relación coa creación de dous iniciativas colaborativas no centro comercial de Montebalado en Brión, celebrarase o xoves 27 de xuño ás 10.30 horas nas escolas vellas da Baña.
Recentemente creáronse dous espazos colaborativos no centro comercial de Montebalado: un para a transformación de alimentos, como unha cociña para zumes, conservas con vexetais e froitas ou para facilitar a elaboración de masas con cereais; e o outro como matadoiro móbil para aves e coellos das granxas familiares. Para que as persoas interesadas dos arredores poidan darlle uso a estes dous servizos, o concello da Baña organiza esta charla que informará sobre os dous proxectos.
O evento informativo terá unha duración aproximada dunha hora e estará dirixido por membros da asociación Daquidarredor. Pódese obter máis información no departamento de desenvolvemento local do concello da Baña e nos teléfonos 981 886 777 e 682 859 367.