• O investimento ascende a 47.980 euros para cambiar luminarias, limpeza de fachada e arreglo de cuberta

20220622 Comesana Cardeso web

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, e o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron esta mañá en Santiago un convenio para financiar múltiples melloras no centro de saúde do municipio. Entre as actuacións que se van acometer, por un montante próximo aos 48.000 euros, se inclúen a substitución de todas as luminarias incandescentes ou fluorescentes por lámpadas LED, a diminuír o consumo enerxético, a limpeza por auga a presión da fachada e a revisión das cubertas do centro. 

O plan de mellora da eficiencia enerxética do centro de saúde da Baña é a conclusión dunha serie de reunións previas desde que en novembro o alcalde achegara á Consellería de Sanidade unha memoria arquitectónica na que se inclúen como medidas fundamentais adoptar alumeado LED, limpeza da fachada e revisión da cuberta. Estas actuacións, que suporán un investimento de 47.980 euros, teñen por obxectivo reducir o consumo eléctrico no edificio; reducindo tamén a contaminación ambiental asociada á xeración de electricidade.

Durante o acto desta mañá, ao que tamén asistiu a xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, o conselleiro de Sanidade agradeceu a disposición do alcalde da Baña para poder asinar o convenio co tempo suficiente para a licitación e execución da obra en prazo e forma, co fin de que canto antes pacientes e profesionais conten cun centro de saúde mellor e máis confortable. 

Pola súa parte, o alcalde da Baña interesouse polos problemas que houbo no centro de saúde por falta de persoal de enfermería. “Cando lle preguntei contestou que xa estaba arranxado, que fora un  problema de carácter puntual”. Segundo o alcalde, tras notificar estas incidencias foron resoltas de maneira inmediata.

Ademais, lembrou que non é a primeira mellora experimentada polo centro de saúde da Baña nos últimos anos pois, froito do investimento de 8 millóns de euros en equipamento, derivado do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, este centro recibiu un electrocardiógrafo e un espirómetro por un importe total de 5.929 euros.

20220622 convenio sergas web