• Nun pleno extraordinario aprobou unha declaración institucional solicitando a paralización do parque eólico de Troitomil e a tramitación de todos os iniciados
  • Facilitarase axuda á veciñanza para presentar alegacións

 

 

A Corporación da Baña volveu rexeitar onte por unanimidade de todos os grupos a instalación de parques eólicos no municipio e solicitará a paralización da tramitación da declaración de utilidade pública do de Troitomil, que foi publicada no DOG o pasado 16 de xuño.

Os tres grupos políticos volveron aprobar outra declaración institucional manifestando o “rexeitamento público e total” á implantación e tramitación de todos os parques eólicos iniciados. É un acordo unánime máis da Corporación para rexeitar a implantación abusiva de parques eólicos na contorna. Outros acordos por unanimidade do pleno neste sentido xa se produciron no pleno do 31 de marzo de 2021 e tamén no pleno celebrado o 28 de abril de 2021, no que xa se aprobara outra declaración institucional rexeitando estes parques. O 13 de outubro de 2020 os alcaldes da Baña, Negreira, Mazaricos e Santa Comba asinaran unha declaración reclamando unha normativa eólica xusta para o rural.

No pleno celebrado a última hora da tarde de onte, o alcalde, Andrés García Cardeso, volveu pedir unidade das forzas políticas e da veciñanza para rexeitar a instalacións de parques eólicos no municipio, ao tempo que anuncio que técnicos do Concello están a disposición da veciñanza para axudarlle a presentar reclamacións á tamitación de declaración de utilidade pública do parque eólico de Troitomil (que se poden presentar ata o 1 de agosto). O obxectivo é paralizar a implantación do parque eólico de Troitomil e os demais de Barrosinos e Vilartoxo.

Na sesión de onte había varios veciños das parroquias afectadas no salón de plenos.

20220630 pleno extraordinario bana contra parques eolicos 2

Declaracións institucional contra os parques eólicos na Baña

A continuación reproducimos integramente a declaración institucional aprobada onte (que coincide coa lida o pasado luns na rolda de prensa conxunta coa Asociación A Fonte Seca e coa Asociación de Veciños O Outeiro de San Mamede de Monte):

O pasado 16 de xuño de 2022, saíu publicado no Diario Oficial de Galicia e en La Voz de Galicia a información pública da declaración de utilidade pública do parque eólico de Troitomil polo que lle queremos transmitir a nosa preocupación así como o rexeitamento público e total á implantación e tramitación de todos os parques eólicos iniciados.

Por todo isto, temos previsto:

  1. Demandar formalmente a paralización do proceso de declaración de interese público do parque mentres a Consellería de Industria non dea contestacións ás anteriores alegacións e ás seguintes solicitudes presentadas e pendentes de aceptar:
  • Petición á Consellería
  • Amparo á valedora.
  1. Solicitar unha reunión informativa, aberta á cidadanía, na que sexa o secretario do Concello o que nos informe dos pasos dados e do percorrido que temos por diante. É importante que sexa un técnico.
  2. Presentar unha demanda de paralización da declaración de utilidade pública pola alteración significativa sobre o PXOM xa que de facto é unha alteración total sobre boa parte dos terreos e das construcións xa existentes.
  3. Enviar o Concello unha solicitude de alegacións ás expropiacións da rede viaria.
  4. Mandar unha solicitude de traslado á Deputación da Coruña para que faga o mesmo.
  5. Profundar na alegación contra a partición dos parques. Hai novas sentenzas e hai que insistir en que non ter en conta que esas sentenzas sentan xurisprudencia, podería xerar demandas contra o funcionariado que as asinen.
  6. Incidir en que a totalidade das infraestruturas do parque, incluídas as de evacuación da enerxía xerada, deberán estar incluídas para a súa consulta pública e avaliación global no presente documento de inicio e non noutros proxectos independentes que lle impiden á cidadanía a avaliación dos impactos ambientais globais do conxunto das infraestruturas do proxecto industrial.
  7. Solicitarlle a Medio Rural documentación que acredite todos os incendios habidos nese monte durante os últimos 35 anos.
  8. Insistir en que o Concello non ten capacidade para abastecer de auga potable a poboación afectada e, polo tanto, tratándose dun ben básico, faise inviable a declaración de utilidade pública xa que hai risco severo de que as obras afecten os mananciais, o que supón unha afección moi severa e prexuízos significativos para os recursos hídricos e a vulneración flagrante da Directiva marco da auga (DMA). 

Ademais non existe un estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a calidade das masas de auga superficiais e soterradas e a non afección dos acuíferos. A mercantil promotora obvia as captacións de auga para o uso humano e agrogandeiro e os mananciais e fontes que hai na poligonal do parque eólico e no traxecto da liña de evacuación.

  1. Insistir en que hai unha forte alteración social e que polo tanto se demanda a paralización desta declaración de utilidade pública.
  2. Solicitar unha reunión no Parlamento de Galicia co vicepresidente e co conselleiro de Industria, Francisco Conde para que o grupo de goberno vaia da man dos colectivos veciñais e trasladarlle a repulsa ao proxecto eólico de Troitomil.
  3. Solicitar unha reunión con Valentín Formoso, presidente da Deputación, para que presente alegacións pola estrada O Seilán-Lañas e para que lle  mostre o seu apoio ao Concello da Baña.

Co fin de colaborar coas persoas afectadas, o Concello da Baña ponse ao servizo da veciñanza, ata o 1 de agosto, para axudar a tramitar os escritos de alegacións coa finalidade de paralizar a implantación deste parque eólico de Troitomil nesta información pública e nos demais de Barrosino e Vilartoxo.