• O equipo de goberno mantivo unha reunión co colectivo Fonte Seca e a asociación de veciños O Outeiro de San Mamede de Monte  

  • Ofrecerán unha rolda de prensa conxunta o vindeiro luns, día 27, para explicar a postura de rexeitamento contra o parque eólico 

20220623 reunion goberno fonte seca asociacion Outeiro parque eolico troitomil

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, e o tenente de alcalde, César Ramos Domínguez, mantiveron unha xuntanza onte pola tarde cos representantes do colectivo veciñal Fonte Seca e da Asociación de veciños O Outeiro de San Mamede de Monte ao obxecto de reafirmar as posturas de rexeitamento contra o proxecto de parque eólico de Troitomil.

A xuntanza prodúcese tras o anuncio da Consellería de Economía, Industria e Innovación, publicado o 16 de xuño no Diario Oficial de Galicia, polo que se somete a información a declaración de utilidade pública, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, do proxecto do parque eólico de Troitomil.

Membros do goberno da Baña e representantes das dúas asociación acordaron coordinar as medidas de rexeitamento ao proxecto e convocar unha rolda de prensa conxunta para explicar os motivos desta postura. A esta rolda de prensa, que se celebrará o vindeiro luns, día 27 de xuño, ás 20.00 horas no salón de plenos, están convocadas tamén toda a Corporación, grupos políticos e a veciñanza en xeral.

A vindeira semana celebrarase tamén un pleno extraordinario, cun único punto na orde do día, no que se deixará constancia da oposición total tanto á declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos terreos do proxecto do parque eólico de Troitomil como ao propio proxecto en si dos muíños de vento.

Ademais, o Concello da Baña remitirá unha carta informativa toda a veciñanza na que se explicará e se argumentarán os motivos polo que se rexeita pública e taxativamente a implantación e a tramitación dos parques eólicos no municipio.