• O conselleiro de Industria, Francisco Conde, escoitará de primeira man o rexeitamento a declaración de utilidade pública do parque de Troitomil

  • O prazo para presentar alegacións remata o 1 de agosto

  • O Concello pon a disposición da veciñanza un modelo tipo de alegacións, que se pode descargar dende a páxina web

  • Haberá xuntanzas informativas en Lañas, o día 12; San Mamede de Monte, o 13, e en Fiopáns, o día 14

  • A veciñanza poderá consultar dúbidas por correo electrónico ao avogado Borxa Colmenero, de Acouga

20220627 Bana rexeita parques eolicos Fonte Seca O Outeiro 9

En dúas semanas o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Industria coñecerá de primeira man o rexeitamento unánime da veciñanza e das forzas políticas da Baña contra a tramitación de parques eólicos no municipio. O Concello pon a disposición das persoas afectadas un modelo tipo de alegación para presentar contra a declaración de utilidade pública do parque eólico de Troitomil (o prazo para reclamar remata o 1 de agosto). Ademais de solicitar informes a Consellería de Medio Ambiente e a unha arqueóloga, dende o goberno municipal chegaron a un acordo do avogado de Acouga, Borxa Colmenero, para que atenda por correo electrónico as dúbidas dos e das bañenses.

O mércores día 20, pola tarde, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, recibirá ao alcalde da Baña e a representantes das asociacións de veciños O Outeiro, de San Mamede de Monte, e A Fonte Seca. Na xuntanza o conselleiro coñecerá de primeira man cales son os argumentos do Concello da Baña e da veciñanza contra a tramitación da declaración de utilidade pública do parque eólico de Troitomil e de todos os que se están a tramitar ou solicitar no municipio da Baña. Como quedou ratificado no último pleno, a Corporación da Baña e os representantes sociais pediranlle ao vicepresidente da Xunta que paralice todos os procesos que están en marcha.

Dende o Concello tamén se solicitou unha entrevista co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, para solicitar o apoio do organismo provincial, pero de momento non se obtivo resposta.

Charlas informativas polas parroquias

Ademais de solicitar estas entrevistas, que figuraban na declaración institucional aprobada por unanimidade no pleno do pasado 30 de xuño, dende o goberno municipal organizáronse tres charlas para informar á veciñanza das medidas adoptadas, cales son os dereitos que os asisten, como presentar alegacións e o asesoramento que o Concello pon a súa disposición.

A primeira destas xuntanzas celebrarase o vindeiro martes, día 12, no local social de Lañas, a partir das 20.00 horas. O mércores 13 a reunión será en San Mamede de Monte (19.00 horas tamén no local social). O xoves, día 14, a xuntanza vaise celebrar no local social de Fiopáns ás 20.00 horas.

De xeito paralelo, o equipo de goberno chegou a un acordo con Borxa Colmenero, avogado e membro da asesoría xurídica da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga), que asesorá a todos os veciños e veciñas da Baña que teñan dúbidas de cales son os seus dereitos e de como presentar alegacións. As persoas interesadas deberán enviarlle un correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Invitado pola Asociación O Outeiro, Borxa Colmenero ofreceu o pasado 7 de abril na Baña unha charla sobre os dereitos da veciñanza diante da implantación de parques eólicos no municipio (ver vídeo neste enlace).

O Concello xa solicitou tamén á Consellería de Medio Rural un informe que acredite todos os incendios acontecidos no municipio nos últimos 35 anos nos terreos afectados. Por outra banda, unha arqueóloga está elaborando un informe sobre o impacto dos parques eólicos nas parroquias que están dentro da poligonal do parque eólico de Troitomil.

O obxectivo destes informes, e dos que están a preparar os técnicos municipais, e demostrar que a autorización do parques eólico en Troitomil incumpriría a lexislación vixente e alteraría o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Alegación tipo a disposición da veciñanza

O equipo xurídico municipal está preparando as alegacións do Concello para recorrer a declaración de utilidade pública. Ao mesmo tempo, o equipo municipal de urbanismo asesorará a aquelas persoas que precisen axuda para tramitar as alegacións que estimen oportunas. Para falar cos técnicos recoméndase solicitar cita previa no 981 88 65 01.

Xunto a estas medidas, que dan cumprimento ao acordo adoptado no pleno do pasado día 30 de xuño, o equipo de goberno pon a disposición de toda a veciñanza un modelo tipo de alegación contra a declaración de utilidade pública do parque eólico de Troitomil (o modelo pódese descargar na páxina web do Concello da Baña).

O prazo para presentar as alegacións remata o vindeiro 1 de agosto. Ademais de no rexistro ou na sede electrónica da Xunta de Galicia, as reclamacións pódense presentar tamén no rexistro do Concello da Baña. Dende o goberno local recomendan á veciñanza que non agarde ao último día para presentar ditas alegacións, e ofrecen a axuda dos técnicos municipais para facer os trámites necesarios para presentalas.