- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Bandos municipais
- Visitas: 286
O Concello da Baña lembra a toda a veciñanza que a limpeza das parcelas e o mantemento das franxas de seguridade non é unha recomendación, senón unha obriga legal establecida pola Xunta de Galicia, ao abeiro da normativa vixente en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.
De acordo coa Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, as persoas titulares de terreos deberán cumprir coas seguintes obrigas:
· Manter as parcelas limpas de maleza, silvas, toxos e calquera biomasa vexetal combustible.
· Garantir unha franxa de seguridade de, cando menos, 50 metros arredor de vivendas, edificacións, núcleos de poboación e instalacións, libre de vexetación perigosa.
· Dentro desa franxa, nos primeiros 15 metros, non poderá existir ningún tipo de vexetación arbórea nin arbustiva de carácter combustible.
· Eliminar expresamente as especies de alta combustibilidade, tales como eucaliptos, acacias e piñeiros, que están prohibidas nas franxas de seguridade.
· Xestionar adecuadamente os restos vexetais, evitando a súa acumulación nas parcelas.
Estas actuacións deberán estar realizadas antes do 31 de maio.
Infórmase á veciñanza de que o Concello realizará labores de inspección nas vindeiras se manas co fin de comprobar o cumprimento desta normativa. No caso de detectarse incumprimentos:
- Poderanse iniciar expedientes sancionadores, conforme á lexislación vixente.
- Procederase, se é o caso, á execución subsidiaria dos traballos, repercutindo integramente os custos ás persoas propietarias das parcelas.
Este bando emítese para dar cumprimento a unha normativa autonómica de obrigado cumprimento e para garantir a seguridade das persoas, das vivendas e do noso territorio.
Apélase á responsabilidade e colaboración de toda a veciñanza.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Bandos municipais
- Visitas: 5160
O Concello da Baña informa a todos os veciños e veciñas da parroquia da Baña e zonas limítrofes de que, con motivo da celebración do Entroido 2025 que terá lugar o vindeiro sábado 8 de marzo, será necesario realizar cortes de tráfico en varias rúas para garantir o correcto desenvolvemento do evento e a seguridade dos asistentes.
As restricións de tráfico e estacionamento afectarán á rúa Castelao, que permanecerá pechada ao tráfico na súa totalidade a partir das 14:00 horas. Ademais estará prohibido estacionar nesta vía.
Tamén se verá afectada a rúa Tedelle, que permanecerá pechada ata o acceso ao pavillón de deportes dende as 14:00 horas. Estará prohibido estacionar, salvo no tramo comprendido entre a ponte e o acceso ao pavillón do Concello. Neste tramo, o Concello non se fai responsable de posibles danos aos vehículos estacionados.
Solicítase a colaboración de toda a veciñanza para respectar estas restricións e facilitar o bo desenvolvemento da festa.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Bandos municipais
- Visitas: 5162
Coa chegada da tempada de festas populares no municipio, o Concello da Baña lembra ás persoas e asociacións interesadas en celebrar estes eventos a obrigatoriedade de presentar a documentación necesaria para tramitar os permisos correspondentes.
Entre os documentos que se deben achegar figura a declaración responsable, dispoñible na sede electrónica do Concello (sede.concellodabana.gal), no apartado de Urbanismo. As asociacións están obrigadas a realizar a xestión a través desta plataforma dixital.
Ademais, será imprescindible contar cun seguro de responsabilidade civil que cubra posibles incidentes durante o evento. No caso de empregar fogos artificiais, tamén se deberá presentar a correspondente declaración de pirotecnia.
Dende o Concello recoméndase, así mesmo, solicitar o permiso de autores se o evento inclúe música ou actividades que requiran dereitos de autor.
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, destaca a importancia de cumprir estes requisitos para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento dos festexos, ao tempo que anima á veciñanza e ás asociacións a seguir dinamizando a vida cultural do municipio.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Bandos municipais
- Visitas: 5250
O Concello da Baña informa de que, con motivo das festas na honra de Santa Lucía, que se celebrarán o domingo 2 de marzo na parroquia de Troitosende, procederanse a realizar restricións de tráfico na zona.
O corte de estrada levarase a cabo á altura das tabernas, no lugar de Troitosende, e permanecerá vixente desde as 21:00 horas do domingo 2 de marzo ata as 03:00 horas do luns 3 de marzo.
Recoméndase á veciñanza e ás persoas asistentes que teñan en conta estas restricións e empreguen rutas alternativas durante ese período.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Bandos municipais
- Visitas: 5764
O 8 de marzo, Día Internacional dos Dereitos da Muller, ten como principal obxectivo eliminar toda forma de discriminación contra as mulleres, promover o seu empoderamento e conseguir a súa plena participación na sociedade.
En España temos moito feito, xa que é un referente en materia de igualdade, pero tamén nos queda moito por facer e un dato moi significativo é que xa son oito as mulleres asasinadas no que levamos de ano e 1.190 dende o ano 2003. O noso sentido recordo e homenaxe a todas elas e ás súas familias, así como a máis firme condena.
Coa tendencia actual en materia de igualdade, serían necesarias tres xeracións para conseguir que as mulleres tiveran unha presenza semellante á dos homes en todos os eidos da nosa sociedade
Por iso, dende o Concello da Baña reivindicamos a participación das mulleres e o poder de decisión de forma plena e efectiva na vida pública, a eliminación da violencia e o empoderamento de nenas e mulleres. En concreto, fixámonos nas nosas mulleres rurais e o seu papel fundamental no desenvolvemento de actuacións fronte á despoboación e ao reto demográfico. Reivindicamos así mesmo que sexan as nosas mulleres as que poidan estar á fronte da toma de decisións no ámbito municipal.
Debemos intensificar os esforzos no desenvolvemento de políticas encamiñadas a fomentar o emprego, o empoderamento e a educación para alcanzar a igualdade de oportunidades; impulsar a incorporación de perspectivas de xénero nas nosas actividades e participar, apoiar e desenvolver todas aquelas accións e iniciativas que promovan a igualdade e a eliminación da violencia de xénero contra as mulleres.




